Martes. 23.04.2024
El tiempo

As cartas do avó Pascasio: Anda que che cure Lemus!

As cartas do avó Pascasio: Anda que che cure Lemus!
Moi querida neta Cristina: Téñoche que comentar que ata acá arriba é difícil de conciliar o soño. Malia a ausencia de ruídos espértome antes de tempo por culpa dos pesadelos que me sobresaltan. No meu último soño, camiñaba por medio dos castiñeiros dun monte da miña querida aldea fonsagradina. Seguía o rastro da Serpe Voadora que segundo dicían as lendas ía sempre a beber ao máis fresco manantial de San Pedro de Neiro. Estou chegando á fonte pero de súpeto métese un tal Cassinotti —a quen non coñezo de nada— que está falando co presidente Macri. Acórdome perfectamente o que dixo: "Tranquilo, presidente, está todo baixo control. Eu presido o Consello de Administración da Fundación PAMI que se vai a dedicar á prestación de servizos ás nosas contas particulares no exterior. No orzamento de gastos metín máis de dez millóns para a limpeza e máis de dez tamén para a vixilancia. Acá temos a papita rica. Non puxen un mango para medicamentos. Nós non mantemos a vagos nin a enfermos. Estou encantando co laburo que me encargaches e agradézoche a confianza. Entre tanos entendémonos". Ao espertar funme correndo a consultar no Disenso [Xornalismo de investigación por amor á patria] para poder documentarme sobre a nova estafa macrista. O plan macrista para agarrar a caixa do Programa de Atención Médica Integral está ben pensado. Cumpre coa destrutiva acción que está levando adiante, con éxito, o presidente Macri. Invéntanse unha fundación para escapar á fiscalización dos recursos públicos que impón a lei 19.032. Ármanse unha especie de ONG trucha cos mesmos obxectivos que o organismo autónomo PAMI. Unha foda máis para roubar as achegas dos xubilados e pensionistas. O xenio de Cassinotti, actual director executivo do PAMI, autodesígnase para presidir a fundación. Bueno, bueno, bueno. Son innumerables as ilegalidades cometidas polo actual goberno pero cunha cortinita diante dos envexosos súbditos macristas entretéñenos cos mapuches que non queren agarrar a pala. O lúcido Mempo Giardinelli pregúntase: Que decisión pode tomar a cidadanía cando se lle mente todo o tempo, á vez que se silencia a información e opinión disidente? Aos avós dóenos que no Centro Galego de Bos Aires siga habendo socios afectados de cegueira interesada, é dicir, aqueles que non ven o que non queren ver. Son os que exculpan ao presidente Macri de toda responsabilidade. Son os mesmos que antes escribían contra Cristina para facerlle chegar unha ampla gama de expresións desagradables. No caso de que don Mauricio non teña nada que ver nos problemas económicos do Centro Galego, haberá que preguntarse a razón de que lle perdoe 8.000 millóns de pesos á obra social OSDE (Organización de Servizos Directos Empresarios] que leva desde 1989 omitiendo o pago da achega ao Fondo Social de Redistribución. Por que non se fai o mesmo co Centro Galego? Sen ter datos concretos, é evidente, que a débeda do Centro Galego é unha insignificancia en comparación coa de OSDE. Ademais, o Centro Galego ten unha limpa traxectoria de máis de 100 anos ao servizo da colectividade emigrada e descendientes. Hai denuncia contra OSDE no foro penal (Xulgado Federal Nº 8). No escrito presentado maniféstase que "quizais se trate da corrupción sistémica histórica de maior envergadura que se teña novas". Estamos vendo unha foto de Macri co ministro Lemus no acto protocolario de firma do perdón a 36 anos de evasión que nos leva a pensar que don Jorge está perdendo memoria. Non ten outra explicación que non lle propuxo ao presidente unha condonación total da débeda pública do Centro Galego. Desde aquí recordámosllo. Aínda pode limpar a súa imaxe para non quedar como o ministro gayego máis inútil da historia arxentina ou aquel que fixo popular o devandito: Anda que che cure Lemus! Despídome. Vou relaxarme un pouco á beira do atlántico galego. Invitoume o gran especialista Fernando Patricio que nos guiará por lugares de históricos naufraxios na costa de Camelle [Camariñas]. Podereime afastar do desprezo de Macri aos galegos. Quizais algún ano poidas achegarche á fermosa Costa da Morte. Entendo que agora o ves bastante improbable pero a vida dá moitas voltas. Recibe o abrazo cariñoso dun avó que non esquece aquelas portas abertas na beira rioplatense. Pascasio Fernández Gómez
  • Manuel Suárez Suárez.
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios