Sábado. 20.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
20:21
25/06/10

Sentenciados

A razón principal pola que segue habendo mercado dominical en Cee son os comercios locais. Ala xa esta dito. Estas pasadas semanas puidemos ver como se formaba un estéril debate sobre como delimitar en que zonas xeográficas do concello de Cee debería permitirse que o comercio estivera aberto. Non se trata tanto de delimitar e cumprir a lei, algo que non se facía, seno de tratar de evitar a fin do comercio local. Un finiquitamento do comercio que o alcalde firmara estes días e que quedara certificado, calculo, nuns quince ou vinte anos. Queda claro que despois da actual xeración de carniceiros, pescadeiros, panadeiros e fruteiros non haberá outra grazas a inconsciencia e ignorancia da actual dirección administrativa local. 

Non hai peor cego que o que non quere ver, di o refraneiro, pero é falso. Esta o cego que non ve porque non lle interesa os seus amigos. A cousa é sinxela; Cee goza deste dereito, como teño explicado, polo mesmo conduto legal polo que Muxía tamén podería abrir en Domingo con mercado ambulante incluído. Así que, analizando superficialmente a cuestión ¿porque non hai mercado en Muxía?. Estamos similarmente ubicados, igual de mal comunicados e temos dimensións parecidas (algo mais grande Cee, pero tampouco tanto). Nos separan escasamente 2000 censados así que, repito ¿porque?. O único que nos diferenza dende sempre é o peso especifico do sector comercial. En Cee, significa case 600 postos de traballo (datos oficiais) e en Muxía escasamente a metade. Sen contar a Hostalería, que seguramente sería outro factor a ter en conta. Podemos de aquí, polo tanto, extraer que si existe mercado en Cee é, basicamente, porque os visitantes poden acudir si o precisan a un certo comercio tradicional onde abastecerse. ¿E senón existise ese comercio?

 

Na Coruña existiron múltiples mercados, algúns en Domingo. Igual en Compostela. Desapareceron por varias razóns, sobre todo porque a necesidade real nunha grande cidade de mercar en Domingo é, o igual que hoxe en dia en calquera parte, moi limitada. Non existe un motivo real hoxe en dia para que alguén merque un Domingo e non poda facelo calquera outro dia da semana. Hai 30 anos aínda existía esa motivación, basicamente de dispoñibilidade de medios de comunicación terrestre e tempo. Alguén que coidaba das súas vacas en Bustelo (non vou mais aló) facíao de sol a sol e de luns a sábado. O Domingo, polo tanto, era vital ter posibilidade de adquirir alimentos, e ahí encaixaba, e de que maneira, algo como un mercado tradicional. Ollo, tradicional quere dicir de carne, leite, verduras, ovos, roupa, calzado, menaxe... non so de roupa e calzado, como o actual. Pero, sendo serios, ¿cantos veciños de Bustelo, en pleno 2010, poden dicir que so baixan a Cee (eles ou familiares directos seus) un so dia a semana?. A maioría van e veñen, coma é lóxico nun lugar que esta a 5 minutos en coche, varias veces no dia. O mesmo para Muxiáns, Fisterráns, Corcubioneses ou os demais veciños de Dumbría, todos a escasos 20 minutos, no caso mais distante, do centro de Cee. 

Así que, vista a cuestión, ¿que argumentos poden defender realmente a apertura en Domingo dun mercado ambulante nunha vila en pleno século XXI?. Pois poucos, e todos difíciles de defender. Intereses, de diferente natureza, falta de iniciativa política, total desprezo polos administrados, sobre todo si estes non son unha abrumadora e millonaria maioría. Por suposto, ningún deses argumentos ten que ver nada con ser ou non “animais de costumes”. Porque non se pode querer que se comulgue con rodas de muíño. Animais de costumes, claro.. ¿so en Cee?. Dígoo porque na Coruña, ou Vigo ou en Santiago non parecen para nada animais de costumes aqueles que abarrotan, dia si dia tamén, centros comerciais e Hipermercados. Laiábase o alcalde de Cee da desaparición dos antigos ultramarinos e colmados, pero esquece dicir porque desapareceron. ¿non o sabe ou non lle importa?. Nada tivo que ver a evolución do sector comercial en España nin con costumes nin con rasgo especial ningún do rural galego, nin con patraña ningunha das moitas que se teñen escoitado estes días. O sector comercial mudou pola imposición dun método de distribución comercial masivo, baseado nunha manipulación a baixa dos prezos que, entre outras cousas, ten en xaque a grande parte do sector primario en Galicia.

É bonito ir de “liberal” pola vida pero resulta clave saber do que se fala. 

As grandes distribuidoras elixen Cee para ubicarse por diante de Vimianzo, por exemplo, so e exclusivamente porque aquí van poder abrir 52 días mais no ano. E quen crea que “total, parecen baleiros” é que non entendeu nada de todo isto. Porque esta xente non esta hai con ningunha pretensión económica inmediata. Esta ahí para que os demais non esten. E punto. “Xa gañaremos”, afirman. Un pensamento que pulula xa polas cabezas pensantes de un bo fato de outros grandes distribuidores de calzado, de electrónica ou de roupa. Grandes empresas que agardan simplemente a que se presente a oportunidade para investir en futuro. O futuro que decisións mal tomadas e sen argumentos provocan xa no comercio de Cee. 

Capitulo a parte merece a desidia de algúns, da maioría. Comprendo a de moitos negocios asfixiados pola crise, mais preocupados por chegar a fin de mes que por asuntos que non os comprometen de inmediato. Pero aquí, en Cee, na comarca, hai empresarios e comerciantes con peso especifico que permanecen calados como pitos diante da ultraxe recente. Destes que viven confundidos pensando que se comprometen si expresan en publico a súa opinión. Pois tranquilos, xa sabemos de que lado estades. Non existe a neutralidade, é unha falacia. Os neutrais soen favorecer sempre a quen se nega a ver a realidade. Sempre favorecen o mais forte.

E aínda que xa o dixen vou repetilo. Si alguén, a estas alturas, nunha comunidade que non chega os dez mil habitantes pensa, sinceramente, que non sabemos todos de que pe coxea... é que vive enormemente confundido. 

Saben, non creo de verdade que o mercado dominical en Cee este de mais. O que esta de mais é o comercio tradicional. Vista a falla de identidade e sentido común dos supostos clientes, fariamos ben todos en pechar, marchar para casa, e rir a vista do trato que recibirían nas súas queridas e baratas grandes superficies e Hipermercados por dependentes impersoais e caixeiras queimadas por abusos e soldos miserables. Rir a gargalladas vendo como o coidado polo detalle, a vontade de servizo e a atención persoal, case familiar, desaparecen. Rir por non chorar o ver destruído o ultimo eslavón que unía as nosas comunidades. ¿Animais de costumes?, ... fagan o favor de non tomarme por idiota.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.com).

Comentarios