Xoves. 14.11.2019
El tiempo
José Luis Louzán
18:50
04/12/09

Desistencia de autoridade

Desistencia de autoridade
As verdades como puños de José Luis Louzán  

Téñome referido en varias ocasións o asunto da autoridade e a sensación, amosada pola pertinaz realidade, de que quen debería exercela, ou non o fai, ou o fai mal adrede. E tendo en conta que sobre isto non esta “de moda” falar, queda pouco “progre” e demais, pois nada mellor que estas tardes de pleno inverno para poñernos en fariña e matizar que é e que non é asunto dun goberno, dun gobernante ou dunha autoridade, sexa civil ou policial. 

Vivimos a diario esas desistencias, eses abandonos, en moitas ocasións sen darnos conta, amparados no anonimato ou na ignorancia da cidadanía de cales son as obrigas de cada un. Parece mentira pero, coa lei na man, poden ser centos de ocasións.  

Un goberno municipal, por exemplo, é elixido para mandar. O goberno se conforma de acordo cos resultados duns comicios e de hai emana un goberno que, atención, ten a obriga de decidir por todos. E cando esas decisións se producen, e cando unha desas decisións resulta complexa, pouco popular, incluso negativa a curto prazo para unha maioría, non vale o escaqueo, non vale a desistencia. Hai que ordenar e facer cumprir aquilo que a conciencia e o estudo das necesidades leva a decidir. E punto. Non so é pouco valente, senón incluso vergoñento o abandono da responsabilidade do que certos alcaldes na bisbarra, sen ir mais lonxe, fan gala dun tempo a esta parte en pro dunha suposta concordia veciñal. Para non molestar, din. Para non molestar dimita. Así seguro que non molesta. Pero si se presentou para mandar e considera que as súas decisións como máxima autoridade publica a nivel municipal son as correctas, adiante, mande e asuma a súa responsabilidade. 

Todo o problema parte deste tempo da historia onde o “politicamente correcto” quedou consolidado coma substituto do “moralmente correcto” cando ámbalas dúas cousas non teñen nada que ver.  Resulta politicamente correcto admitir calquera falcatruada dun mozo porque, a fin de contas “teñen dereito a divertirse”. Pero isto mesmo é moralmente reprobable, creo eu, o non deixar marcados na etapa de formación do carácter xuvenil cales son os limites. O non facelo nesta fase resulta difícil e confuso facelo despois, ou moito mais custoso, sobre todo para o mozo que, de repente, descubre que con 16 daba igual o que fixese pero con 25 vai o cárcere por accións mais correntes. 

      

Igualmente, nalgún momento, o proceso democrático quedou transgredido polo feito mesmo da elección dos individuos. Me explico. Si de elixir os mellores para o cargo se trataba ¿non seria mais sinxelo elixir, directamente, “os mellores”?, ¿porque debo conformarme cos compoñente dunha lista?, ¿non debería poder seleccionar a Pepito, Paquito e Toñito, indiferentemente de cal sexa a súa corrente ideolóxica?, ¿porque non podo elixir a alguén que, simplemente, non pertence a ningún partido?. Aínda mais grave ¿que estamos elixindo, un administrador ou un gobernante?. Este é o quid da cuestión, me temo. 

Si necesito un administrador o que quero e coñecer o seu curriculum, cantos títulos ten, que experiencia coma xestor me ofrece, canto sabe dos vericuetos e especificacións burocráticas. Pouco me importa o seu perfil persoal, si é alto ou delgado, novo ou vello, si esta ou non casado, cales son as súas bases ideolóxicas ou si lle gustan os touros ou os museos. Quero unha xestoría, non un mandatario. Si se trata, nembargantes, de elixir unha autoridade necesito coñecer todo o anterior e, ademais, escoitalo falar e sobre todo, “escoitalo mandar”. Porque, senón manda, senón convence, se carece de carisma ou actitudes para facerse respectar no cargo ¿para que o quero?. Si padece deses defectos pode ser un excelente cociñeiro, mestre, medico ou electricista pero, seguro, será un pésimo mandatario. E, aló menos nun goberno da bisbarra e na mesma lexislatura, hai un alcalde que se deixou asoballar sen miramentos en dúas ocasións.

 

Claro que, tan malo como non mandar e mandar mal, e deses tamén temos exemplos dabondos na bisbarra, onde temos de todo e todo malo polo que se ve. O despotismo, para nada ilustrado, fai aparición lexislatura si lexislatura tamén no decorrer da nosa historia. E tán malo ou peor é carecer de autoridade coma administrala de maneira neglixente, abusar do débil e favorecer o forte, temer a aquel que nos supera economicamente e menosprezar o que o fai intelectualmente.  

O intelecto, ese grande descoñecido na política da Costa da Morte. Seguro que para moitos a ausencia de autoridade real nas rúas resulta cómoda, incluso recomendable. A fin de contas, a golpes se mandou neste país durante mais de 40 anos pero, para min aló menos, o feito da actual desistencia de autoridade no municipal, que é o que mais preto padezo, non é mais que outro síntoma dun tempo pésimo que so nos leva cara dun camiño... o de confirmar que si ninguén esta mandando non necesitamos nin mandatarios nin as súas dedicacións exclusivas, claro... Ah¡ que de cobrar si que se acordan¡. Vale.

  • José Luis Louzán.

comentarios