Xoves. 18.04.2024
El tiempo
Óscar de Souto
12:42
20/01/18

A lenda das mariscadoras multimillonarias

A lenda das mariscadoras multimillonarias
O 22 de maio do ano 1557 (xa choveu) con vento de nordés na popa supera o cabo do Roncudo de Cormelle unha galeaza de gran porte capitaneada polo famoso Jambe de Bois (pata de pau) o recoñecido pirata normando Françoise le Cler. O seu ronsel ía rumbo a Andalucía cando son perseguidos (e posteriormente interceptados) polo bravo Marqués de Viso (Don Álvaro de Bazán “O vello”) que toma por misión perseguilos cun patache lixeiro coma se saltasen un control de tráfico e os piratas franceses e protestantes intentan como medida, xa desesperada, encallar as areas do esteiro do rio Anllóns bicando coa proa a mesmísima barra do bardo ós pés do maxestoso Monte Branco. Sen canóns nin pólvora o desenlace vai ser a coitelo en loita sen igual. Espertan naquela mañán clara os veciños de Canduas e Cesullas cos berros secos daquela épica e cruenta batalla naval que rematou coma rosario da aurora. A nao francesa sagazmente desfíxose do botín por estribor e por babor xusto intres antes da inevitable refrega. Toda esa carga de moedas de ouro españolas foranlle saqueadas o galeón San Diego no seu retorno das novas Indias nos vendabales daquel mesmo ano. E sempre nos impactou a todos ollar as mariscadoras cos seus coches de alta gama e as suas mansións de cantería con piscina incluida. E aqui só quedan tres resolucións para o misterio das berberecheiras multimillonarias: 1 / tocoulles a lotería a todas 2 / atoparon parte do tesouro perdido e atopado rascando na area 3/ outras respostas moito máis estrañas Poida que endexamáis nos poidamos gabar da resolución deste gran enigma mais eu confesolles hoxe aqui que procuro moi porfiado a cotió ese ouro maldito de cuño español neses mesmos areais do cisne cantor onde co meu detector de metais ancestral chuzo e chuzo coma se toleara. E se un día destes paso pilotando un mercedes último modelo, xa sabedes, ou loteria ou ……ese gran botín da miña lenda prefirida. Verdescentemente,

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios