Martes. 04.08.2020
El tiempo
Víctor Castiñeira
12:15
22/03/17

Castelo do Príncipe (I): A defensa marítima

Castelo do Príncipe (I): A defensa marítima

A defensa marítima do territorio: das armadas a un corpo de Mariña estable

Mapa de Cadiz 1596 Saída da flota de Padilla dende Cadiz en 1596

A necesidade de defensa da costa, considerada como fundamental durante os séculos da Idade Moderna ata o punto de ser calificada como "as chaves do reino de Galicia", tivo durante o período de governo da Casa de Austria un primeiro impulso que culminaría no século XVIII coas importantes reformas promovidas pola nova administración borbónica.

Canon da flota de Padilla afundido na Costa da Morte Cañón da flota de Padilla afundido na Costa da Morte

Antes delas, a defensa militar do territorio facíase polo sistema de "armadas" que se organizaban para unha campaña determinada xa que non existía unha Mariña permanente. Destas armadas, todos lembraredes unha das máis famosas, a Armada Invencible do ano 1588, que por non facer honra do seu nome daría lugar a unha segunda oito anos despois. Curiosamente, ésta tería un triste papel protagonista na zona de costa que vai de Carnota a Camariñas co naufraxio de máis de 25 embarcacións e 1706 persoas desaparecidas no que foi o maior desatre naval nas nosas costas. E todo porque despois  da derrota da Invencible, á que seguiron saqueos e ataques  británicos en diferentes portos e lugares das costas españolas, Felipe II daría a orde de formar unha nova armada formada por galeóns, urcas e un importante número de embarcacións menores que partiron de distintos portos co fin de atacar ás costas inglesas. Desde Cádiz, desde Sevilla e desde Lisboa, (entre 1580 e 1668 Portugal formou parte a través dunha unión dinástica da Monarquia Hispánica), viron saír ós barcos que tiñan que unirse, nas costas galegas, coa  escadra de Martín Padilla, que partira de Ferrol ó seu encontro.

Frente a Fisterra, un 28 de outubro de 1596, un temporal acabou cos plans reais. As embarcacións que o resistiron acabaron chegando a distintos portos, dispersos, desde Vigo ata Biscaia.   

Voltando ó sistema de defensa, as armadas tiñan o seu lóxico complemento na configuración portuaria que permitía ás escadras as necesarias labores de mantemento e abastecemento para o que se fixo imprescindible a fortificación de parte da mesma, especialmente da zona de fondeadoiro.

Escorial-Grabado de Juan de Herrera Gravado de Juan de Herrera

Precisamente os avances da arquitectura renacentista a partir da importancia que adquiren a xeometría e as matemáticas  non serían alleos á defensa do territorio. En 1583, Felipe II crea a Academia de Matemáticas, Arquitectura Civil e Militar, dirixida por Juan de Herrera, un  dos grandes arquitectos do s. XVI autor do Escorial entre outras obras, e que contou coa colaboración dos enxeñeiros ó servizo da Coroa. Eles serían os encargados de desenvolver o que hoxe coñecemos como fortificación abaluartada polo trazado duns frentes defensivos con baluartes: formas romboides que se dispoñían ós lados dunha cortina, é dicir, dun muro flanqueado por éstos. O sistema acabaría por perfeccionarse en función das necesidades e adaptándose á orografía do terreo ata conseguir uns tipos de construción moi estudiados e trazados con exactitude. As partes fundamentais dunha fortificación deste tipo comprendían:

  • os adarves ou zonas destinadas á colocación da artillería
  • as troneiras, parte oca na parte superior da muralla desde onde disparaban os canóns. Estos alternaban cos merlóns, parte construída neste remate da muralla onde se situaban para protexerse os artilleiros e axudantes.
  • as escarpas, que eran a maior parte do muro externo e que estaban concebidas como un plano lixeiramente inclinado. Cara adentro, a escarpa compactábase nun muro de pedra que pola súa consistencia e resistencia, capaz de soportar os tiros da artillería inimiga, recibía o nome de corpo perfecto.
  • os camiños cubertos situados na parte superior da contraescarpa, é dicir, sobre a outra muralla que formaba o foxo. Este remate facíase de tal xeito que permitía o paso dos soldados nunha primeira liña defensiva sen estar expostos ós tiros inimigos.
  • o revellín, que se situaba diante das cortinas como unha pequena praza de armas apuntada en forma de rombo, máis ou menos integrada no perfil do camiño cuberto.
  • os foxos ou partes defensivas que rodeaban a fortaleza e que podían estar cubertos de auga ou non.
  • o glacis, que xa formaba parte do exterior da fortificación. Era un campo en forma de plano inclinado polo que terían que avanzar as tropas atacantes.
  • a media lúa, que tiña forma de ángulo cara o glacis e redondeada cara a fortificación e que se construía, polo xeral, diante dos baluartes.
Castelo Ameixenda-fortificacion abaluartada 2 Exemplo de Fortificación abaluartada

Sen querer profundizar máis nesta cuestión, consideramos que é salientable comprender como foi evolucionando a complexidade do sistema defensivo no que a defensa da liña de costa foi aspecto primordial con numerosas edificacións desde finais do século XVI ata ben mediado o século XVIII. A tipoloxía máis común para estas fortificacións será a de contar cunha batería de artillería cara o mar e un frente abaluartado cara a terra.

Durante os reinados de Felipe V e Fernando VI construíronse os castelos da ría de Corcubión Durante os reinados de Felipe V e Fernando VI construíronse os castelos da ría de Corcubión

Será precisamente no século XVIII coa chegada da dinastía borbónica cando se trate de dotar á Corona dun poderío naval sen precedentes sobre todo durante os reinados de Felipe V e Fernando VI, seguindo en boa parte as directrices do Marqués de Ensenada, quen conseguirá reordenar e organizar con óptimos resultados a Real Facenda, a Xustiza, os sistemas municipais, a governación de Ultramar e, sobre todo, a Mariña, dado que esta última era imprescindible para manter o dominio colonial español e a defensa das súas costas diante dos ataques de ingleses e franceses. Grazas ó decisivo impulso de Ensenada construironse os tres grandes arsenais clásicos nos que se apoiarán para sempre a Mariña e a flota de guerra españolas: Ferrol, Cartaxena e A Carraca (Cádiz).

Jorge Juan ou o “sabio español” ,tal e como era coñecido en toda Europa, foi un humanista, enxeñeiro naval e científico.Mediu a lonxitude do meridiano terrestre demostrando que a terra está achatada nos polos. Jorge Juan ou o “sabio español”, tal e como era coñecido en toda Europa, foi un humanista, enxeñeiro naval e científico. Mediu a lonxitude do meridiano terrestre demostrando que a terra está achatada nos polos

Para poder competir no mar contra a poderosa flota británica, o marqués aconsella en 1748 que o experto marino Jorge Juan e Santacilia visite como espía Gran Bretaña para informarse e coñecer a fondo ós mellores técnicos navais do momento. Será así como consiga facer realidade a construción para España dunha flota digna en calidade á británica, cun aumento de polo menos 60 navíos de líña e 65 fragatas listas para operar. Do mesmo xeito, Ensenada eleva o Exército de terra a 186.000 soldados e a Mariña a 80.000. A valía de Jorge Juan foi recoñecida por Ensenada e así sería noemado en 1752 Director da Academia de Gardas Mariñas de Cádiz. Alí acabará experimentando todas as súas teorías sobre a construción naval sustentadas matemáticamente. Os resultados incluso impresionaron ós ingleses que acabarían por adaptar as súas melloras para conseguir unha flota máis rápida, lixeira e maniobrable. Entre os anos 1751 e 1754, Jorge Juan estivo en Ferrol e alí xunto co enxeñeiro militar Francisco Llobet (o encargado das últimas trazas das obras dos castelos da nosa ría), planeou e o construiu o seu arsenal e pouco despois os planos do barrio da Magdalena, que acabaría rematando o propio Llobet.

A creación dos novos arsenais foi o mellor campo de probas para os enxeñeiros militares e arquitectos da época. Centrándonos en Galicia, o gran conxunto ferrolán necesitará dun sistema defensivo completo polo que se experimentará moito nas fortalezas  defensivas a la mar creando as novas baterías colaterais e tamén se impulsaron os estudios sobre posibles fondeadeiros noutras rías. O modelo académico a seguir para as fortificacións foi o proposto pola Real e Militar Academia creada en Barcelona en 1710 baixo a direción de Jorge Próspero de Verbóon. Moitos dos enxeñeiros que traballaron na Galicia de mediados do XVIII sairon das súas aulas o estiveron moi vinculados a ela, como Juan de la Ferriere, Miguel Marín, Pedro Martín Cermeño ou o xa mencionado Francisco Llobet. A outra gran influencia, aínda que ésta é máis de estilo que de técnica, sería a da Real Academia de San Fernando. Así da fusión de ambas tería lugar o desenvolvemento das fortificacións atenazadas e de arquitecturas ó gusto italiano (neoclasicismo). O resultado foi visible nos novos modelos defensivos con hornabeques, tenazas,  coroas, contragardas... que permitiron optimizar o trazado das baterías colaterais facendo un dos nomeados elementos cara a terra mentras que a batería defensiva se facía cara o mar.

Non debemos esquencer que todo elo foi posible porque no referente o persoal contouse cunha importante mellora na súa especialización, ademáis do propio desenvolvemento do corpo de enxeñeiros. No que se refire ós materiais empregados, hai que salientar o emprego de canterías moi coidadas nos sillares, mampostería enlucida e mellores morteiros xunto cun mellor emprego da madeira e perfecionamento no traballo do ferro e cristal. E finalmente, a mellora das contas públicas grazas ás reformas de Ensenada que permitiron abordar un gran número de obras entre as que se atopan tamén as baterías defensivas da Costa da Morte.

Máis información

 

Novas relacionadas

Fonte

comentarios