Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Mario Maceiras
09:15
03/05/12

Un Parque Natural para todas e todos

Un Parque Natural para todas e todos

Esta semana convidáronme a visitar as instalacións de Stolt Sea Farm no noso concello, un programa de visitas que queren facer extensivo ao conxunto da veciñanza e das entidades sociais. Aceptei o convite sendo coñecedor das dúbidas que empresa e traballadores tiñan sobre as repercusións que a declaración do Monte Pindo como Parque Natural podería ter para a súa actividade. Este é un dos argumentos, a veces inocentes e outras deliberadamente infundados, que adoitamos atoparnos e rebater. Agardo que a visita e este artigo contribúan, dunha vez por todas, a aclarar varios interrogantes.

Cando asumín a secretaría da Asociación Monte Pindo Parque Natural, e por tanto a iniciativa, fíxeno sen máis trasfondo que a sinceira convicción de que se trata dun dos proxectos máis ilusionantes da historia do noso concello e da nosa comarca, pois non só protexerá e desenvolverá dun xeito efectivo o espazo natural do Monte Pindo senón que creará novas oportunidades complementarias para o progreso social e económico de Carnota de toda a Costa da Morte.

Debo salientar ben a idea da complementariedade. O Parque Natural do Monte Pindo non se plantexa coma un proxecto restritivo ou substitutivo das actividades que xa se dan no seu entorno, nin moito menos dos postos de traballo que existen na actualidade. É por iso que desde esta tribuna teño que desmentir que nalgún momento avalara, plantexara ou desexara o cese dalgunha actividade industrial na Costa da Morte, e moitísimo menos das piscifactorías que só no noso concello xeran centos de postos de traballo directos e indirectos e de calidade cuxo impacto medioambiental é ata agora inocuo. Facelo non só iría en contra dos meus principios e dos intereses da Asociación, senón tamén en contra dos meus veciños xusto nun momento en que, como se di, o forno non está para bolos.

A proposta de declarar o Monte Pindo como Parque Natural non se plantexa contra os intereses de ninguén, senón a favor dos intereses de todos. Non me canso de repetir que non coñezo nin un só prexuízo da declaración para os nosos veciños. E se podo afirmar isto con tanta rotundidade é por varios motivos:

  • 1) Non existe actualmente no Monte Pindo ningunha actividade que se puidera ver alterada. Polo contrario, atópase completamente abandonado; o Parque Natural creará mecanismos para poñelo en valor e relanzar os seus aproveitamentos.
  • 2) Aínda que a decisión depende da Xunta, nunca suxerimos lindes do futuro Parque nin tampouco que abrangan máis aló do espazo natural do macizo granítico. É dicir, nin abarcará os fogares, nin explotacións de ningún tipo. Dito isto, quen propague rumores sobre supostas limitacións urbanísticas derivadas da declaración minte a sabendas. É máis: a declaración non suporá a priori nin unha soa restricción engadida ás que xa había ata agora, senón que dará a todos voz e voto sobre o rumbo que se debe adoptar neste senso.
  • 3) A declaración beneficiará á actividade económica do seu entorno, pois calquera produto ou servizo que procede do entorno dun Parque Natural conta cun valor engadido a priori, podendo incluso dotarse dun distintivo de calidade, como no caso da prestixiosa marca Parque natural de Andalucía que potencia centos de produtos e servizos de 24 parques naturais andaluces; varios deses parques, dito sexa de paso, abranguen e benefician cidades enteiras.

Á vista de todo isto, o propio Luis Toro Pinilla, director xeral de Stolt Sea Farm SA, tildou a iniciativa de "oportunidade única para esta comarca" e expresounos o seu apoio personal, asi como que vai solicitarlle ás instancias superiores que a compañía respalde á declaración do Monte Pindo como Parque Natural.

Este apoio equivale ao colapso dunha desas barreiras psicolóxicas que teñen malogrado tantas boas ideas, ilusións e esperanzas. Proba que desde a xenerosidade, a comunicación, a colaboración e a corresponsabilidade de todas e todos, resúltanos máis doado avanzar. Pero sobre todo demostra que a idea, explicada convintemente, vence as reticencias e convence. Só por isto debemos felicitarnos veciñanza, empresa, traballadores, os que arelamos o Parque Natural do Monte Pindo e, en definitiva, os que loitamos por un futuro mellor para o noso entorno.

Non ten sentido plantexar a protección do medio ambiente de costas á poboación que desenvolve ás súas vidas no entorno deses espazos naturais. Isto é algo que tiven claro desde o día en que esta idea colleu corpo e botou a rolar. Hoxe a proposta é imparábel, e a persoa responsábel de levala a cabo, o conselleiro Agustín Hernández, sábeo perfectamente. Mais non por iso debemos durmirnos nos loureiros, nin esquecer que a prioridade máxima segue sendo a de informar á veciñanza, propietarios, axentes sociais, tecido económico e en definitiva a calquera persoa ou entidade que teña algunha dúbida, crítica ou suxestión. E nese camiño seguirei e seguiremos facendo todo o que esté na nosa man, explicando, divulgando, e contando co apoio e as ideas de cantos máis, mellor.

  • Mario Maceiras: Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Máis artigos en O Prouxiarado

Novas relacionadas

Vídeos de natureza

Fonte

Comentarios