Venres. 29.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
21:21
06/02/09

Os catro pilares do desastre

Os catro pilares do desastre
As verdades como puños de José Luis Louzán

Hai un par de séculos, Thomas Jefferson, un dos pais fundadores dos Estados Unidos dixo, sobre a revolución francesa que “Non espere vostede que o pobo, tanto tempo oprimido, pase do Despotismo a liberdade nunha cama de plumas”.

Con esta frase Jefferson xustificaba as matanzas que no nome da revolución se facían no pais galo nun tempo moi convulso de saldo de contas pendentes coa nobreza e cunha caste, cunha elite, que abusara da súa posición de predominio de forma inhumana durante séculos.

Non se trata de facer aquí un chamamento publico a revolución, que para nada, pero si a revisión reflexiva dos feitos que nos levan a situación actual. Feitos que se sustancian, penso eu, en catro graves deixadeces, catro preocupantes faltas de ética e de vergoña propia e catro eixos fundamentais dunha traxedia anunciada;

  • 1º. O estado de abotargamento, de desidia total, de aborregamento, dunha sociedade confundida, que ignora que so ela mesma decide o seu destino, que dimite das súas responsabilidades como máximos directores políticos da súa historia, e cede sen remisión a banqueiros e políticos para que sexan eles os que decidan que facer con todos. Claro, o día en que estes dous colectivos de delincuentes morais fallan estrepitosamente na súa labor directora, esa mesma sociedade atontada pide contas, sen comprender que hai demasiado tempo que o destino de todos non esta nas nosas mans.
  • 2º. Un corpo administrativo movido polos intereses partidistas e partidarios. Un grupo de políticos convertidos en clase social, millonarios, totalmente cubertos dos problemas cotiás, das débedas, do paro, da falla de cobertura sanitaria. Un grupo de privilexiados faltos de todo escrúpulo e dispostos a todo por perpetuarse no poder. Sen excepción.
  • 3º. Un grupo moi selecto de grandes capitais, presidentes de bancos mastodónticos, por enriba da lei, que directamente elaboran eles, e por enriba do ben e do mal. Unha casta ben diferenciada na que para entrar hai que ter tan poucos escrúpulos como ética e moral. Banqueiros os chaman, pero deberían mellor dicir usureiros, falsarios ou manipuladores, a vista da actual situación.
  • E 4º e derradeiro. Os medios de comunicación de masas. Ausentes de tódolos principios que moven a profesión periodística, sacrificados nunha loita fraticida sen sangue en defensa dos seus postulados partidistas, lonxe da realidade e mostrando so aquela cara que interesa, boa ou mala en función da directriz que dende os despachos do partido de turno, ou da entidade bancaria se é o caso, se indiquen.

O menú en catro pratos dunha traxedia autentica, dun drama descomunal, cunhas raíces ben fondas que, me temo, derivarán, se nada cambia nun futuro próxima, en graves disturbios na rúa. So espero, e porque non desexo, que a rabia contida, o paso do despotismo a liberdade, se produza apuntando claramente contra os culpables da situación actual, os catro piares do desastre. Ogalla que así sexa.

  • José Luis Louzán.

Comentarios