Tópicos e presuposicións
Existe entre nos, entre os galegos, unha certa autocomplacencia que nestes días vin reflectida nunha desas conversas de mesa do Nadal, tan familiares e o tempo tan reveladoras. Teñen estas reunións de particular que a xente fala de cousas das que non soe falar o resto do ano. Política, emprego, ideoloxías ou filosofía do dia a dia, porque non, danse cita o redor destas pantagruélicas mesas, tan nosas. E descobres cousas moi interesantes.
Por termo xeral, por exemplo, todos os galegos, os de aquí, teñen tendencia a crer que a nosa raza se move por un común en materia de vontade de traballo, seriedade e capacidade de sufrimento. Estas virtudes, ollo, transgredirían o tempo e as xeracións e, así, o galeguiño que nos anos 70 emigraba a traballar é absolutamente igual a o que na actualidade se busca as fabas fora da terriña, a saber; Traballador, sacrificado e espelido a partes iguais. Esquece o orador que o tempo pasa e o galego de hoxe nada ten que ver co daquela, nada. Esquece ese orador que, para ducias de nacionalidades onde a nosa veciñanza acabou por situarse (centroeuropa, Brasil ou Arxentina) Galego é igual a tonto, papan e inculto. Así o recollen ducias de dicionarios, facendo mención o uso popular do termo.
Por esa razón, no pais austral, “gallego” non so é a denominación dada a todos os españois, proveñan de onde proveñan, senón que é esa denominación en sentido negativo e pexorativo. Porque, para os naturais da Arxentina e os italianos emigrados a aquela nación (e os verdadeiros gobernantes de aquela salvo cando Alfonsín ) o galego era o tonto útil, ignorante e pouco espabilado que, traballando de sol a sol, gañaba o xusto e ademais se mostraba agradecido. E isto non é síntoma de gallardía senón, por desgraza, de estupidez.
Fomos os primeiros en descubrir zonas marítimas e caladoiros, certo, e os primeiros os que lles foron arrebatadas esas mesmas zonas (o exemplo mais cercano disto pasa polo fletan e Canada). Fomos os primeiros en chegar aló onde ninguén chegara para traballar e erguer arriba estados en desenvolvemento ou recen nacidos e, salvo para mesturarnos sen deixar pegada, nunca fomos quen de facer permanente a nosa presenza e estables os nosos costumes. O contrario, somos o inmigrante perfecto... fomos a Suíza e volvémonos suízos, viaxamos a arxentina e convertémonos en arxentinos, colonizamos Uruguai e rematamos por traer a casa o costume da carne a brasa (costume que pouca raíz tiña nun pais tan pobre coma a Galicia do século XIX e primeiros do XX, onde a carne era de porco e para catro privilexiados).
Non, os galegos non pertencemos a unha raza de gañadores. Nos falta personalidade. Permitimos lideres mediocres por medo a épocas de loita, preferimos fuxir da confrontación e deixarnos asoballar por non chegar a un conflito, aínda que teñamos as de gañar. Somos mediocres como nación porque aínda non consideramos que sexamos unha (nación). Fáltannos, perdóenme, pelotas, para facer na casa o que si facemos fora. Para arriscar na casa coma o facemos nos mares do mundo, para mandar na casa coa autoridade coa que en contadas ocasións o fixemos no mundo. Somos brandos con quen nos insulta e autoritarios con quen nos eloxia.
Pero como, polo visto, somos unha raza de traballadores incansables, dignos empregados do patrón e sacrificados e leais subalternos, merecemos o paraíso. Tópicos e autocomplacencia sen limites para os fillos de Breogán. Galego traballador, Catalán “peseteiro”. Sigamos dando exemplo.
- José Luis Louzán.