Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Mario Maceiras
18:23
06/09/11

Berro seco na defensa do Monte Pindo

Berro seco na defensa do Monte Pindo

Xa bastou. Estamos ante o maior ataque da historia ao Olimpo Celta de Galiza, o Monte Pindo de Carnota. A absoluta impunidade no goteo de este tipo de feitos debe facernos reflexionar. De nada serve que ducias, centos ou miles de veciños, expertos e amantes do Monte Pindo en xeral, nos esforcemos por coidar e dar a coñecer este monte, se calquera energúmeno, un simple perturbado, pode tirar de esprai e garavatear libremente na pedra milenaria aquelo que lle veña en gaña, sen ningunha consecuencia.

A última en caer, a excomuñón lanzada por don Diego Xelmírez, o primeiro arcebispo do Reino de Galiza, no ano 1130. Que levou a tal persoeiro a mandar excomulgar un pico perdido no medio daquel monte carnotán? Unha vez máis é difícil discernir o que é verdade do que se converteu en lenda, mais o que queda sobradamente demostrado na escasa documentación que conservamos da época é que este é un lugar fundamental para entender a nosa Historia, ao igual que Xelmírez tamén foi unha figura crucial.

A literatura, e moi nomeadamente a Historia compostellana, ensinounos que a excomuñón debeuse a que os homes do daquela morador e propietario do Castelo de San Xurxo, Rodrigo Pérez, Conde de Traba, apalearan e capturaran no castelo ao arcediano de Trastámara na arquidiócese de Compostela, Arias Muñiz, que ademais era un dos maiores terratenentes da zona, propietario das terras de Carnota. Enfurecido por tal atropelo, Diego Xelmírez, que se labrou a pulso unha merecida fama de apaciguador de revoltas, ameazou con excomulgar o castelo se non se revertía o crime. O Conde de Traba, en canto tal cousa oiu, fixo por desentenderse das accións dos seus cabaleiros, xurando ante deus que liberaría o rehén e restituiría todas as posesións que lle foran arrebatadas inxustamente, asi como que retiraría os privilexios concedidos e entregaría a canta persoa formase parte no conato de revolta.

Porén a decisión xa estaba tomada, máis por inspirar medo nos servidores do Conde, de xeito que non volvesen a participar en actos similares. Humillado, Rodrigo incumpriu o prometido e non liberou o preso, o que acendeu de novo a ira de Xelmírez, que foi aí cando comunicou ao de Traba a súa excomñón e ordeou gravar a perpetuidade o célebre decreto nos seus dominios, concretamente no castelo de Penafiel: "Reis, bispos e presbíteros, todos por poderes recibidos de deus, excomulgaron aquí este castelo". O Conde de Traba, ao verse excomulgado porque a ameaza do arcebispo chegara ata as últimas consecuencias, presentouse en Compostela de inmediato para renderlle pleitesía e homenaxe, e en símbolo de máxima xenerosidade, procurando que lle fose levantada a excomuñón, fixo doazón á Igrexa de Santiago do que uns interpretan que era o Castelo de Faro (en Portugal), e outros nada máis e nada menos que a Torre de Hércules. Ante este xesto, Xelmírez decidiu levantar o castigo a Rodrigo Pérez de Traba, o que permitiu que máis que normalizarse se creara unha boa relación entre ambos, mais sempre baseada nos xestos de pleitesía do nobre ao clero.

Pouco se conserva hoxe de todo isto alén dos libros de historia. Ou moito, segundo se vexa. Case mil anos despois, allea ás inclemencias do tempo e da historia, a inscrición de Penafiel segue lembrándonos que neste monte sacro dos galegos un nobre galego foi condenado á máis grande das humillacións en vida, acusado das máis terribles malfeituras, pola máis grande das institucións relixiosas do reino de Galiza.

881 anos despois, en pleno século XXI, un bárbaro dos tempos modernos (alcumado "Rojo"), serviuse do abandono dun dos lugares máis importantes da nosa historia para arrebatarnos este legaxo vivo da nosa memoria que é a inscrición de Xelmírez, convertida agora nunha ferida sangrante de pintura vermella pola que o Monte Pindo, transmutado agora en vítima apaleada e refén, clama vinganza e tamén xustiza.

A vinganza será a detención do culpable; a xustiza será a declaración de Parque Natural para o Monte Pindo, que máis que unha reivindicación, é un berro desgarrado para que non cheguemos demasiado tarde ao rescate deste coloso prisioneiro da infamia. E o berro vai seguir en aumento, ata que retumben as paredes de San Caetano, se fai falta.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios