Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Manuel Vilar
09:43
21/10/14

Moraime: nas orixes dunha terra milenaria

Moraime: nas orixes dunha terra milenaria
Pinturas de Moraime

Recentemente a Xunta de Galicia anunciou unha actuación no templo de San Xulián de Moraime. O obxectivo é frear o deterioro que as pinturas murais veñen sufrindo desde que, a comezos da década de 1970, lle quitaron a capa de cal que as cubría. A noticia váleme para lembrar que Moraime está nas orixes do que hoxe se coñece como Costa da Morte e, historicamente, foi a Terra de Nemancos; tamén para reivindicar a protección e conservación do noso patrimonio, pero unha protección social.

Para empezar direi que me gustaría que toda obra de conservación debería levar parello outra de difusión, co obxectivo de que sexa máis estimado pola sociedade. Moitas veces a sociedade non entende as actuacións nun ben cultural, e os técnicos e a administración manteñen un distanciamento que acrecenta a incomunicación e pode incluso xerar desconfianza e desprezo.

A conservación física do ben cultural é fundamental, pero vemos como se fan custosas obras para despois ter o ben pechado ou non hai ningunha información, cando non se oculta a súa historia, polo que non fai un servizo á sociedade. Moitas veces trátase de deixalo bonito, limpo e brillante, como nunca antes estivera, exaltando o grandioso e esquecendo ou evitando mostrar ou recuperar a humildade da contorna, a simpleza das circunstancias, as cousas “menores” que temos ao alcance da man e que deron sentido á vida das xentes, a sinxeleza que teñen moitos dos actos do cotiá. Faise unha idealización que evite o malo e o molesto.

Entendemos o patrimonio cultural como unha herdanza que ten que servirnos para mellorar a calidade de vida, e cando dicimos calidade non nos estamos referindo só ao material, ás comodidades do día a día, tamén a unha mellor vida cultural e socialmente construída sobre un legado histórico e cultural. Por iso, canto máis estimemos o noso patrimonio cultural, mellor conservado estará. Para isto fai falta coñecemento e información. O patrimonio non se conserva abandonado entre as silveiras, como dixera un delegado de cultura do goberno de Manuel Fraga.

Moraime: as múltiples lecturas dun ben cultural

Fonte e ovellas en Moraime

Un amigo escribiu hai xa case trinta anos, nunha revistiña que faciamos en Muxía, que “coñecer a historia de Moraime é comezar a coñecer a historia de toda a bisbarra na que se atopa”. Isto é o que non se ten en conta nas diversas actuacións que se fan para a conservación do ben cultural: incidir no coñecemento histórico.

Achegándonos a Moraime o viaxeiro pode ter a mesma sensación que hai cen anos tivo un dos primeiros autores que chamou a atención sobre este sitio. Dicía que un vulgar campanario non indicaba nada desde lonxe, pero ao se achegar e ver os canzorros, os contrafortes e a entrada chea de esculturas, falaban que alí agochado había algo máis que unha modesta igrexa parroquial. Hoxe, como hai cen anos, esta imaxe de lonxe pode ser aínda máis desalentadora, pois a visión deste templo está diluída tras un peche de formigón formado por varias ampliacións dun cemiterio.

Pero Moraime é máis que un monumental templo parroquial.

A primeira lectura que facemos sobre Moraime está a medio quilómetro do templo. Falamos dunha mámoa que hai no alto do monte da Carrúa indo cara a Muxía. A mámoa nada ten que ver co tempo do mosteiro, pero contribuíu a debuxar este territorio, forma parte desa suma de elementos de tempos distintos e cuxo resultado somos nós no presente mirando ao futuro.

Recollemos unha lenda que di que alí enterraban aos que aforcaba a Inquisición. Primeiro tíñanos presos onde hoxe hai unhas cortes xunto ao templo; despois levábanos a aforcar ao alto do monte, a onde lle chaman as Pedras da Forca. Antes de colgalos seica lles sinalaban, mirando a paisaxe que tiñan diante dos seus ollos –paisaxe que abrangue unha boa extensión de terra e mar, vila de Muxía e ría de Camariñas incluídas- o que deixaban atrás por non ser bos cristiáns, que era a paisaxe do seu día a día, das súas vidas. Hoxe a vista desde este alto minguou porque o monte está inzado de eucaliptos que borran as pegadas dunha xeografía histórica. Hai un par de anos fixemos unha visita guiada e o Concello limpou o camiño e a contorna das pedras onde dicían que estaba a forca; agora xa plantaron eucaliptos.

Porta Occidental de Moiraime

No ano 1972 Manuel Chamoso Lamas escavou ao carón do templo unha vila romana e un enterramento xermánico. Pero a información que gardaba o xacemento apenas foi facilitada polo director da escavación, tan só publicou unha folla e media nas actas dun congreso. Despois, a escavación quedou no abandono e, tras anos de agardar por unha resposta, a dona da leira achandou con todo porque “lle caían as vacas” nas cuadrículas. Pero, fixo algo a administración para evitar esta desfeita? Posteriormente un par de teses de doutoramento, e outros traballos, achegaron algunha información ao estudar cerámicas, vidros e moedas que saíron de Moraime. Entre os achados algunhas pezas que falan das primeiras referencias ao cristianismo nesta terra fisterrá, tamén unha fonte que, de ser romana, non ten paralelos por aquí, ou un broche de cinto xermánico. Sen embargo nada disto transcendeu á sociedade local, claro, como non son expertos no tema non teñen por que ter acceso a esa información. Esta queda só para os “expertos”.

E sobre este conxunto levantouse unha igrexa e mosteiro no século XI, ou pode que algo antes. O templo que chegou até nós é monumental e cun interesante programa iconográfico nas súas portadas. O da sur, cun tímpano decorado polos dous lados, quedou oculto desde a desamortización até a década de 1970. E o peche desta porta ten que ver coa desamortización, pero tamén cunha curiosa historia dunha muller que non podía entrar na igrexa, nin morta. E se falamos do cemiterio, non só para dicir que a ampliación é ilegal, senón que no vello hai un busto, esculpido por Francisco Asorey, dun párroco que non quería que ninguén “usurpase” o seu espazo mortuorio.

A finais da década de 1960 aparece baixo a capa de cal dos muros interiores unhas interesantes pinturas. Trapero Pardo fai referencia xa a elas en 1965, pero aínda estaban tapadas case na súa totalidade. Chamoso Lamas pouco despois escribe que “prometían grande interese”, máis tarde diría que se lograra para o “Noroeste peninsular” [sic] unha das máis notables obras de arte pictórico descubertas até o presente. Manuel Rivas levounas á novela En salvaxe compaña

.

As pinturas, que despois foron estudadas por Cristina Cabada Giadás, representan os sete pecados capitais. As representacións inclúen os seres demoníacos que instigan os vicios fronte ás virtudes que animan a practicar a caridade, a penitencia, etc., é dicir, ofrecen unha alternativa de acción redentora.

Mais todo isto non se levanta da nada. Hai un templo monumental porque hai a necesidade de organizar un territorio, un territorio que antes estaba organizado doutro xeito e que agora está desestruturado e pouco habitado. Agora vai ser un mosteiro quen o organice, e ese mosteiro vai estar apoiado por poderosos patróns, como a familia dos Traba, que lle van conceder diversos bens, como terras, que levaban incluídas no lote tamén aos seus moradores, “cum omni populatione”, e que permiten ao mosteiro ter un papel decisivo na organización do territorio, algo que lle vai dar prestixio e presenza política. Así, o abade de Moraime, como persoa significada pola súa reputación e poder, vai participar na asemblea convocada por Raimundo de Borgoña para elixir ao substituto do bispo Diego Peláez; e Moraime vai acoller, en tempos turbulentos, ao futuro Afonso VII e este devolveralle o favor axudándolles a reedificar o templo e con bens e propiedades. Moraime era entón un lugar seguro, pero tamén un lugar de prestixio onde poder educar a un futuro rei. Do prestixio fala o interese dalgúns nobres en seren enterrados aquí, pero as súas laudas, xunto a de artesáns, dormen ao descampado que borra a súa lectura. Nin sequera logramos gardalas no interior do templo para que non se deterioren. Por que tanta indeferenza e desleixo.

E neste papel organizador e de atraer as miradas cara a esta parte do país, entran outros elementos, como a creación da vila de Muxía, a “invención” do culto á virxe da Barca ou a chegada do camiño de Santiago até aquí. Máis que o interese en acabar con vellos cultos pagás estaría o de potenciar un territorio inventando cultos novos para que a xente tivese unha desculpa para vir até aquí, até un territorio considerado afastado e perigoso porque estaba ao lado do mar, en “littore maris”, o que significou varias visitas ao mosteiro de non invitados.

Logo veu a política centralizadora, que empezou cos chamados Reis Católicos, e acabou con ese papel determinante do mosteiro, porque as súas rendas eran gorentosas, pero a desculpa era que pasando a depender de Valladolid cumprirían mellor coas súas obrigas e sustentaríase mellor. Mais os frades de Moraime loitarían contra esta perda da súa autonomía.

Hoxe, parte deste papel histórico de Moraime non é coñecido pola sociedade e pola sociedade máis próxima ao ben cultural, que debería ser a máis interesada. De neno, os vellos contaban que había un túnel debaixo da igrexa no que estivera agochado un rei. A historia transmitida pola lenda, hoxe oculta. A conservación física do ben cultural ten que ir acompañada do estudo da súa historia e difusión social da mesma.

Quero que se conserve este ben cultural, que se fagan obras para a súa conservación física, pero tamén me gustaría que se difunda e coñeza a súa historia, o seu papel na construción dun territorio, que poida ser visitado.

Queremos rematar esta entrega cunha cita sacada da revista Alborada, a que facían os emigrantes da zona de Corcubión en Bos Aires. Nun número de 1936 faise referencia á xeira dos integrantes do vello Seminario de Estudos Galegos polas terras de Fisterra, xeira que quedou truncada polo golpe de estado fascista do 18 de xullo. Nela fan mención á visita a Moraime e din que Moraime “tan cheo de problemas” precisa dunha restauración que o incorpore ao número de monumentos galegos que foron devoltos nos últimos tempos a todo o seu esplendor primitivo. Hoxe, setenta anos despois, Moraime segue cheo de problemas que non fan visible o seu papel determinante na organización do territorio, hoxe denominado Costa da Morte, e que non axudan ao seu coñecemento.

Outros artigos sobre Moraime

As Aberturas. Memorias e paisaxes

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios