Xoves. 22.08.2019
El tiempo
Manuel Suárez Suárez
05:27
21/12/18

Perfecto López, egrexio viamiancés en Bos Aires

Perfecto López, egrexio viamiancés en Bos Aires

Que na actualidade a emigración galega en Bos Aires estea desfeita en anacos non debe levar a esquecer aos esforzados albaneis que ergueron nas beiras do Prata unha lareira identitaria para quecer da friaxe secular que freou o desenvolvemento en Galicia. Coido que é necesario ser agradecidos con aqueles emigrantes que mantiveron a nosa cultura na capital arxentina. A “Editorial Galaxia” acaba de publicar un excelente traballo de investigación da autoría de Xosé María Rei Lema que se titula Perfecto López. Un vimiancés na Galicia ideal. É moi recomendable esta biografía xa que nos permite coñecer a vida e a obra dun emigrante da Terra de Soneira que vai chegar ao alto do podio sen esquecer nunca onde están as raíces. No prólogo o alcalde de Vimianzo (unha das persoas que máis empurrou para que Perfecto López tivese a súa biografía) expresa: Xosé María Rei Lema consegue narrar, nunha síntese moi completa, unha parte fundamental da nosa historia recente, baixo o fío condutor da obra política e vital do vimiancés Perfecto López.

A lectura deste libro debería facernos reflexionar sobre a forza sentimental que alimentou a aquel rapaz analfabeto que recollía pinas polos montes da súa aldea. Coido que se chegou a triunfar  e ser respectado polos persoeiros do galeguismo foi, precisamente, por non deixar de ser o Tato da Valiña. Supoño que estaba fondamente agradecido a moi nobre República Arxentina por permitirlle ascender ata o altar máximo do patriotismo que é estar ao carón de Alfonso R. Castelao. O seu corazón latexaba agradecemento, bondade e xenerosidade e non deixaba que lle faltase nadiña a Castelao e a súa esposa. Perfecto foi dos que puxo máis cartos para axudar ao noso guiero xunto con Manuel Puente e Xesús Canabal. Poida que comentase co egrexio rianxeiro sobre o rapaz que pintara subindo polo piñeiro no fermoso cadro “O neno das piñas” de 1926. O gran Castelao fíxolle a maior das homenaxes xa que, sen coñecelo, pintouno tal cal era nos seus primeiros anos de vida.

A importancia de Perfecto López na historia da emigración riopratense atópase en que ademais de mecenas (Castelao, Editorial Galaxia, Congreso da Emigración, Historia de Galiza) estivo comprometido no consenso e bo entendimento entre os dous grupos do galeguismo que loitaban  contra da ditadura franquista e a prol da República. Perfecto era bo amigo de case todos e no seu oficio de “andoriña” tiña que conciliar o carácter de Suárez Picallo coa bonomía de Rodolfo Prada ou as arroutadas de Blanco Amor. O libro de Rei Lema divídese en sete apartados: 1) Os primeros anos en Vimianzo (1904-1922); 2) As viaxes a Bos Aires e o seu asentamento (1922-1935); 3) O ascenso social e o achegamento ao galeguismo (1935-1943); 4) Anos de loita a carón de Castelao (1944-1950); 5) Os anos cincuenta; 6) Os últimos anos; 7) A semente que agroma. Perfecto López Romero. A rigorosidade na investigación leva a Rei Lema a corrixir varios erros que se veñen repetindo. Ademais puxo unha forte dose de agarimo para recuperar o exemplar labor dun herdeiro orgulloso da súa avoa analfabeta. Gloria eterna para Perfecto López de Vimianzo!

Sentido recordo

No mesmo intre que cheguei a aquela terra tan boa, con anceo preguntei a tomba da miña aboa.

Dirixinme ao camposanto levando angustia na i-alma e mirei por todo o campo hasta poder encontral-a.

I achegueime a humilde pedra, baixo a que estaba enterrada, dándolle bicos de pena mentras meus ollos choraban...

¡Cómo non iba a chorar pol-a santa conselleira que, indo as pinas ou labrar, era a miña compañeira?...

Marcheime con fonda pena de aquel sagrado lugar, bicando de novo a pedra co pensamento en voltar...

[Este poema, o único que escribiu Perfecto López, foi publicado na revista Alborada en 1950]

 

Máis artigos dende Lonxe de Montevideo

comentarios