Venres. 19.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
20:05
15/10/10

A Patronal

Hai cousa de ano e media elucubraba eu sobre a condición de empresario en Cee. Viña a testeada o caso do polígono que por aquel entón se proxectaba en Cee (fago un pequeno alto. Que mala é a hemeroteca, que puñetera. Ano e medio despois a cousa segue a ser só un proxecto, cada vez mais inviable). E “resultamelascuentas” que diría Manín, que rematado case 2010 o debate, naqueles polígonos que si están rematados, é como podía resultar obvio para calquera, o prezo do metro cadrado. Acabaramos. Os cartos claro.

Dicía eu noutra columna, na radio, en aqueles mesmos días que nin se precisaban nin tiñan sentido todos aqueles metros dos que se falaba de chan industrial na comarca, basicamente porque as empresas locais non os precisaban e porque, nas condicións da época en canto a comunicacións e medios, a costa da Morte non é para ningunha empresa allea un emprazamento interesante. E o tempo, por variar, doume a razón. E en Vimianzo temos 500.000 metros cadrados criando herba e outro tanto en Malpica e os proxectados en Cee (¿?) seguen a ser polo visto unha necesidade. Non sei para quen, pero seguen.

As preguntas e as respostas neste asunto viaxan xuntas. ¿Facía falla este despregue?. Si e non. Si, porque basta xa de naves industrias no medio das casas. Non, dado que a Xunta, apoiada polos mesmos empresarios que antes acudiron as reunións e pedir polígonos, decidiron legalizar as naves estiveran onde estiveran, lexitimando que cada quen faga o que lle pete e constrúa o que desexe onde lle pete. Así que ¿para que preciso facer unha nave nova na lei, se a que teño fora dela agora resulta que é legal?.

Por outra banda ¿75 euros o metro é un prezo asumible para a patronal na comarca?. Nin de coña. Pero xa non o era hai 5 anos, no mellor das vacas gordas. 75 euros cando un precisa como mínimo 1000 metros implica un desembolso que poucos poden asumir. Pura inversión que non reverte en décadas. ¿Para que preciso algo así, cando a miña actual nave, en propiedade, xa esta dentro da lei que antes obrigaba a derrubala?.

Empresas foráneas… ja. ¿Quen?, ¿Cales?. ¿Dedicadas a que?. O mínimo, o imprescindible que necesita calquera empresa, poñamos, de 100 traballadores, e unha boa vía de comunicación, un entorno adecuado con medios técnicos que solventen o dia a dia das necesidades da empresa e un prezo, porque non, atractivo, que anime a situarse antes aquí que na Coruña ou Compostela. Mala cousa cando o lugar so chega unha estrada do século XIX, sen tren, onde a luz marcha sen ton nin son todo o inverno e onde a cobertura do móbil ou a internet fallan mais que unha escopeta de feira e sen capacidade real de banda ancha. Mal asunto.

Así que, simplemente, unha demostración mais do escaso, do nulo peso especifico, non so da clase política da comarca a ningún nivel, senón tamén da empresarial. Da patronal, que na costa da morte é menos “patro” e mais “normal” que en ningunha outra parte de Galicia. Outro sector onde non dámola talla, a pesares das persoas e dos seus denodados esforzos. Outro máis.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.com).

Comentarios