Martes. 23.04.2024
El tiempo
Manuel Vilar
10:30
27/04/11

A emigración de Carnota en Nova York (III) – ¿Por que veñen?

A Rua 14 en Manhatan-NY
A Rua 14 en Manhatan
A emigración de Carnota en Nova York (III) – ¿Por que veñen?

Pregunteille un día a Carme por que viñera a Nova York. A súa resposta foi contundente: “vin porque me trouxeron, non quería vir, non quería vir”. O seu caso é semellante ao de Pepa. As dúas viñeron na segunda metade da década de 1980, con catorce anos e cando os seus pais xa levaban en Nova York un par de anos traballando. Nese tempo elas, e os seus irmáns, quedaran ao coidado dos respectivos avós en Carnota. Forman parte dun grupo que chega a Nova York na década de 1980, a última vaga importante de xente de Carnota en chegar a esta cidade.

En ambos os dous casos os pais estiveran “antes embarcados”, é dicir, traballando en barcos da mariña mercante e, despois, decidiron emigrar aos Estados Unidos. Esta parece foi a norma xeral dos homes de Carnota que emigraron a Nova York: rematado o período do servizo militar, nalgúns casos mesmo xa antes, deciden embarcar e, pasado un tempo, optan por quedar nos Estados Unidos. Os informantes cos que falei estiveron embarcados pola década de 1960 e constatan que había unha certa cultura, un certo hábito de que os mozos marchasen navegar, ou como me dixo un: “o que había era máis ben a navegar”.

Pero unha vez traballando na mariña mercante deciden quedar en terra. As razóns que nos deron para abandonaren o barco e quedaren en Nova York foron diversas: nun caso pechara a compañía, noutro accidentárase e non podía seguir facendo ese traballo, noutro non lle gustaba o mar e quería deixalo, etc., e sempre rematan dicindo algo como que “o mar non é en realidá o que un quer facer toda a vida”. Pero hai un caso que se repite varias veces: a compañía coa que navegaban tocaba o porto de Nova York ou outro próximo, como Boston ou Philadelphia, e, dunha vez, deciden quedar, entre outras razóns, porque aquí tiñan un veciño ou un parente que lles ía axudar nos primeiros momentos; polo que din ían “para pé dun parente”.

Philadelphia, cidade portuaria vinculada á entrada de inmigrantes carnotáns que despois se estableceron en Nova York
Philadelphia, cidade portuaria vinculada á entrada de inmigrantes carnotáns que despois se estableceron en Nova York

Imos ver o caso de Paco. Rematado o servizo militar, a comezos da década de 1960, embarca primeiro nunha compañía armadora viguesa, despois nunha alemá, e nunha das viaxes toca Boston. Decide achegarse até Nova York para visitar un curmán que estaba vivindo nesta cidade, Ramón. En Boston “collín o Greyhound [nome dunha importante compañía de transportes por estrada], que é un autobús, e vinme asta aquí con tres patacóns. Por certo, chego aí á terminal de Grand Central (*1) e non sabía pa onde ir. Dixen: donde vou aghora?”.
Traía só o número de teléfono do seu curmán e chámao. E o curmán dille: “ ‘colles o subway e véste astra aquí, ó Bronx (*2), o número 6’. Eu non sabía que era o subway nin nada. D´aquí non me movo, non. ´Pero si eso é fácil, méteste aí no metro e vés pa riba, po Bronx`. Pero resulta que nese momento estaba con el fulano, que ten unha carpintería alí [omitimos o nome do lugar], estuvo vivindo aquí tamén, nese momento estaba alí na tienda, meu primo tiña unha botánica. E díxolle: ´fulano vaite asta alá. ¿Onde estás?`. ´Eu non sei onde estou`. Entrei nunha farmacia que había alí, hispana. ´¿Que calle é esta e que avenida?` ´A 42 coa 9ª`”.

Pero desta vez non tiña decidido quedar e regresou ao barco, mais na seguinte viaxe xa optou por quedar: “e o mismo, veme a buscar meu primo” e estivo vivindo na súa casa un mes “aburrido aí na casa e botando de menos a terra e me conseguiu un traballo nun restaurant aí na calle 13”.

  • Nota da foto: A rúa 14, de Manhattan, moi vinculada coa chegada dos emigrantes. Aquí está “La Nacional”, a primeira asociación de inmigrantes españois fundada xa a finais do s. XIX, aquí facíase a festa de Santiago Apóstolo, había bares de españois e, cerca, estaba a primeira sede da Casa de Galicia.

O caso de Carballo tamén é moi parecido. Rematado o servizo militar, a mediados da década de 1960, embarca nunha compañía que fai sempre o mesmo percorrido entre un país latinoamericano e Nova York. Dunha vez decide quedar porque “había un home d’alí do pueblo, xa murriu, murriu aquí, era da edá de meu pai máis ou menos. Entonces el traballaba de cociñeiro nun restaurante que se chamaba Oviedo e díxome si quería quedar: ´se queres quedar teño un apartamento aí e podes estar conmigo`. E quedei”. E quedou sen papeis.

Carballo e Paco serían un exemplo dos emigrantes que chegan nos anos sesenta do século pasado rematado o período de servizo militar e pasado un tempo traballando na mariña mercante.

Porén, hai outros casos de chegados aos Estados Unidos que non estiveran embarcados. Son homes que viñeron entre o comezo da década de 1980 e a primeira metade da de 1990. Nun caso, veu de visita, ver unha irmá e “ó pouco tempo xa estaba traballando, e quedeime, despois caseime e agora nada”, é dicir, que agora de momento non pode regresar. Noutro caso “alá o que ganaba non chegaba pra vivir, e viñemos” (*3) Noutro caso veu porque o “reclamou” o irmán “que xa leva aquí desde o 70”. O ano 1995 marca o peche da chegada de xente de Carnota a Nova York e o carnotán que coñecín que chegara neste ano estaba, no 2006, aínda ilegal e levaba once anos sen volver a Carnota.

Mais algúns dos que deciden quedar xa non son os primeiros da familia en pór pé nos Estados Unidos, pois membros de xeracións anteriores tiveran tamén unha experiencia norteamericana. Imos ver dous casos.

Un avó de Paco emigrou a Cuba:

  • “alí non lle foron mui ben as cousas tampouco, e culliu e vén pa Estados Unidos, estuvo en Nueva Orleans. Debido á depresión desa época -o avó estivo a comezos da década de 1930- pasounas putas aquí, pasando fame, comendo mal e vivindo mal. Entonces culliu e largouse pa España e nunca máis saliu de Carnota, nunca máis saliu de Carnota. E de Nueva Orleans pois chegou a Carnota ca maleta e catro trapos que tiña. O único que me recordo que trouxo un libro de poesía de Manuel Machado e Antonio Machado. Eso é o único que tiña valor [risas]. O único que sabía dicir era ´caman boys` [come on boys] e ´hurry up`e cousas así porque o apuraban os catro días que traballou aquí ”.

Non sabe en que traballou, pero pensa que debeu facelo na construción.

O pai de María tamén chegou aos Estados Unidos facendo antes parada en Cuba. “Estuvo en Cuba e vén p´aquí, e casouse aquí. Tuvo dous fillos e murriulle a muller, e despois marchou p´alá e levou ó fillo máis pequeno p´alá [para Carnota]. O máis vello deixouno cos avós, quixo quedar el”. E non regresou máis aos Estados Unidos e empezou unha nova vida en Carnota. Pero o estalido da Guerra Civil en España fai que o fillo regrese aos Estados Unidos: “tiña que ir pa guerra e presentouse no consulado americano e o consulado americano mandouno p´aquí con pasaje pago e todo”. Posteriormente axudará a establecerse aos irmáns, que o pai tivo ao volver casar en Carnota, no novo destino. Por exemplo Ramón, que chegou a comezos da década de 1960. Veu e “colleuno a emigración e mandouno de volta a España. Foise a España e colliu outro barco en Bilbao e veuse de volta, veuse outra vez, pero xa non foi para pé do hermano, do medio hermano, por culpa de que a emigración o colla, vense po Bronx”. María, a irmá de Ramón, dinos que este “sempre tuvo a idea de vir p´aquí, navegaba e sempre quería quedarse”.

“Nós –di María- viñemos por cota, si, ¿Cómo é? Meu irmán [...] foi o que nos reclamou. Estábamos nós apuntados, entonces el [o marido] estaba navegando, nós estábamos tranquilos alá pensando que xa non iba chegar nunca a reclamación. Era cando empezaban a vir p´aquí, quería vir todo o mundo p´aquí, a vir xente p´aquí. Entonces, á hora menos pensada, cando menos o pensábamos chegounos os papeles, dicindo que tíñamos que ir a Madrí e tal, e despois decidimos e viñemos p´aquí. Era cando empezaron a vir p´aquí, quería vir todo o mundo p´aquí, a vir xente p´aquí”. E viñeron cos fillos, un de once e outro de cinco anos e “botamos seis anos o primeiro tempo sin ir [a Carnota]”. O irmán que os “reclamou” non vivía en Nova York, senón en Perth Amboy (New Jersey), onde había unha importante colonia galega, especialmente de Aguiño, e “alá murriu”, mais eles non foron para esa localidade, senón que se estableceron en Nova York.

Pero outros entraron como turistas. Os pais de Carme viñeron como turistas, pasar as vacacións á casa dun irmán que xa levaba en Nova York uns vinte anos. Dous anos despois veñen os fillos [entre nove e catorce anos]. Carme dinos: “Eu vin de vacacións, supuestamente, con meus irmáns. Aínda estaban ilegais meus pais aquí, e miña tía mandáranos unha carta dicindo que nos invitaba a Disney e que quería que viñéramos a Disney”. Noutro caso “tróuxoos o home de Uxía, que é primo noso”.

O proceso de se converter en emigrantes pasa pola toma da decisión de marchar e, neste caso, de chegar aos Estados Unidos, ben con papeis, algúns dos que tiñan aquí familiares directos, ben decidindo quedarse sen máis ou entrando como turistas e quedando despois até conseguiren a residencia. Maxine L. Margolis, no seu estudo sobre os brasileiros en Nova York, decatouse de que moitos, dos primeiros en chegar, procedían da cidade de Governador Valadares (Minas Gerais) e chega á conclusión de que alí hai unha cultura de “out-migrations”.

Emigración = rito de paso á vida adulta

Pensamos que en Carnota, como noutras partes de Galicia, tamén houbo, hai aínda, momentos nos que se pode falar dunha cultura da emigración e que, no caso da emigración masculina, do mesmo xeito que en sitios de forte tradición migratoria como Irlanda ou México, actúa como un rito de paso que define a vida adulta (Suárez-Orozco 2003: 57). Emigran por cuestións económicas: “¿a razón pola que vin? Pois como a mayoría de nós: económicas”. Pero emigran aos Estados Unidos porque outros -parentes, veciños e amigos- emigraron antes e axudaranos a establecerse, como Ramón ao que definen como que “era o director da cuadrilla. ¡Canta xente puxo el legal!, uf, cantidá” .

O emigrante é masculino e feminino e a decisión de emigrar, cando menos nalgúns casos, é tomada no seo da unidade familiar e faise conxuntamente e “viñeron os dous xuntos”. Ás veces esta decisión de vir tomárona cando algúns dos fillos xa estaban casados, polo que uns quedaron “alá” e outros, os máis novos, “estamos aquí”. E unha vez que se instalan tamén poden vir os irmáns. “Si, atrás de meu pai –dinos Pepa- viñeron tres irmáns de meu pai máis para aquí, tres que trouxo meu pai”, e engade: “e despois de meus tíos viñeron os fillos de meus tíos”. Xente que estivo uns anos, nalgúns casos os que lle faltaban para chegar á idade de xubilación, por exemplo un tío de Pepa “estuvo cinco anos, por ejemplo, si empezas a cobrar ós 55 anos e tes 50 anos, entonces veste 5 anos que non tes traballo alá, veste 5 anos mentras non cobras o d´alá”.

* Notas:
- 1.- Grand Central é unha estación de ferrocarril que está en Manhattan, monumental. Port Authority é a estación de autobuses.
- 2.- O Bronx é un dos cinco distritos que configuran Nova York e está ao norte de Manhattan, é o único distrito continental.
- 3. - O plural fai referencia a que veu coa muller e a filla.

 

Serie “De Carnota a Astoria”

 

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ NAVAL, Francisco X.: Mar de Lira, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2005.
  • CHABRÁN, R. e CHABRÁN, R. (eds): The Latino Encyclopedia, Nova York, Marshall Casendish, 1996.
  • ELLIOT, B.: “Biography, Family History and the Analysis of Social Change”, en Stephen KENDRIK e Pat STRAW (eds.), Interpreting the Past, Understanding the Present, Nova York, St. Martin´s Press, 1990.
  • GLICK SCHILLER, N.; BASCH, L. e BLANC-SZANTON, C.: “Transnationalism: A New Analytic Framework for Understanding Migration”, en Nina GLICK SCHILLER, Linda BASCH e Cristina BLANC-SZANTON (eds.), Towards a Transnational Perspective on Migration, Race, Class, Ethnicity, and Nationalism Reconsidered, Nova York, Annals of the New York Academic of Sciences, vol. 645, The New York Academic of Sciences, 1992.
  • GLICK SCHILLER, N.: “The Centrality of Ethnography in the Study of Transnational Migration”, en Nancy FONER (ed.), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • GUPTA, A. e FERGUSON, J.: “Beyond ´Culture`: Space. Identity, and the Politics of Difference”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • KARAKAYALI, N.: “Duality and Diversity in the Lives of Immigrant Children: Rethinking the ´Problem of the Second Generation` in Light of Immigrant Autobiographies”, The Canadian Review of Sociology and Anthropology/Revue Canadienne de Sociologie et d´Anthropologie, 42 (3), 2005, pp325-343.
  • LAMARE, J.: “The Political Integration of Mexican American Children: A Generational Analysis”, International Migration Review, XVI, (1), 1982, pp. 169-188.
  • MARGOLIS, M. L.: An Invisible Minority: Brazilians in New York City. Boston e Londres, Allyn and Bacon, 1998.
  • NASH, J.: “Labor Struggles: Gender,Ethncity and the New Migration”. En Ida Susser e Thomas C. Patterson (eds) Cultural Diversity in the United States. Nova York, Blackell Publishers, 2001.
  • PETERS, J. D.: “Seeing Bifocally: Media. Place. Culture”, en Akhil GUPTA e James FERGUSON (eds.), Culture. Power. Place. Explorations in Critical Anthropology, Durhan e Londres, Duke University Press, 1997.
  • RICHTER, M.: (2004) “Contextualizing Gender and Migration: Galician Immigration to Switzerland”, International Migration Review, 38 (1), 2004, pp. 263-286.
  • SÁNCHEZ GIBAU, G.: “Contested Identities: Narratives of Race and Ethnicity in the Cape Verdean Diaspora”, en Identities. Global Studies in Culture and Power,12 (3), 2005, pp. 405-438.
  • SUAREZ-OROZCO, M.: “Right Moves? Immigration, Globalization, Utopia, and Dystopia”, en Nancy FONER (ed), American Arrivals. Anthropology Engages the New Immigration. Santa Fe, NM, School of American Research Press, 2003.
  • ZEMPEL, S.: In Their Own Words. Letters from Norwegian Immigrants, Minneapolis, University of Minnesota Press, 2003.

Fonte

  • Manuel Vilar para a Revista Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, volume II, nº 2, 209, pp. 69-90, revista editada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios