Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Javi Turnes
13:04
17/02/21

Un xesto imperdoable

Emic/etic
Un xesto imperdoable

En Antropoloxía, unha descrición emic é unha descrición feita en términos significativos (conscientes ou inconscientes) polo axente que a realiza. Por exemplo, unha descripción emic de certo costume dos habitantes dun lugar estaría baseada en como explican os membros desa sociedade o significado e os motivos dese costume.
Unha descrición etic é unha descrición de feitos observables por calquera observador desprovisto de calquer intento de descubrir o significado que os axentes involucrados lle dan.


Hai moitos anos, cando debía dar ese paso tan artificial de elexir carreira comecei a estudar Enxeñería Forestal. Lamentablemente, aquela cousa non satisfacía as miñas expectativas poéticas que fora o criterio fundamental que eu empregara para tomar a decisión: a miña fascinación polas árbores, pola súa inquietante presencia, pola súa indiferencia aos homes e á súa idiotez. Mira por onde, case trinta anos despois, esa misión e esa intuición xuvenil, volven de novo para interpelarme debido ao ocorrido hai uns días no monte do Cabo.

Plantar unha árbore, un carballo nomeadamente, en nome dun bluesman é un xesto que contén un significado e un simbolismo moito máis abundante do que a primeira vista podería parecer, xa que apunta ás semellanzas e ás complicidades e alianzas que unen á humanidade e aos seus modos de expresión co planeta que habitamos, lanza a promesa de que é posible o encontro e a reconciliación: amenaza aos Uns que nos queren ser impostos dende o poder e os seus dispositivos.

Plantar vai moito máis alá da importancia máis ou menos ecolóxica, máis ou menos estética que a ese xesto se lle pode atribuir. Vai máis alá das modas do momento, do discurso mediático do momento que é, nese insulto explícito que se nos fai ás persoas, nesa elusión implícita a toda posibilidade de coñecemento e experiencia propios, o mundo ambiente no que se move a opinión e o posicionamiento político de moitas persoas.

Denomínase Revolución Neolítica á primeira transformación radical da humanidade, que pasou de nómada a sedentaria e comezou a establecer unha forma de vida produtora baseada na agricultura e na ganadería, é dicir: na creencia nas posibilidades dun lugar a través do seu coidado.

Plantar unha árbore é un xesto que apunta á creación dun lugar onde hai cousas que poden ocorrer. Neste caso, trátase da recreación de accións que aluden ao carácter ancestral da relación do home coa natureza, pero tamén da súa relación cos futuros das nosas fillas e do porvir da raza humana.
Plantar unha árbore obedece a unha lóxica que vai máis alá da visión moral e limitada dun momento no tempo: suxire unha política da reconciliación a través do entorno e cos seus habitantes, unha vontade de construción do común que nunca debería ser unha estratexia, unha técnica, unha inversión local, autonómica, estatal, etc.

Ante o xesto de cortar unha árbore poderíase responder plantando dez ou vinte. Iso sería sinxelo. Moi fácil tecnicamente. Incluso economicamente, que é a escala pola que a algúns lles gustaría medilo. 
Mais se ese xesto de cortar e destruir nos parece deplorable e arrepiante, non é tan só polo mal e a morte que se lle otorga a esa árbore en concreto, nese lugar en concreto, nese pobo en concreto..., é porque obedece a unha visión das cousas sometida á lóxica da vinganza e que descoñece absolutamente o lugar do ser humano no mundo, a súa responsabilidade e a súa capacidade de transformación.
Se ese xesto nos parece tan repugnante e irresponsable é porque nos parece imposible que calquera poda vivir nesa lóxica e plantexe precisamente esa resposta, esa vinganza ante o que esa árbore simboliza.

Non é o noso mérito nacer nun lugar. Se algo pode ser o noso mérito é o de coidar ese lugar e facelo medrar, facelo valioso para calquera, sexa de onde sexa, veña de onde veña e baile a música que baile.
Por iso é unha inxustiza tan grande. E por iso non cabe o perdón. Os pais poden perdoar aos fillos e deus pode perdoar ás criaturas: o xesto do perdón destrúe a igualdade. Perdoar só significa renunciar, calar e pasar de largo. O que perdoa renuncia a vengarse porque tamén el podería ser culpable. O que se venga non desexa perdoar, pois pode facer o mesmo que se lle fixo a el.

Por todo iso o mal é aquelo que non debería ter sucedido, aquelo co que endexamais poderemos reconciliarnos.

  • Javier Turnes


 

Comentarios