Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Manuel Vilar
14:55
16/11/20

Benvido mister Lomax. A estadía do musicólogo Alan Lomax en Corcubión e Fisterra

Alan Lomax 1957
Alan Lomax 1957
Benvido mister Lomax. A estadía do musicólogo Alan Lomax en Corcubión e Fisterra

Como persoa interesada na etnografía e na historia deste saber social sabía do traballo de recollida musical do folclorista americano Alan Lomax. Mais será cando no Museo do Pobo Galego se decide crear o Arquivo do Patrimonio Oral e Inmaterial (APOI) cando realmente me achegue algo máis á documentación de Lomax sobre Galicia. No ano 2015, e por motivo dun convite dos organizadores da Feira Medieval de Corcubión para dar unha charla previa á esa festa, puxen algúns temas recollidos por Alan Lomax en Corcubión. A raíz disto houbo xente que recoñeceron e lembraron con emoción as cantadoras: as Xaviñanas. Aquí comparto o enlace por se alguén non o coñece e quere escoitalas e gozar desta música popular. Son quince pezas, aínda que a primeira é só ruído de ambiente. Tamén hai unha peza gravada en Fisterra, “Eres una, eres dos”, interpretada por José Martínez Marcote, Juan e Ramón Domínguez Martínez. O que haxa só unha de Fisterra é porque as outras gravacións extraviáronse, segundo anota o editor.

The Spanish Recording-Galicia-Alam Lomax
Portada do disco

Ao remate desa charla achegóuseme Jano Lamas e dime: “se queres saber como chegou Alan Lomax a Corcubión cóntocho un día”. E un día achegueime para escoitar como Jano lembraba, sendo neno, a chegada do americano á súa casa. Lembremos que a viaxe de Alan Lomax foi en novembro de 1952 e nas fichas que acompañan ás pezas musicais se di que as gravacións foron realizadas “durante un longo e chuvioso inverno”. Lomax era tamén un escapado do macartismo e na década de 1950 residía en Inglaterra, onde incluso chegou a montar un grupo de blues que tocaba polas rúas. Hai quen pensa que sen este grupo a música dos The Beatles, The Rolling Stones, Van Morrison sería outra, como outra a de Miles Davis sen o traballo de recollida e difusión deste etnomusicólogo.

Alan Lomax en Corcubión

Alan Lomax chegou, como non podía ser doutro xeito naquela España gris dos anos escuros, nun impresionante coche negro, con chofer e outro acompañante, seguramente a súa axudante Jeannette “Pip” Bell, como máis adiante veremos. Segundo Jano Lamas, Alan Lomax traía unha carta de Juan Costa Marcote, irmán da súa nai e emigrado a Cuba. Puido ser esta relación coa industria cinematográfica de Juan Marcote, e os posibles contactos nos Estados Unidos, a que encamiñou ao etnofolclorista americano cara a Corcubión e a súa recolleita de música nesta vila? Tamén é certo que Lomax tiña outros asesores do campo da etnografía e da musicoloxía, como Eduardo Torner ou o hispanista, viaxeiro e violinista Walter Starkie, un dos pioneiros do camiño até Fisterra.

Segundo Luís Lamela (La Voz de Galicia 26/10/2016) Juan Costa Marcote foi un importante empresario cinematográfico en Cuba até a chegada de Fidel Castro, mais non só tivo problemas coa chegada de Fidel ao poder, pois antes os norteamericanos tamén o boicotearon pola súa relación cos réximes de Hitler e Mussolini e pola súa militancia falanxista. Mais todo parece indicar que Juan Costa coñecía ou tiña relación con Alan Lomax, de feito Jano conta que o seu tío radiou na Habana unha nana gravada en Corcubión por Lomax. No arquivo de Lomax podemos escoitar dúas. A nai de Jano puido ser unha das persoas que lle axudou a contactar coas informantes, coas persoas que lle cantaron coplas e que el gravaba nun magnetófono, algo que hoxe podemos escoitar na páxina web da Association for Cultural Equity (ACE) e fundada polo propio Alan Lomax.

Alan Lomax e Francisco Esmorís Recamán

Mais agora trasládome de Corcubión a Compostela. Un día encóntrome cun coñecido e fálame de que lle pasaron uns papeis nos que, entre outras cousas, hai uns escritos sobre o Camiño a Fisterra e Muxía. Coméntolle que me gustaría darlle unha ollada, e un día chégame con dúas bolsas de papeis diversos e dispersos. Había varias copias mecanografadas dalgún traballo de Francisco Esmorís Recamán e, entre eses papeis, algunhas cartas, mais ben fragmentos de cartas. Nunha, sen encabezamento e sen remate, lemos o seguinte:

“… cintas magnetofónicas al Museo, para su utilización, y la BBC utilizará asimismo gran parte del material en una serie de emisiones de música español que será radiada en 26 programas durante el último trimestre del año actual, en el famoso Tercer programa. Con toda seriedad, Vd. puede pensar que ha realizado una importante contribución a dichas emisiones, que constituirán la primera investigación seria de la música española que se hace por radio. Aprovecho esta oportunidad para dar a Vd. las gracias, lo mismo que a los estupendos cantores de Finisterre, en nombre de la BBC. Miss Bell y yo tardaremos en olvidar la auténtica y gentil hospitalidad de su casa. Esperamos que en el cielo, o a donde queira (sic) que vayamos, cocinarán aquellos grandes y gruesos cangrejos.
De recuerdos a su pupilo (guardia), a su ama de llaves, y a los estupendos cantores de Finisterre, y téngame siempre por su amigo.”

 

Unha mágoa que non se garde íntegra esta carta, unha mágoa que a xente se desprenda tan facilmente dunha documentación importante para o coñecemento social.

Esta é sen dúbida unha carta, mellor dito un fragmento dunha carta de Alan Lomax a Francisco Esmorís Recamán informándoo do que pasa despois do traballo de campo, algo que fala do seu compromiso ético coa xente que lle pasou a información. Un tema non sempre ben tratado nos traballos de campo de carácter etnográfico. Tamén fala de miss Bell, o que proba que esta era a persoa que acompañaba a Alan Lomax, unha muller que tivo que ter un papel destacado no traballo de recollida, mais hoxe é unha total descoñecida.

Teremos que ir a outras institucións, como é a Institució Milà i Fontanals de Barcelona, para comprobar a existencia dunha relación epistolar entre Alan Lomax e Francisco Esmorís Recamán. Aquí encontramos varias cartas nas que Esmorís Recamán resposta aos encargos de Lomax. Nunha, datada o 14 de xuño de 1953, Esmorís fala do envío dunha peza, “A unha vaca de Marín” (noutra carta a peza pasa a chamarse “La vaca marina”) e dille que “estoy recogiendo datos para reconstruir lo de las Parrandas de San Pedro, con cierta fidelidad. Tiene sus dificultades, pero lo haré en forma que no padezca la seriedad de la BBC en su responsabilidad informativa”. Remata esta carta con saúdos, aínda que escribe “seguros”, para miss Bell, o que nos confirma outra vez a presenza desta muller acompañando a Lomax.

Dez días despois escríbelle Alan Lomax desde Londres. A carta comeza cun “mi querido amigo”. Lomax cóntalle que encontrou unha compañía americana que vai arriscar e editar unha serie de discos sobre música folclórica española e quer incluír un disco dedicado á música galega, no que pensa editar “algunas de las composiciones que tan amablemente me ayudó Vd. a conseguir”; fálalle dos dereitos de autor para os intérpretes, polo que lle envía un formulario para que Esmorís llos entrega ás intérpretes para que o asinen e despois lle faga chegar a copia asinada a Lomax. Unha vez teña eses papeis, dille, enviaralle 200 pesetas pola “Parranda de San Pedro”, “interpretada por María “Largo” Canosa y sus amigos”, que son Carmen e María Lago “Canoza” e María Lorenzo Vigo; e 800 pesetas para as intérpretes doutras pezas, como “No mundo enteiro”, “Vienes cargado de trigo” ou “Carballeira escura”, interpretadas por “María Sánchez y sus amigos”, que, segundo a ficha da peza son Juana, María, Manuela e Maruxa Lema Sánchez (noutro lado o apelido Sánchez aparece como Santos), María Sánchez e María Lorenzo Vigo. O disco do que falan, The Spanish Recording: Galicia, que conten 30 temas, seis deles gravados en Corcubión e un en Fisterra.

Mais debeu de haber algún problema, pois noutra carta, Esmorís, e despois de desculparse por lo retraso en contestar, dille que o apelido da Manuela estaba mal escrito e esa é a razón “por la que no resultaron las cosas bien”, dille tamén que non é preciso abonar máis cantidade e que pode pór os discos á venda. Noutra carta, de xaneiro de 1954, Lomax pídelle outra vez axuda a Esmorís pois envioulle á Manuela 400 pesetas, mais o banco Lloyds de Madrid non puido entregarllas e quer que os cartos cheguen a esa muller. Os recibos asinados por estas mulleres de Corcubión gárdanse nos fondos da American Folklife Centre na Library of Congress de Washintong.

Pero Esmorís tamén lle pide a Lomax que lle localice no British Museum un libro sobre camiños reais en España; fálalle de “mi familiar Plácido R. Castro, colaborador de la B.B.C., persona que no dudo, por sus buenas cualidades, llegaría a ser un buen amigo suyo”. A isto Lomax responde que tivo moito traballo e non puido aínda encontrarse “con su amigo de la B.B.C.”

Esta relación epistolar mostra o papel desempeñado por Francisco Esmorís Recamán na recollida de música popular feita polo etnomusicólogo norteamericano Alan Lomax. Quero tamén chamar a atención sobre a necesidade de recoller estas memorias, así como a importancia das cartas persoais para axudar a reconstruír anacos dunha historia colectiva, porque a memoria nunca é só persoal, senón sempre colectiva.

  • Manuel Vilar ÁlvarezLicenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. Director do Pobo Galego.

 

Nova relacionadas

MÁIS ABERTURAS. MEMORIAS E PAISAXES de Manuel Vilar en QPC

 

Serie “De Carnota a Astoria”

Comentarios