Luns. 06.04.2020
El tiempo
Manuel Vilar
19:08
06/01/14

A Barca: reflexións sobre unha xeografía simbólica

A Barca: reflexións sobre unha xeografía simbólica
Asi quedou o Altar de San Xoan tralo incendio do Santuario da Barca-Foto-Albergue Bela Muxia

A punta da Barca é un deses espazos que pola súa especial xeografía, pola súa especificidade e unicidade, foron escollidos polos humanos para ser deses lugares onde facer posible e máis fácil a comunicación co sagrado. Por sagrado non entendo só aquilo que entra no campo estrito da ortodoxia relixiosa cristiá; mais a relixión é unha forma de comunicación e, esta, unha necesidade social.

Que a punta da Barca (tamén chamada das Cruces ou de Xaviña) é un lugar cunha carga especial, demóstrao a forza que a natureza mostra neste sitio, a forte actividade que esta ten alí. Hai máis de vinte anos, e con motivo da segunda ruptura da pedra de Abalar, escribín sobre a forza da natureza neste lugar e a teima de algúns en querer emendala, en facerlle fronte. Agora parece que a natureza volve a mostrar toda a súa potencia neste lugar, como dicíndonos que é ela a que debuxa ese espazo especial e nós temos que acostumarnos a aceptar o seu poder, a súa forza, violenta e destrutiva por veces. Aquí quero lembrar uns versos de Caballero Bonald:

“y al fin un día acierta a comprender
que hasta la geografía puede ser despiadada
con quien ha desistido de creer en la historia”.


E nós estamos deixando de crer na nosa historia, deixando de entender a nosa xeografía, polo que ambas estanse revirando polo desprezo e incomprensión que lles mostramos.

Aquí un primeiro punto para a reflexión: miremos pola nosa paisaxe, porque é unha construción cultural e unha páxina importante da nosa historia.

Pese a esta forte presenza da natureza ou quizais mesmo por isto, hai moito tempo que a punta da Barca deixou de ser só un espazo natural impresionante, para ser apropiado socialmente e converterse nun espazo cultural e simbólico, nun referente da nosa maneira de entender o mundo e as relacións co celestial e cósmico. Tense dito moitas veces que a punta da Barca é unha hierofanía, un lugar onde esa outra realidade se expresa a través dun soporte mundano. Neste caso, as pedras, a presenza do mar, a forza do vento, o agreste do lugar, que adquiren aquí natureza de sobrenatural (as pedras poden navegar sobre as augas) sen deixar de ser o que son: elementos da natureza. Entón, estes lense como signos divinos (teofanías) e a propia natureza revélase como unha sacralidade cósmica. Así, un espazo real acaba cargado de sacralidade e axuda na construción dunha cosmovisión que dá sentido á vida, a comprender o mundo. Pero, nos tempos actuais, esta comprensión ten (tería) que facerse desde diversas ópticas, desde a pluralidade que é a sociedade actual.

A Barca é unha construción cultural de nós e a súa importancia está tamén en que remite a valores que teñen que ver coa memoria colectiva e non só co sagrado. Polo tanto non é só un espazo especial, a especialidade venlle dada pola suma de elementos naturais, xeográficos, simbólicos e sociais que o converteron nun “lugar sagrado”.


Aquí un segundo punto de reflexión: o natural é tamén cultural, soporte da memoria colectiva.

Un lugar sagrado non é só un espazo para a seguridade ontolóxica e a confianza no transcendente, para atopar sentido ao sen sentido e evitar dubidar da realidade vivida. Un lugar sagrado é tamén un espazo para as relacións sociais e a esperanza fronte aos medos e desasosegos mundanos. José Saramago dicía que os deuses só existen na mente dos humanos, que deus non é máis que un nome que saíu das nosas bocas ante o medo a morrer. O sagrado existe en canto tamén é unha construción social e hai lugares onde o sagrado se fai máis explícito. Así ocorre na punta da Barca, por iso a igrexa católica construíu alí un templo e unha devoción especial para aproveitar a forza do lugar. Aquí teño que mostrar as miñas dúbidas sobre a cristianización do lugar, pois a Barca é unha invención baixo medieval nun lugar desolado.


Outro punto para a reflexión: o sagrado non ten só que ver coa ortodoxia relixiosa, non está só no interior do santuario.

Quero dicir que “A Barca” é máis que unha imaxe gótica, máis que un santuario barroco, máis que unha devoción mariana. Isto todo éo, pero hai máis elementos, e todo nun determinado contexto espacial. A devoción non é só unha cuestión de fe, é algo sociocultural. Tense fe porque esa fe está enmarcada nunha tradición que dá consistencia e sentido á vida en sociedade. O anormal en Muxía sería ser budista e non ter fe na Virxe da Barca. Budista hai que selo no Tibet e non na movida madrileña. Todo se desenvolve nun contexto social determinado.

Máis alá do valor estético

Agora todas as miradas están centradas no santuario que un raio vén de queimar. Quedan en pé unhas paredes chamuscadas. Baixo o lume desapareceu un magnífico retablo barroco, seguramente o mellor retablo da milenaria terra de Nemancos; outros retablos neoclásicos víronse fortemente afectados. Estes constituían un rico patrimonio máis alá do seu valor artístico, pois gardaban as imaxes que eran iconas identitarias de Muxía, como a Virxe da Barca e San Miguel. O valor das imaxes non está só no seu interese estético, senón nas relacións que as persoas establecen coas mesmas, en seren soportes de valores compartidos, en crer que teñen poder e que eles son intermediarios ante o divino.

Pero ademais, o santuario gardaba outras obras de valor, quizais non tan artístico, pero que falan igualmente da relación das persoas co sagrado. Refírome aos exvotos. Un exvoto é unha ofrenda a un santo ou virxe pola graza recibida, gratitude que se fai pública (socialízase) mediante un cadro (exvoto pintado) ou un obxecto (exvoto figurado). Os exvotos pintados acostuman ser mostras de arte popular que nos contan os motivos polo que o devoto ou devota fixo a promesa. Normalmente compóñense dunha parte gráfica e doutra escrita. Os exvotos pintados son moi habituais nos santuarios mexicanos, pero tamén atopámolos noutras xeografías. En Galicia teñen unha maior presenza nos santuarios costeiros, como Vilaselán, Pastoriza, Virxe do Monte, Virxe do Camiño, etc., pero tamén noutros máis ao interior, como A Escravitude.

Na Barca estaba sen dúbida un dos exvotos de maior calidade artística, pois quen o ofreceu non era un labrego ou mariñeiro calquera, era da nobreza, polo que llo encargou a un artista profesional e non a un veciño mañoso, encargoullo a Domingos Antonio Uzal ou, polo menos, atribúeselle, quen o pintaría en 1724. O ofrecido era Gonzalo Manuel Lanzós e Taboada, neto dos condes de Maceda, que contribuíron á construción do actual santuario. O cadro ten ademais unhas dimensións que exceden o normal nestes casos, pois pasa ben do metro por cada lado.

A lenda do cadro dicía -di, pois non ardeu, aínda que si está moi enfeluxado- o seguinte:

“DN GONZALO MANUEL, LANZÓS, LANZÓS I TABOADA, HIJO DE LOS SRES CONDES DE LA FVENTE DEL SAVCO, I NIETO/DE LOS EXMOS SRES CONDES DE MACEDA TUVO LAS BIRVELAS DE HEDAD DE SIETE AÑOS. I AVIENDO ESTADO MUI DE PELIGRO COBRO SALVD PERFECTA POR LA INTERCESION I PIEDAD DELA PURISSIMA I MILA GROCISSIMA VIRGEN DE LA BARCA. I EN RECONOCIMIENTO DESTE TAN SINGVLAR BENEFICIO SE DEDICA ESTE RETRATO EN SU SAGRADO TEMPLO/AÑO 1724”.


O cadro foi restaurado na década de 1960. Agardemos que se volva restaurar e sexa colgado no santuario ou noutro lugar apropiado para que esa promesa siga sendo pública.

Xunto a este magnífico cadro había outro, moito máis pequeno (20 x 40 cm., aproximadamente) e de feitura máis sinxela. Unha representación da Virxe sobre unha barca ocupa o centro da metade superior. A metade inferior tiña a seguinte lenda:

“HALLANDOSE GRAVEMENTE ENFERMA DA CANDIDA CANOSA. LE OFRECIÓ SUMADRE Á LA BIRGEN DE LA BARCA, Y POR INTERCECION DE ESTA SOBERANA VIRGEN LOGRÓ UNA COMPLETA SALUD. AÑO DE 1845”.


Logo había outro cadriño que era só un texto manuscrito sobre un papel, que dicía:

“Haciendo un viaje por mar me vi en peligro de muerte: invoqué a la Santisima Virgen de la Barca prometiendo dar testimonio de su protección Soberana. Cumplo mi promesa. Mugia 3 Enero 1944”. Viña logo a sinatura da ofrecida, Carmen P. González.


Xunto a estes tres exvotos, dos que teño constancia, había que engadir un par de cadros do pintor muxián Xervasio Sar. Tamén tres placas metálicas, unha delas procedente de Arxentina.
Pero, sen dúbida, eran significativos e identificativos deste santuario os exvotos figurados que colgaban do teito do templo. Tiña contado trece maquetas de barcos que falaban de promesas de mariñeiros en momentos de perigo no mar. Hainos tamén noutros santuarios, algúns mesmo de maior tamaño, como a maqueta do Ariete na capela dos Remedios de Lira, pero non en tanta cantidade, mesmo calidade. Os barcos colgados do teito era unha imaxe identificativa do santuario da Virxe da Barca.

O futuro

Quero ser optimista e xa dixen noutro lugar que do lume rexurdiron outros lugares con novas vidas. Agardo que A Barca teña un templo de acorde cos tempos nos que vivimos, pero que teña en conta a singularidade do lugar, como as condicións dos fortes temporais que afectan a este espazo. Que o seu interior sexa un espazo que invite a entrar e que a súa arte nos seduza. Quizais poidamos reclamar que o teito volva ser pintado de branco, como estivo historicamente para servir de marca aos mariñeiros e, agora, servir de nova marca para navegar os tempos de hoxe.

Como dixen máis arriba todas as miradas están centradas no templo, pero habería tamén que aproveitar a ocasión e desmontar ese espantallo chamado “a ferida”, algo que veu alterar a xa rachada harmonía dese espazo, rachada tamén co intento de converter o camiño da Pel nunha promenade e o acceso ao lugar nunha autoestrada.

O futuro non está só na restauración do templo, senón tamén en que facer con este lugar, respectando a xeografía e a historia para que estas non se revolvan de novo. Polo tanto, penso que é o momento de deseñar un plan especial para a punta da Barca, que englobe desde regular o acceso á conservación do espazo, pero tamén que mire polos usos. Neste caso deberíase abrir xa a reitoral e nela explicar que é a Barca. Neste espazo, que seica estaba destinado a un Museo dos Naufraxios, debería haber un sitio para musealizar este último naufraxio.

Poderíamos seguir tirando conclusións deste incendio. Só subliñarei dúas. Aquí arderon imaxes que estaban retiradas do culto. Tense reclamado un lugar para gardar e preservar estas imaxes, este patrimonio, digamos fóra de uso, pero que ten un valor artístico e histórico, aínda que agora non teña valor de culto. Disto faleino estes días cun amigo que ten despacho “en palacio”, como aínda se di, pero dicíame que o “parroquianismo” mal entendido costa superalo.

O outro punto sería redefinir a relación da igrexa como institución coa administración do estado. Un ten a sensación de que é semellante á banca.


Novas do incendio do Santuario da Barca

As Aberturas. Memorias e paisaxes

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

comentarios