Xoves. 25.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
19:40
15/01/10

SERGAS S.A.

As verdades como puños de José Luis Louzán

Falemos de sanidade. Lembro que nos anos oitenta facía moita graza o nome do recen instaurado instituto de saúde nacional, o Insalud. Ese “in” ben grande, anunciando un servizo que non se daba, cheo de problemas e anécdotas, serviu para non pouco chiste e chascarrillo.

I e que unha das maiores utopías da España moderna, transmutada a Costa da Morte de xeito dramático dende sempre, é a sanidade universal. E digo utopía porque considero, sen sombra de dubida, que non existe tal cousa na nosa bisbarra. E non existe pola mesma razón pola que un calquera dos regatos emanados do río Miño non é río, senón regato. O gran.

Non existe sanidade publica cando para conseguir ser atendido debo antes ter feito un par de carreiras universitarias e tres masteres. So así, con esa preparación, se pode agardar que alguén saiba lidiar co farragoso, pesado e innecesario sistema sanitario galego, onde prima mais o favor, a prebenda ou a “cara” que a necesidade de recibir unha atención adecuada a un problema. Isto vese moito mellor con exemplos prácticos. Poñamos por caso que unha persoa, de 75 anos por exemplo, chega entre fortes dores a unha sala de urxencias, por exemplo a do clínico de Cee, demandando solucións o seu problema. Esta persoa atopase de entrada con que non esta en ningunha sala de urxencias, senón que parece ter chegado a un demo de trebello denominado “PAC”... ¿que qué é un PAC?. Non o sei nin me importa, porque o que viña a buscar este enfermo non era sabedoría administrativa senón solución o seu problema sanitario. Así que sexa PAC, POC ou PUC o caso é que a persoa debe ser atendida... e punto.

Pero o caso é que esa atención universal, pagada o mesmo prezo que na Coruña ou Santiago non é totalmente igual a de Coruña e Santiago. Amparados en décadas de ignorancia, os nosos mandatarios levan moito tempo escondéndose tralo “ratio de poboación” a que se debía atender para dotar coma é debido os hospitais e centros de saúde das cidades esquecendo deliberadamente os demais postos de auxilio. “En caso necesario os pacientes sempre poden ser trasladados”... Claro, polas magnificas estradas que comunican Galicia enteira, salvo a Costa da Morte.

Por seguir furgando na ferida ¿a quen lle interesa que un funcionario necesite que eu lle aporte a miña tarxeta sanitaria?, ¿non quedamos que a cousa era gratuíta e Universal?. Outra falsidade. Non é universal dende o momento que, coma explicaba antes, os medios non son os mesmos en Cee que na Coruña e non é gratuíta porque resulta carísima. Un autónomo dos que menos pagan desembolsa 243 euros o mes, 2916 o ano, 87.480 o longo da súa vida laboral para custearse unha sanidade que escatima probas e tratamentos, coma se dun negocio privado se tratara, de xeito perigoso para o paciente e vergoñento para todos.

Non é nin asumible nin permisible que algo tan caro, tan necesario, polo que tanta xente loitou, sexa malversado e destruído pola ineficacia dun sistema que non interesa a ninguén salvo os que o esixen, directores de hospitais, funcionarios de citas e administración, persoal administrativo, secretarias e membros da consellería e do “SERGAS S.A”, ese monstro que engule calquera asomo de practica sanitaria eficaz nun mar de papeis sen sentido nin maneira.

Que quede claro que nesta desfeita teñen ben pouco que ver médicos, e enfermeiros/as de tódolos niveis, en moitos casos vítimas tamén na practica diaria dun sistema que premia, como len, a aqueles que economizan probas diagnosticas e castiga os que as solicitan cando ven necesidade delas. Vítimas todos dun modo de facer sanidade que nada ten que ver coa saúde. Estas son catro verdades moi verdadeiras sobre un sistema que fai bos os sistemas privados, mercantilistas e comerciais mais que sanitarios. Un mal sistema, caro e demencial dirixido por economistas e avogados, e non por médicos e sanitarios.

  • José Luis Louzán.

Comentarios