Venres. 29.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
10:29
14/01/19

Vox: Unha verdade incómoda

Vox: Unha verdade incómoda
Cada vez que escoito a alguén, supostamente de esquerdas, criticar a Transición Española entendo perfectamente o auxe da extrema dereita en España e a súa irrupción, sen complexos, facendo propostas que ate non fai moito consideraríamos fora do tempo e da historia da España do século XXI. Hoxe case ningún español sabería dicir o nome dun militar de certo releve, pero naqueles anos víñannos a mente mais dunha ducia. Eran tempos difíciles e a responsabilidade fixo que uns e outros enterrásemos vellas e lexítimas pretensións en aras de acadar, por fin, unha sociedade que fose capaz de dirimir as súas diferencias a través do diálogo e non a tiros. O franquismo ultramontano parecía esvaecido por moitas razóns. Primeiro porque houbo unha concentración das forzas políticas de dereitas en torno ao Partido Popular facendo convivir no seu seo a franquistas convencidos, dereitas extremas, liberais, centristas reformistas, e unha longa colección de familias políticas. Segundo porque moi poucos españois se atrevían a identificarse publicamente co Réxime e, os que o facían, preferían o acubillo da “dereita civilizada” de Manuel Fraga e Aznar. Os Blas Piñar e outros espécimes nostálxicos da Dictadura habitaban na marxinalidade política sen respaldo electoral apreciable. Pero, coa chegada da Gran Crise, cuestionouse todo. Incluso a Transición e o modelo de convivencia asentado sobre aquel proceso. Escoitamos, por primeira vez, aquelo do “réxime do 78” e case se acusou a moitos grandes políticos, sobre todo da esquerda, de ser uns vendidos ao capital e o franquismo. É posible que, nun mundo utópico e irreal, todo o mundo acada o seu ideario sen facer concesión algunha, pero naquelas mesas de negociación sentábanse homes (case non había mulleres salvo Dolores Ibárruri) que, ate non había nin meses, eran encadeados polas súas ideas políticas. E, en fronte, sentábanse outros homes que perseguían e encadeaban aos primeiros en defensa, tamén, dun ideario político. E nos cuarteles había militares afiando coitelos, como desgraciadamente aconteceu un 23 de febreiro. E, mentres a nova esquerda propugna unha revisión total daquel período da nosa historia e reinterpreta, dende a comodidade dunha democracia consolidada e dunha sociedade desenvolvida, decisións tomadas en circunstancias moi difíciles, a nabiña da ultradereita medraba no seo do Partido Popular alimentada pola crise económica, institucional e social na que temos ao país sumido nos últimos anos. E a semente saltou fora da planta nai e votou raíces que se alimentan, segundo podemos comprobar nestes días, do machismo mais rancio e zafio, da xenofobia e o racismo, e dunha concepción de España e do que significa ser español que non é compartido nin pola maioría das xentes de dereitas deste país. Agora, xa sen complexos, non necesitan agocharse baixo as siglas do Partido Popular. Agora saen a peito descuberto. Na esquerda sempre pecamos de ir na procura da utopía en detrimento da realidade. E así temos asistido a manifestacións onde se levaban pancartas con frases como “PSOE-PP a mesma merda é”, ao mesmo tempo que se pedía, a berros, o retorno ás políticas de becas, sanitarias, educativas e sociais anteriores as reformas salvaxes feitas pola dereita ao abrigo da crise económica. Políticas deseñadas e postas en práctica por gobernos do PSOE. O mais curioso é que moitos militantes socialistas abrazaron esta revisión histórica facendo seguidismo dun revisionismo histórico feito, moitas veces, dende un simplismo que asusta. Son as contradicións que nos fan a esquerda ser como somos. Capaces de enredarnos en absurdos dialécticos sobre quen é mais ou menos de esquerdas, sen decatarse que, nunha democracia, iso só se manifesta nas leis publicadas nos boletíns oficiais. Claro que para ter o control dos diarios oficiais, primeiro, hai que gañar as eleccións e, o noso purismo ideolóxico, obríganos a “pasar” de ir a votar si detectamos unha desviación milimétrica do Programa Máximo Utópico da nosa concepción do que debe ser un goberno de esquerdas, facilitando así, de maneira indirecta, que organizacións como VOX entren nas institucións democráticas para demolelas dende dentro. Iso xa pasou en Europa central a mediados do século pasado e xa vimos as consecuencias.
  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.
 

Comentarios