Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Miro Villar
12:10
02/03/18

As comarcas de Bergantiños e Fisterra na guía de viaxes francesa Joanne de 1890

As comarcas de Bergantiños e Fisterra na guía de viaxes francesa Joanne de 1890

Diversas localidades das comarcas de Bergantiños e Fisterra aparecen reflectidas na guía de viaxes francesa intitulada Espagne et Portugal (París: Hachette, 1890) da autoría de Alfred Germond de Lavigne, dentro dunha serie que era popularmente coñecida como «Colección de guías-Joanne», pois a responsabilidade era de Adolphe Joanne e cuxo primeiro título fora Itinéraire Descriptif et Historique de l’Espagne et du Portugal (1859), tamén do hispanista Germond de Lavigne, pois ían sendo reeditadas con engadidos e modificacións con periodicidade case anual.

A edición de Espagne et Portugal (1890) foi a derradeira da responsabilidade deste autor e pódese consultar libremente no portal Gallica, «bibliothèque numérique de la Bibliothèque nationale de France et de ses partenaires», nesta ligazón: http://gallica.bnf.fr/ark:/12148/bpt6k5673278z

Tamén existe unha reedición dixital, que permite a impresión baixo demanda ou acceder a un documento pdf, grazas a un convenio de colaboración subscrito entre a BNF e a editorial Hachette Livre para a conservación patrimonial das principais obras da literatura francesa.

Alfred_Germond Alfred Germond, autor da guía

Léopold Alfred Gabriel Germond de Lavigne (París, 1812 - 1896) ou simplemente Alfred Germond de Lavigne, foi un escritor prolífico de libros ou guías de viaxes, redactor xefe da Gazette des eaux, mais o seu hispanismo levouno a traducir ao francés varias obras clásicas da literatura española, como La Celestina atribuída a Fernando de Rojas, o coñecido como Quijote de Avellaneda, La vida del Buscón de Quevedo ou de contemporáneos seus como Marianela de Benito Pérez Galdós. Polo seu labor foi elexido membro correspondente da Academia Española das Letras e da Academia Real de Historia.

Pola súa banda, Adolphe-Laurent Joanne (Dijon, 1813 – París, 1881) foi o creador das Guides Joanne, a quen o editor Louis Hachette nomeara en 1855 como director da colección das súas guías de viaxe, que tiñan entre outros os seguintes obxectivos: «Actualmente, como todo o mundo viaxa e intenta viaxar cada vez máis á présa, unha boa Guía debe coller o viaxeiro á saída do vagón e facerlle ver, orientándoo, rapidamente, de xeito seguro e economicamente posible, cara a todas as rexións que describe. Este é o programa das Guides Joanne (…) as guías prácticas que todo o mundo reclama. Estes volumes portátiles, ben editados, teñen uns mapas excelentes e uns planos de uso cómodo e de moi fácil lectura».

Porén, a edición de Espagne et Portugal (1890) tiña máis de mil páxinas, ás que se lle engadían 20 mapas e 22 planos das cidades máis importantes. Estaba estruturada en 141 rutas diferentes no Estado Español, incluídas as illas Baleares e o arquipélago das Canarias e outras 22 por Portugal e a illa de Madeira.

Dez capítulos ou itinerarios céntranse en Galiza desde que entra na provincia de Lugo desde León, sempre seguindo os camiños de ferro da época até que abandona a nosa terra por Ourense camiño de Astorga. Destas páxinas traducimos, coa xenerosa colaboración de Muriel Bouvier (a quen lle agradecemos inmenso a súa lectura e as súas propostas), o capítulo intitulado «Route 15. De La Corogne aux bains d'Arteijo et de Carballo et au Cap Finisterre», que nos achega curiosidades tan sorprendentes coma unhas vilas de Carballo e de Cee con menos habitantes que Corcubión, a importancia balnearia de Arteixo ou o fascinio polo Monte Pindo e a fervenza do Ézaro, así como a singularidade das comunicacións, con só dúas viaxes en vehículo por semana, nas comarcas de Bergantiños e Fisterra, xa que Germond de Lavigne non fai mención ás terras de Soneira. Velaquí:

Título: Espagne et Portugal

Autor: Joanne, Adolphe (1813-1881). Germond de Lavigne, Alfred (1812-1891).

Editor: Hachette (Paris)

Data da edición: 1890

Lingua: francés

Dereitos: dominio público

Fonte: Bibliothèque nationale de France, département Philosophie, histoire, sciences de l'homme, 8-O-184 (C)

Anotación do catálogo: http://catalogue.bnf.fr/ark:/12148/cb30653837q

RUTA 15

DE A CORUÑA AOS BAÑOS DE ARTEIXO E DE CARBALLO

E AO CABO FISTERRA

Ruta. — 95 k.

Unha estrada de 3ª orde, con servizo regular de coche, afástase de A Coruña, ao S.-O., seguindo máis ou menos o litoral do Océano, para chegar ao pequeno porto de Corcubión, moi preto do cabo Fisterra, a 87 k. de A Coruña. Iso permite, non sen algunhas dificultades, unha curiosa excursión a unha paisaxe extrema, e a penas coñecida. É nesta ruta que se atopa, a 7 k., a vila de Arteixo (1000 hab.). Moitos bañistas collen os burros, que son o medio de transporte máis frecuentemente empregado no país, e detéñense a medio camiño para visitar a igrexa de Oseiro, e o célebre santuario de Pastoriza, con grande veneración na comarca.

O manancial de Arteixo está a 160 m. aprox. da ruta. É de cloruro sódico, con restos de iodo, de bromo e de litio. A súa temperatura é de 33 e 39°. A instalación está ben; foi recentemente finalizada. Reciben, durante o ano, de 600 a 700 bañistas afectados de reumatismos e de afeccións herpéticas. A vida material é fácil. O mercado local está abundantemente provisto.

Semella que un se divirte bastante en Arteixo, en temporada alta. Todos os días de feira, hai un baile no paseo e na praza, ao son das gaitas galegas, e a mocidade de A Coruña acode e participa.

Carballo, 500 hab., atópase máis alá de Arteixo, a 33 k. de A Coruña. O camiño percorre unha paisaxe moi cultivada e moi rica. A vila, composta de 80 vivendas diseminadas, está a unha pequena distancia do Océano. Os medios de transporte son os mesmos que para Arteixo: os carros de bois, os burros, e, para os doentes, as liteiras que se pagan de 20 a 25 pesetas. As condicións do aloxamento son satisfactorias.

Os mananciais son sulfúricos sódicos, á temperatura de 23 a 36°. A súa sona vén de antigo; eran coñecidos no tempo dos Romanos. Flúen en abundancia de todas partes, e son recollidos no establecemento principal, que se atopa no centre da vila, en catro estanques ou piscinas. A instalación deixa bastante que desexar. Estas augas parecen ter moitas virtudes na maioría dos casos; Rubio sinálaas sobre todo poderosas contra as afeccións reumáticas e as dermatoses herpéticas. Reciben de 730 a 850 doentes durante a temporada, que dura de xullo a fin de setembro.

[Dous camiños conducen de Carballo á beira do mar: a Malpica e a Laxe. A distance é de 12 a 15 k.]

87 k. Corcubión, cabeza de partido xudicial formado nesta zona, a máis occidental da costa de española. Pequeno porto, ao fondo dunha fermosa baía, na desembocadura do río Castro, presenta un excelente e amplo fondeadoiro. A vila, que conta 2000 hab. con vice-cónsules de Francia,  de Inglaterra e de Portugal, ten pouco interese por si mesma; unha antiga igrexa, tres ou catro casas de huespedes (en castelán no orixinal), un círculo (debe referirse ao casino) ben organizado, e un fortín en ruínas. Non se comunica coas localidades veciñas mais que por camiños veciñais non transitables e en mal estado. Os barcos a vapor que arriban a Corcubión, van a Vigo, a Carril e A Coruña, e as embarcacións poden navegar ao longo do litoral a Cee, a Fisterra, a Muxía, a Camariñas, que son os derradeiros puntos habitados desta costa.

Cee atópase a unha ollada de Corcubión e no outro lado da ribeira. Chégase en barco ou por un pequeno camiño veciñal de 2 k. A vila, que conta 1500 hab., unha fermosa igrexa moderna, un establecemente de ensino primario e secundario xenerosamente dotado, e algunhas casas de huespedes (en castelán no orixinal), é completamente asolagado polo mar coa marea alta. As plantas baixas das vivendas están construídas en consecuencia. O fondo da baía está ocupada por unha quincena de fábricas de salgadura, que ocasionan un certo movemento comercial. Os estranxeiros visitan, con curiosidade, un fermoso acantilado rochoso, de formación granítica, denominado a serra de Pindo, completamente desprovisto de vexetación, e que se prolonga á beira do Océano. Desde o alto dunha das aberturas deste acantilado, e dunha altura de máis de 40 m., precipítase un arroio que descende cara ao mar nun longo salto de auga moi dividido, chamado a catarata do Ézaro. Un faro de cuarta orde érguese preto de Cee.

Un moi mal camiño de 8 k. leva de Corcubión a Fisterra, pequena vila de 1100 hab., todos pescadores ou fabricantes de salgaduras. É sobre todo por mar que esta localidade pode comunicarse con aquelas que están próximas; mais é raro que o mar sexa practicable nas inmediacións do cabo. Está construída na punta setentrional dunha alta crista estreita denominada, a Nave de Fisterra, que se prolonga, preto de 5 k., ata conformar, na súa extremidade S., o cabo cuxa situación é 42° 56' 30" de latitude N. e 2° 56' de lonxitude O. do meridiano de Cádiz. O lugar do cabo Fisterra é impoñente e domina desde o alto o Océano. Na cima da punta érguese un faro de primeira orde e o primeiro semáforo que foi establecido en España.

[Un camiño veciñal de 20 k. une Corcubión á vila de Muxía, á cal se chegaría máis facilmente por mar, dobrando o cabo Fisterra para subir ao N. Muxía conta con 1300 hab., e posúe unha pequena igrexa e unha capela da Virxe da Barca, obxecto, no mes de setembro, dunha peregrinación de sona. Visítase unha enorme rocha granítica illada, de forme ovoide, a Pedra da Barca, onde a parte superior aplanada pode xuntar preto de 120 persoas, e que se sostén por un prodixio de equilibrio, e o seu plano inclinado non se moveu despois de séculos.

Unha baía profunda separa Muxía de Camariñas, outro pequeno porto de pesca, de 1500 hab. con fondeadoiro para a frota, faro de 1ª clase sobre o cabo Vilán e axencias consulares. O camiño veciñal que une Camariñas a Corcubión, e á estrada de A Coruña, conta con 33 k.]

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios