Venres. 19.04.2024
El tiempo
Óscar de Souto
09:01
06/09/17

Vínculos indestrutibles

Vínculos indestrutibles
O noso territorio costamorteño é claramente unha comunidade xenuina, fachendosa de si mesma, e cunha idiosincrasia propia, arraigada, case coma se fose un País dentro dun País dentro de outro País. Como unha matrioshka rusa. E os vínculos atlánticos indestructibles que forxaron as autoestradas salgadas do noso pasado mariñeiro vencellaron para sempre a: Corme (república independente), Laxe, Soneira, Xallas e Fisterra, trazando unha vella Patria sentimental con capital no Gran Sol. Esta Comarca Costamorteña é profundamente disímil de Bergantiños ou a Costa Ártabra ou calqueroutro territorio galaico. Diferencias fondas na nosa toponimia de orixen gaélica, acento, sustantivos distintivos, tradicións endémicas, carácter, raza, xenética, historia e moitas outras particularidades que sentencian unha indudable condición de territorio comunitario propio, que racha esas fronteiras invisibles que trazaron no mapa, xa que esta Patria Pequena, que é a nosa Costa, é máis un sentimento que ningunha outra cuestión. A Comunicación e o voluntariado: chaves do progreso Rudolf Chistoph Eucken, filósofo alemán, gañou o premio nobel de literatura no 1908 sentenciando a idea do activismo solidario pola comunidade como unha necesidade da humanidade para poder prosperar. E foron estas ideas europeas as que influenciaron os nosos rexionalistas do século pasado para crear unha autonomía propia onde gran parte de toda aquela loita foi voluntaria e moi comprometida (ata dar incluso a propia vida loitando por un futuro mellor para todos nós). Mais temos que indicar que no presente suspendemos en varias asignaturas fundamentais como son lectura e comunicación. (Xa non afondo en emprego, industria e outras, pois xa se nos escapa un pouco das nosas posibilidades reais de trocar aspectos sociais importantes). E no tocante a comunicación eu sinto unha honra persoal moi satisfactoria por ter a sorte de formar parte do amplio clube dos colaboradores voluntarios no noso xornal dixital, o quepasanacosta. Un medio que cumple xa unha década. Unha xanela cibernética onde o vento das novas sopla coa valentía e a virtude desa redacción como carta de navegación e ronsel para esa longa travesía polos mares da información sempre veraz e contrastada. Era para a nosa Terra necesario, como o pan de cada día, e só podemos desexar que cumpla moitos máis e que nunca cambie. Só a unión nos fará fortes. E este humilde pequeno gran xornal, ceibe e plural, serve incuestionablemente a esta transcendental causa común de alumear coma un faro nesta longuísima noite na Costa mais viva que vin na miña vida. Parabéns o Quepasanacosta e medre a nosa Patria Pequena.

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios