Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Javi Turnes
10:39
23/02/10

Inxenuidade


Inxenuidade

  • Javier Turnes:

Profesor[?] de Filosofía, Músico[?] Escritor[?] … acaso unha constante deriva a través do ocurrir. Devindo, buscando o feliz fracaso do encontro cunha identidade calsea. Un transitar entre a exterioridade dos acontecementos e a interioridade do destino. Un movemento que parece aludir á conquista heroica da potencia dos afectos e a esa experiencia perdida que escoita a tranquila presencia das cousas. A Costa da Morte é agora o territorio desa exposición ó querer vivir, así como o da búsqueda dunha comunidade que falta.


Que desastre se unha muller nos ama
porque nolo merecemos!
Que aburrimento
a felicidade como premio ou recompensa dun traballo ben feito.

  • G. AGAMBEN

‘Inxenuo’ aplícase á persoa que non ten malicia ou picardía: que supón sempre boa intención nos outros, e cre o que din. O inxenuo é o incauto, o neno. Mais o neno sabe unha cousa: sabe que a maxia existe. Non sabe moi ben en que consiste a maxia.
Pero confía nela. Inxenuamente.  

O inxenuo é  tamén o infeliz. Quizá aquel no que se aparece esa tristeza e ese hastío sentidos na carne. Tan só igual que pasa o tempo. Non sabe moi ben en que consiste esa tristeza e ese hastío.
Pero devén neles. Inxenuamente. 

A raíz  ‘xen-‘ de ‘in-xenuo’, é tamén a mesma raíz de ‘genius’.
Genius é a nosa vida na medida en que non nos pertence. Aquilo que hai en nós que nos supera e excede. Aquilo que rompe a pretensión do Eu de bastarse a si mesmo. Por iso pódese dicir que hai algo de inxenuo en todo home. Non sabe moi ben en que consiste o seu ser.
Pero iso móveo. Inxenuamente. 

Por outro lado, está tamén aquel que se pretende ou se mostra suficiente para bastarse a si mesmo. Así son os eruditos, os entendidos, os expertos, os peritos, os psicólogos e, en fin, todo aquel que se pretende -e que se cre- destro na súa materia.
Seica se sospeite a si mesmo merecedor dalgunha sorte de premio ou recompensa por ser tan eficaz. 

Por iso é  polo que resulta interesante virar a mirada cara esa actitude chamada inxenuidade. Ese modo de estar no mundo. Tanto é asi que na traxedia atopámonos con algo de inxenuidade: que é logo o sorprenderse arrebatado polo devir senón ser un inxenuo? 

O estranxeiro, ou un cando se sente estranxeiro, tamén produce ou ten esa sensación. O estranxeiro é un inxenuo porque non sabe e pregunta e busca onde están as cousas, as persoas, os lugares. Onde comer, con quen falar, onde contemplar o solpor… 

Quen acariña máis valerosamente a súa existencia? Ou é quen de calar dignamente como o bosque e a roca antes de abalanzarse sobre ese soto dos conceptos e da cultura
Seica hai algunha pretensión semellante na araña que tece a súa tea?

Seica non nos atravesarán máis os aconteceres cando aparezan así, sen esperar nada?

  • Javier Turnes (javiturnes[arroba]quepasanacosta.com)

Comentarios