Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Mario Maceiras
10:45
10/09/20

Caravanas, molestia ou oportunidade?

Autocaravanasa na praia de Carnota
Caravanas, molestia ou oportunidade?
O tan incomprendido coma imparábel fenómeno das autocaravanas revelouse coma unha das mellores alternativas para cultivar a nosa ansia de consumir o tempo de lecer en viaxar maximizando todas as precaucións propias dos tempos de Covid, e posibelmente aínda medrará exponencialmente nos vindeiros anos.
 
É ante este medre que algúns concellos (coma agora Fisterra) comezan a ver o potencial e tamén o pouco preparados que estaban ante esta forma de viaxar que outras nacións levan explotando desde hai décadas, mais que ata moi pouco se seguía a ver só como un fenómeno molesto.
 
Non veño a confirmar nin desmentir tópicos sobre o colectivo, cada un ten o seu parecer, e coma calquera outro fenómeno ten as súas cousas boas e non tan boas. Pero a realidade é que o colectivo existe, chegou para quedar e ten necesidades específicas. Porén, A día de hoxe en toda a Costa da Morte só hai unha área de servizos pública na que as autocaravanas poden repoñer auga potábel e baleirar os seus depósitos de augas negras e grises. Está en Lombáns, no Concello de Carnota, e foi creado polo anterior executivo liderado por Moncho Noceda na súa aposta por mellorar as relacións co colectivo, cuxo máximo exponente era un proxecto para converter parte do campo de fútbol abandoado de Lariño nun aparcadoiro de autocaravanas para aliviar a presión nas cabeceiras das praias, que xa estaba financiado e só pendente de contratar. A cambio destas deferencias, o colectivo AGA, que fixo de Carnota unha especie de santuario, organizaba anualmente varias actividades de limpeza de praias e outros espazos naturais.
 
Dicimos "era", porque co cambio de goberno, tristemente o novo executivo de Carnota decidiu parar sine die o proxecto de Lariño, que segue esquecido no caixón a poucos meses do ecuador do seu mandato, e ademais pareceron desentenderse por completo da área de servizos de Lombáns. Cando menos iso é o que se deduce lendo as páxinas especializadas, que xa aconsellan viaxar a Carnota con chave inglesa ou alicates porque o "seu" grifo de auga leva moitísimos meses sen chave de paso.
 

Comentarios