Venres. 29.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
10:08
29/05/17

Días contados

Días contados
A verdade é que non sei moi ben como empezar. Esta columna a escribo no convencemento de que hai cousas erradas e propias dun inicio, convulso para un proxecto ilusionante. Dende hai moito tempo, era para moitos evidente a necesidade dun movemento político que, por fin, renovase e actualizase un sistema caduco e inútil que nos leva cara ao desastre sen remisión. Homes e mulleres de múltiples estratos sociais e lugares en Galicia levan tempo asumindo que hai demasiadas cousas funcionando mal, poñendo en perigo os avances sociais logrados e colocando na picota as conquistas acadadas nos últimos 30 anos. É momento dun cambio pero, por algunha razón, ese cambio non chega. E creo saber por que. A constitución en Galicia de En Marea estivo, dende o inicio, chea de complicacións. A ninguén escapa que a explosión nada controlada do BNG afectou a toda a esquerda galega e que elementos desta formación, ou relacionados con ela, accederon a postos e lugares dende os que controlar o nacemento e constitución da plataforma e do partido instrumental que hoxe son En Marea. É lóxico pensar que estas persoas abandonaron o BNG por algo, pero en non poucos casos da a sensación aos simples mortais de que existen “débedas pendentes” que se están a saldar aproveitando os movementos telúricos propios do nacemento do partido. Así que a sensación é que existe un problema de persoas e iso, loxicamente, non está ben. Non está ben que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ex membro dos CAF (Comités abertos da Facultade), da CIG e do BNG critique ao voceiro nacional de En Marea en prensa porque, cito; “cree que é «anómalo» que a lista que obtivo a maioría absoluta nas primarias de En Marea non sexa «a que está facendo as labores de coordinación». Nunha entrevista a Europa Press, o rexedor herculino cre que será o próximo plenario o que terá que debater esa situación e ver si a dirección da coordinadora é refrendada polas bases”. As bases... aha. Non todo o mundo pode formar parte ou formou parte dun “círculo” ou dun grupo fundacional das Mareas Municipalistas. Ou de Anova. O cerme inicial da Marea só representa unha parte moi pequena dun movemento que debeu ser maior pero que, agora, 3 anos despois de aquel “Big Bang” inicial, se dilúe tal que un azucariño. As bases. Eu estiven no último plenario de En Marea. Estiven porque estou inscrito e porque podo, en cumprimento dos dereitos que teño recollidos para min na constitución. Para min e para todos, aínda que a maioría os esquezades. As bases. Un sistema de reparto proporcional que non reparte proporcionalmente a representación en todo o territorio non é proporcional. E o plenario de En Marea votou en contra desto. Si se quere que comarcas máis ou menos despoboadas (a maioría en Galicia) teñan representación e “peso” nunha organización sería bo poder contar con alguén de esas comarcas nos órganos de dirección do partido. Máis que nada porque a desafección é un cancro e se estende a unha velocidade pasmosa. Na era do internet ter ou non acceso a determinadas cousas, documentos, encontros, persoas, é tan sinxelo coma usar as ferramentas existentes a disposición de calquera. Pero aquí entramos no xeito en que se da cabida as persoas, non aos movementos, nunha organización transversal e aberta. Hai un capítulo concreto do libro sobre A Transición da ínclita Victoria Prego que explica ben o que aquí sucede. Trátase do capítulo que explica os movementos dos partidos da esquerda democrática (nominalmente o PSOE e o PCE) para constituír cadansúa plataforma de “unificación” para loitar co réxime moribundo. Por unha banda, o Partido Comunista aglutinaba a persoas e forzas no marco da Junta Democrática de España mentres os socialistas facían o propio na Plataforma de Convergencia Democrática. Chegado un momento ámbolos dous movementos se unían a súa vez na denominada Coordinación Democrática, popularmente coñecida como Platajunta, e instauran unha indicación criticada entón fortemente por intelectuais e persoas realmente significadas a título individual na súa loita contra a ditadura franquista; a da obriga de pertencer a algunha organización política para poder formar parte do novo organismo. Esa exclusión das persoas a título individual forma parte tamén do aprobado no último plenario de En Marea e ten, dende o meu punto de vista, bastante que ver co que agora sucede. De feito, unhas das poucas persoas que acude a esta organización a título particular é, curioso, o criticado agora voceiro de En Marea Luís Villares. De feito, se algo se pode criticar a En Marea é que, a pesares de que Podemos pertence a plataforma, a elección de cargos aos órganos de dirección da organización non se fixo mediante a listas abertas. Foron moitas as listas presentadas, certo, pero en ningunha delas se podía elixir a título individual as persoas coas que un ou unha tiña maior ou menor sintonía. Listas plancha. O mesmo que moitos criticamos a BNG ou PSOE durante anos. Pero si algo é preocupante no devir dos últimos tempos para En Marea, isto pasa polo referente a súa escasísima penetración no rural e a súa practicamente nula presenza a nivel local fóra das 7 grandes cidades. Vexamos por que, (cadro anexo):

Grandes cidades (Municipais 2015 e Autonómicas 2016)

Cidade
PP
En Marea (ou Mareas locais)
PSOE
Coruña
30,89% - 43,52%
30,89% - 23,93%
18,34% -17,76%
Lugo
31,99% - 46,76%
11,37% - 20,69%
29,51% - 18,48%
Santiago
33,61% - 46,17%
34,58% - 20,77%
14,65% - 16,48%
Ferrol
36,10% - 44,25%
21,98% - 23,72%
18,33% - 17,68%
Ourense
30,93% - 46,32%
10,37% - 16,69%
19,06% - 17,41%
Pontevedra
27,01% - 42.05%
8,14% - 18,52%
10,81% - 16,88%
Vigo
20,47% - 34,43%
11,50% - 27,68%
51,80% - 22,58%
TOTAIS (media)                                30,13 - 43,36                                         18,40% - 21,71%                                23,21% - 18,18%  

Municipios de menos de 10.000 habitantes (Municipais 2015 e Autonómicas 2016)

Municipio e Prov.
PP
En Marea (ou Mareas locais)
PSOE
Cee (A Coruña)
28,80% - 50,53%
X - 14,95%
16,43% - 20,76%
Ribadeo (Lugo)
22,13% - 50,23%
4,99% - 17,06%
10,50% - 14,77%
Foz (Lugo)
37,24% - 48,51%
19,03% - 16,76%
24,67% - 19,14%
Salvaterra (Pont)
45,33% - 40,16%
5,61% - 20, 47%
28,20% - 22,95%
Ribadumia (Pont)
42,34% - 51,23%
33,29% - 16,05%
7,40% - 17,63%
Celanova (Ourense)
59,07% - 57,37%
X - 11,24%
17,50% - 15,60%
Coles (Ourense)
26,24% - 45,38%
X - 14,54%
68,03% - 23,56%
Tordoia (A Coruña)
67,87% - 71,34%
X - 4,97%
23,89% - 12,90%
TOTAIS (media)                                        41,12% 51,84%                                    7,86% - 14,50%                           24,57% - 18,41%
  Nas grandes cidades, o movemento xerado polos Círculos (Podemos) as Mareas Cidadás ou as accións de grupos escindidos do BNG e vinculados ou non a Anova propicia que a distancia real, tanto en Municipais coma en Autonómicas entre PP e En Marea sexa moi corta. Por exemplo, si tomamos a media dos resultados en municipais en 2015 nas 7 grandes cidades galegas obteremos unha serie de curiosas conclusións. Para empezar, o PP logra unha media dun 30% dos votos fronte ao 23% do PSdeG-PSOE ou o 18,4% das “Mareas” (nas municipais de 2015 En Marea non acudiu coa súa marca porque non existía como tal). En resumo, só 5 puntos separan a En Marea dos socialistas e só sete separan a estes do PP. Sen embargo, se miramos cara o rural, na media dos 8 concellos de menos de 10.000 habitantes que tomaremos coma referencia (dous de cada unha das catro provinciais) a distancia é sideral. O PP asume o 41 por cento dos sufraxios, mentres En Marea, ausente en moitos deses concellos onde non existiu candidatura algunha das que logo se reuniron na plataforma En Marea, obtén unicamente unha media do 7 por cento dos votos, lonxe do PSdeG-PSOE que, coma sempre, si presentou candidatura en todos eles e conquire case un 25 por cento dos apoios. É dicir; o peso real de En Marea coma alternativa galega de esquerda para un goberno en Galicia carece de bases. É ben coñecido que, si queres gañar a Xunta de Galicia non serve con obter bos resultados nas sete cidades, non. Debes contar tamén cunha rede sólida a nivel municipal. Dos 314 concellos galegos, 256 teñen menos de 10.000 habitantes e, nunha inmensa maioría de estes, a Marea non subiu. Nin sequera asoma. Si hai, nembargantes, “Casa do Pobo”. E tabernas enxebres vinculadas ao BNG. E por suposto, locais do PP, por centenares. Como javiotas... As últimas autonómicas fan máis sangue se cabe a este problema estratéxico estrutural de moi difícil solución. En Marea, que si acudiu a todos os municipios de referencia, coma é lóxico, non fixo campaña de igual xeito en todos eles pola mesma razón pola que non conta cunha rede de traballo a nivel local. Así, mentres a media nas sete cidades coloca ao partido de Luís Villares por diante do PSdeG- PSOE (máis de 3 puntos por diante), as tornas cambia se a medida que tomamos é a dos 8 concellos con menos de 10.000 habitantes. Aí, o PP alcanza un escandaloso 51 por cento dos votos (e dicir, neses concellos, de media, un de cada dous veciños vota ao PP), e En Marea reduce o seu apoio por debaixo do 15%, case 4 puntos por detrás do PSdeG-PSOE. Dos oito concellos tomados coma referencia en Autonómicas, so en un En Marea superou o 20% de apoios (Salvaterra) mentres en Tordoia non alcanzou nin sequera un 5% das papeletas. Pola súa banda o PSOE non baixou do 10% de votos en ningún dos 8 e en 3 superou o 20%. A construción de En Marea, atropelada e chea de contradicións, cambios de ritmo e inferencias diversas, resulta máis un mal comezo que un nacemento desexado. A idea que dá en constituír esta plataforma coma resultado e solución a un problema evidente (a desconfianza nun modelo de esquerda caduco ou extremista, alonxado da realidade de aqueles os que pretende representar) vén de amosar unha serie de eivas que só unha reformulación clara dos medios e dos liderados pode solventar. E, ademais, solventar de maneira urxente. Faltan escasamente 2 anos para as próximas municipais e o panorama, practicamente, non cambiou. O talón de aquiles para En Marea segue sendo o mesmo, a saber; carecer dunha rede real de agrupacións locais que poda traballar ao nivel da rúa nunha labor xorda e lenta como o preciso para consolidar calquera proxecto municipal en Galicia. Vila a vila, aldea a aldea, casa por casa. Sen estrutura, sen candidatos e candidatas, sen persoas dispostas a dar a cara e a traballar, a realidade das próximas autonómicas e máis ou menos a mesma que nas últimas; nula presenza real, bases débiles e sen liderado e nula capacidade organizativa. A día de hoxe aínda non se sabe nin sequera como e de que xeito acudirá En marea ás próximas municipais: renunciarán os partidos que a conforman a ter identidade propia nos seus concellos?... deixarán as mareas municipalistas que sexan cargos electos de En Marea os que “inchen o peito” na Coruña, en Compostela, en Ferrol?... está disposto Xulio Ferreiro a que Luís Villares fale nun mitin para a súa reelección na cidade Herculina en 2019?...  non lle parecerá “anómalo”? Como veciño da Costa da Morte, como residente en Cee, doeume moito o movemento do comité de empresa en Ferroatlántica en Sabón. Isto último vén o caso do enorme simbolismo da súa decisión, apoiando un plan industrial que saben de sobra que carece de ningún valor e lanzando unha especie de “sálvese quen poda”, que deixaba aos pés dos cabalos ao comité de Ferroatlántica en Cee e Dumbría. E, a que non sabedes que alcalde non dixo nin mu sobre toda esta polémica?... si, así é; Xulio Ferreiro. E, a que non sabedes quen encabeza no parlamento galego o movemento en defensa das centrais dende a oposición política e fronte a desidia e connivencia do PP?... pois si, Luís Villares. A distancia que hai entre unha declaración de Xulio Ferreiro na que critique ao comité de empresa de Sabón por insolidarios é a mesma que hai entre En Marea e unha agrupación local en Cee, Celanova, Coles ou Tordoia, concellos onde non tivo representación ou incluso candidatura en 2015 de ningunha agrupación local integrada despois no partido. Que alguén entenda na dirección desa formación que En Marea non vai a parte ningunha unicamente coas Mareas Municipalistas que auparon a Ferreiro ou Martiño Noriega. Mentres a organización non admita que un dos seus principais erros fundacionais pasa por non asumir a enorme dispersión a necesidade de accións concretas a demandas comarcais (e locais) estarán perdidos. Serán, como tantas outras veces, Días Contados.

 
  • José Luis Louzán, de RDF Comunicación (louzan[arroba]quepasanacosta.com).

Artigos de José Luís Louzán en QPC (2016-2017)

Verdades de José Luís Louzán en QPC (2012-2013)

“Verdades como puños” (2008-2011)

Fonte

Comentarios