Luns. 13.07.2020
El tiempo
Mario Maceiras
06:02
12/09/14

Cui prodest, Monte Pindo?

Cui prodest, Monte Pindo?

Cui prodest é unha expresión latina usada en criminalística, que permite nalgúns casos determinar a autoría dun acto criminal, averiguando quen se beneficiou dos seus resultados. Quero ser ben pensado e crer que a Policía científica do SEPRONA non conseguiu aínda dar co culpábel, e non deixarme seducir pola tentadora idea de que, como é habitual, unha vez pasou o verán o incendio xa non lle importa a ninguén e o caso está -no mellor dos casos- nun caixón. O certo é que despois dun lume tan gravoso coma este, a presión popular esixe xustiza, pero se esta non chega nunhas semanas o caso tende a esquecerse, e ata que alguén pronuncie iso de caso pechado só é cuestión de tempo.

Quen se beneficia, xa que logo, da destrución do Olimpo Celta? Unha práctica habitual dos verdadeiros autores dun crime é tentar salpicar a aqueles que, non tendo nada que ver, si pode aparentar que tiñan algún interese colateral, e basta con que a opinión pública saiba de calquera indicio para que se desate unha auténtica caza de bruxas contra algún cabeza de turco. E aquí, amigos, que a criminalística debe ter a habilidade suficiente para evitar caer neses engados. En efecto, o SEPRONA deixouse estimular por algunhas desas ideas, nomeadamente a de que puideran ser inimigos declarados da iniciativa do Parque Natural; é dicir, veciños e coñecidos que, por descoñecemento ou polo que sexa, opóñense á simple idea da protección do Monte Pindo, e que en vinganza convértense en crueis verdugos dun espazo natural que os saúda cada mañá e os despide cada noite, coa paisaxe con que en definitiva se criaron, e sabendo que ameazan mesmo as súas propias casas. Nin nos cabería na cabeza, polo que por suposto desmentimos ante o SEPRONA calquera posibilidade nese sentido, pese á súa insistente presión para que nomeáramos persoas que puideran encadrarse nese perfil.

Chegados a este punto tamén compre exculpar a industria madeireira, con cuxa patronal temos bastante boa relación e que desde logo sae perxudicada pola queima das especies que lle interesan, pois tardan ducias de anos en acadar unha idade óptima de explotación e o produto queimado élles inútil. Ademais, sexamos sinceros, un monte que se alza ata os 627 metros en menos de dous quilómetros liñais, cuberto de pelouros graníticos xigantescos que imposibilitan o acceso a calquera vehículo terrestre, non parece o mellor sitio no que unha empresa madeireira depositaría a esperanza dos seus beneficios.

Tampouco podemos pensar no pastoreo como posíbel beneficiario desta crueldade, pois basicamente hai medio século que ninguén pastorea no Monte Pindo. De feito o silvopastoreo e a apicultura son actividades tradicionais a recuperar para impulsar a biodiversdidade neste monte e o seu coidado, e niso estamos.

Alguén dixo especulación? Pode haber alguén que, como temos visto noutros lugares, pegue lume para poder edificar sen restricións e mesmo máis barato? O certo é que só podería pasar desde un absoluto descoñecemento da realidade. O Monte Pindo conta desde hai anos con severas restricións que impiden edificar nel, o Parque Natural nin sequera viría a poñelo máis difícil do que xa está. Ademais, sexamos sensatos: quen edificaría nun lugar ao que só se pode chegar a pe despois de camiñar durante horas, que non conta con luz corrente nin auga nin cos servizos máis basicos para facelo habitábel? Descartamos a especulación, por tanto, como posíbel man executora do desastre.

Porén, o lume si beneficia -e moito- ao eucalipto, unha especie alóctona de crecemento rápido que malia arder moito mellor que calquera outra especie, benefíciase do lume para colonizar novos espazos. O Monte Pindo é un terreo no que o eucalipto apenas tiña presenza antes do lume, porén agora está colonizando á velocidade do vento espazos que antes lle eran imposíbeis, invadindo incluso os dominios do señor absoluto destas terras, o carballo anano, especie que só existe no Monte Pindo e que xustifica por si mesmo a declaración deste macizo coma Parque Natural.

O que está pasando vén a sinalar a un dos poucos beneficiarios directos do incendio do Olimpo Celta: a industria pasteira, culpabel tamén da dramática transformación dos nosos bosques e a daquela Galiza verde (lembrades?) en monocultivo de eucalipto, co visto e prace dos gobernos de turno.

Eucaliptos no Monte Pindo

Tal e como denunciou onte a Asociación Monte Pindo Parque Natural, son moitos os veciños e veciñas do Pedregal que se puxeron en contacto con nós denunciando que representantes desas empresas pasteiras lles están ofrecendo retirar a madeira queimada e repoboar as terras arrasadas con eucalipto, sexa o que sexa o que as poboase antes. Este alarde de xenerosidade ten como verdadeiro obxectivo aproveitar a desaparición da vexetación autóctona para crear centos ou miles de hectáreas de monocultivo de Eucalyptus globulus, especie como todos sabedes fundamental para encher os camións -e as caixas fortes- da industria pasteira de papel, á que lle serve mesmo a madeira queimada.

Que pode haber de certo nesta hipótese? O foco inicial do incendio xa disparara certas suspicacias. Este iniciouse a carón dunha pista forestal de difícil acceso, á que hai que saber chegar, lonxe de calquera núcleo poboado, e en cuxas inmediacións só hai unha actividade; en efecto, trátase dunha plantación forestal. O lume prendeu no único lugar aínda virxe -a monte- nesa zona, no medio e medio dunha vasta superficie arborada mecanicamente. As ortofotos de Google, sen actualizar desde antes do lume, aínda constatan hoxe esta situación..

Sexa coma for, 365 días despois o nome do criminal que matou o Monte Pindo segue sen esclarecer. Porén si lle facilitamos á Policía científica o nome do seu cómplice: A Xunta de Galiza, en grao de colaborador necesario.

Só por iso, e á espera de capturar o autor material, o seu cómplice, claramente identificado, xa merece a nosa condena rotunda, sen atenuantes, por ser copartícipe necesario da destrución do patrimonio común que é o Monte Pindo; e como tal, o pobo debe aplicarlle unha pena exemplarizante por todos coñecida desde hai agora catro anos: obrigarlles dunha vez a declarar o Monte Pindo Parque Natural, crear a súa Xunta Directiva, dotar o espazo dun Plan Rector de Uso e Xestión, destinar os recursos necesarios para a súa posta en marcha e, dunha puñetera vez, porse a traballar para que o Olimpo Celta de todos os galegos e as galegas teña futuro.

  • Mario Maceiras: Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Novas relacionadas

Máis artigos en O Prouxiarado

Fonte

comentarios