Martes. 23.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
12:36
26/05/14

Lecturas

Os comicios de este pasado domingo danme pé a volver a estas liñas as que me convidan os editores do QPC cada vez que a Costa da Morte vota.

A razón probablemente sexa que ninguén salvo nós mesmos (este medio coma referente comarcal e poucos mais coma el) vai facer unha análise desprazada a nosa realidade do que queren dicir os resultados de onte. A clave para velos a través dos nosos ollos, dos ollos dos e das veciños e veciñas da bisbarra, pasa por vivir aquí, sufrir aquí e sentir aquí e iso, por agora so podemos facelo nos, os de aquí.

Partindo desta base, onte si quedou reflectido nos resultados das Europeas 2014 a tendencia xeral vista a nivel nacional, a saber; o bipartidismo acabase. A diferenza entre a Costa da Morte e o resto do país, onde esta tendencia foi moito mais evidente, está en que aquí hai que ler moito entre liñas. Moitísimo.

E tamén extrapolar. Hai que ler os datos coa vista posta en dentro de 12 meses, eleccións municipais, e nunha lectura que non sexa simplista nin partidaria. Imos aló.

Hai unha premisa habitual nos discursos en PP e PSOE a nivel local: “estas son unhas europeas e non se pode extrapolar”. Falso. Se pode, sobre todo si se le como se debe uns resultados evidentes como poucos.

Por exemplo. O PP e o PSOE perden ou gañan as europeas en función do peso real do seu candidato/a en cada concello e do partido en xeral. Así, en Fisterra o PP case duplica o seguinte (o PSOE), mentres en Dumbría ou Camariñas o PSOE gaña con aparente facilidade (un inciso. O de Camariñas e o PP alguén debería de facer que o miraran. Despois de darlle leña a Pichurri con todo o posible, nos tribunais, na rúa, etc. o PP de Rego obtén uns pírricos 648 votos fronte os 1008 do PSOE. Branco i en botella...)

Por contra, en Cee, o PP obtén a vitoria nuns comicios sen partidos independentes, si, pero co PSOE, defenestrado a nivel municipais quedando a uns escasos 150 votos. Tal vez un/unha candidato/a mais visible pola rúa ademais de polos despachos da Coruña faría moito ben os populares.

De igual maneira a lectura do que lle sucede o BNG na bisbarra é ben clara. Os nacionalistas son a única forza que, gobernando con maioría solvente en Zas por exemplo, perde abrumadoramente nestes comicios. E non so diante dos socialistas, sen peso ningún na política municipal, senón tamén diante do PP e con AGE a escasísima distancia. De feito, o BNG de Muiño logrou unicamente 155 votos fronte os 131 de AGE ou, o que é peor, os 42 de PODEMOS.

A irrupción na bisbarra do partido de Pablo Iglesias é para min, sen dubida, e a falta dunha análise mais detallada, a principal novidade de cara as próximas municipais. Un partido sen raíz rexional algunha (non coma o de Beiras) de esquerdas mais aló de Esquerda Unida (tradicionalmente esquecido na bisbarra) e sen base local que apoiase unha candidatura logrou mellores resultados que UPyD na maioría de concellos e achegouse a AGE noutros (en Carballo, por exemplo) sen facer campaña mais aló do internet e as redes sociais.

As preguntas, coma sempre, son evidentes: ¿Que sucederá nun escenario onde PODEMOS ou AGE presenten candidatos/as de consenso e viables nos concellos onde lograron maiores apoios sen nin sequera pasar por alí? ou ¿que pasará cando na ecuación unamos os partidos independentes?.

E aínda mellor que estas e mais perentorias; ¿A que agardan os socialistas para facer o que deben (renovar, virar a esquerda, etc)?, ¿E o BNG?, ¿A que agardan os nacionalistas para baixar da burra e facer caso os que lles piden menos mandangas e mais realidade?. Ana Miranda, probablemente a candidata con maior solvencia e sentido de estado na formación nacionalista volve a Europa en ausencia de políticos con carisma suficiente para dar que falar en Bruxelas (ou na Galiza). ¿Que mais necesita o BNG para recoñecer que vive nun erro constante dende os tempos de Guillerme I, “O Carismático”?

O panorama é simple. Onde PP, PSOE e BNG se repartían en 2009 o 97% dos votos emitidos agora esa porcentaxe queda nun escaso 76%. O resto é para AGE, PODEMOS, UPyD e outros, abrindo un abano de posibilidades insondable de cara as municipais do próximo 2015. Veremos.

Novas relacionadas

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios