Sábado. 23.02.2019
El tiempo
Marisol Soneira
11:46
30/01/19

Ate onde chega a Costa da Morte?

Ate onde chega a Costa da Morte?
Mapa da Costa da Morte A veces, lendo e escoitando a moita xente, teño a impresión de que o símbolo mais acaído para representar ao territorio da Costa da Morte debera ser un acordeón. Non é unha ocurrencia se non a conclusión empírica de que, en función de cada organismo ou de cada iniciativa, encollemos ou alongámonos coma se dependéramos das habilidades musicais do admirado Pazos de Merexo. Meu pai sempre me dixo que a Costa da Morte ía dende Fisterra á Sisargas pola costa. O que había terra a dentro era outra cousa para el. O curioso do caso é que non solo temos medrado ao ancho se non que, en determinadas circunstancias, temos estirado ao longo coma se fósemos un chicle. Eu teño visto mapas onde se definía Costa da Morte dende Muros ate Arteixo e dende Camariñas a Santa Comba. Como diría un bo amigo meu: cágate lorito! Porqué todo este lío? Porque foi no territorio xenuíno cando se comezou a traballar na procura de proxectos europeos de desenvolvemento da man da malograda Asociación Neria. E como se conseguiron investimentos e recursos moi xugosos, moitos concellos limítrofes viron a oportunidade de sumarse a unha iniciativa que, algún día, a historia faralle xustiza. Así comezouse por integrar Carnota porque xa pertencía ao Partido Xudicial de Corcubión; logo ven Mazaricos e outros concellos que nin sequera teñen acceso ao mar que da nome á comarca, en función de determinados programas e actuacións das distintas administracións. Non pretendo eu criticar estas e outras incorporacións, moitas veces puntuais, a un territorio que, historicamente, sempre estivo vinculado ao mar e a dureza dos oficios que nel se exercen. Pero coido que os tempos son chegados para que, dunha vez, se defina o que é Costa da Morte e o que non deixa de ser unha alianza puntual e coxuntural. Non é un asunto cativo este porque o recoñecemento dunha entidade territorial perfectamente delimitada ten unha enorme importancia na definición e planificación das infraestruturas e dos investimentos. Transmite e traslada unha identidade homoxénea cara o exterior, coa importancia que iso ten no mundo globalizado, onde o singular e particular vende e transmite mais e mellor ante tanto uniformismo. Permite transmitir unha identidade recoñecible que perdure ao marxe de alianzas puramente circunstanciais que mudan en función de intereses moi concretos pero que non teñen continuidade no tempo. E, en último extremo, por xustiza histórica. Porque llo debemos aos nosos devanceiros. Non se trata de excluír a ninguén se non de recoñecernos a nos mesmos.
  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Outros artigos de Marisol Soneira

comentarios