Mércores. 20.03.2019
El tiempo
Víctor Castiñeira
06:07
12/04/17

Castelo do Príncipe (IV): A lexislación

Castelo do Príncipe (IV): A lexislación

A primeira a que temos que facer referencia para o caso que nos ocupa é o Decreto de 22 de abril de 1949, sobre proteción dos castelos españois que establecía que quedaban baixo a proteción do Estado todos os castelos independentemente do seu estado de ruína impedindo calquera alteración que modificase o seu carácter ou poidera provocar o seu derrumbamento. No mesmo decreto facíase responsable ós concellos dos danos que lles poidesen ocurrir.

O seguinte fito importante xa se deu tras a restauración da democracia e ten que ver coa declaración legal denominada Ben de Interese Cultural, figura de proteción regulada pola Lei 16/1985, de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español. Posteriormente esta figura de máximo rango foi asumida paulatinamente pola lexislación das diferentes comunidades autónomas que participarían na incoación de expedientes e estudos, coa supervisión do Ministerio de Cultura para a declaración definitiva.

Con independencia da declaración individual dun B.I.C., existen varios casos de declaración xenérica de bens atendendo ás súas características definitorias propias, tal e como quedaron recoñecidos pola nova lei de patrimonio de 1985:

Se consideran asimismo de interés cultural y quedan sometidos al régimen previsto en la presente ley los bienes a que se contraen los decretos de 22 de abril de 1949, 571/1963 y 499/1973.

O primeiro é o que acabamos de citar referente ós castelos de España, mentras que o segundo fai referencias ós escudos, pedras heráldicas e pezas similares de interés histórico-artístico de máis de 100 anos. O último deles inclúe todas as construcións coñecidas como hórreos ou cabazos dos territorios de  Asturias e Galicia con  máis de 100 anos. Finalmente, o art. 40.2 da Lei de Patrimonio Histórico declara B.I.C. todas as covas, abrigos e lugares que conteñan manifestacións de arte rupestre.

Así, en virtude da Resolución de 17 de outubro de 1994 da Dirección Xeral de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura, o castelo do Príncipe quedou catalogado como Monumento e inscrito como tal no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural coa referencia RI-0008837.

Os BIC contan co nivel de proteción máis elevado no noso patrimonio conlevando a obriga conxunta de propietarios e Administración da súa conservación. Pouco despois dictaríase a Lei 8/1995 de 30 de outubro do patrimonio cultural de Galicia que sentaría as bases para a proteción e difusión do mesmo establecendo os procedementos e instrumentos específicos para garantir a súa conservación así como un réxime sancionador para correxir as infracións que afectasen ó noso patrimonio cultural. No seguinte ano, a Lei 3/1996, de 10 de maio, de proteción dos Camiños de Santiago acabaría recoñecendo a importancia dos diferentes Camiños, da súa relevancia histórica e universal como parte integrante do noso patrimonio cultural ademáis de da humanidade pola Unesco. Todas estas leis, importantes no seu momento veñen de ser derogadas recentemente coa publicación da Lei 5/2016 de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia que busca unha simplificación en tres niveis: lexislativo, administrativo e no que se refire á clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia. No seu capítulo II, art. 88 (Contido do patrimonio arquitectónico) inclúense como bens que integran este patrimonio:

"... os propios da arquitectura defensiva, entendendo como tales todas as estruturas construídas ó longo da historia para a defensa e control dun territorio do que forman parte. No conxunto da arquitectura defensiva destacan singularmente os castelos, as torres defensivas, as murallas e os muros circundantes urbáns, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que configuran, os arsenais navais, os cuarteis, as baterías de costa, os polvoríns e os restos de todos eles, con independencia do seu estado de conservación...Todas estas tipoloxías de inmobeis construídos antes de 1849 teñen a consideración de BIC.

No Título III da Lei faise referencia ó rexime específico de proteción e tamén de acceso a estes bens de interese cultural. No seu artigo 48 especifícase que os propietarios destes bens permitirán a súa visita pública un número mínimo de catro días ó mes durante, alomenos, catro horas diarias, sendo estos definidos previamente. Loxicamente, quedan excluidos os espazos adicados a domicilio particular sendo competencia da Consellería competente en materia de patrimonio cultural o obrigar ós propietarios a que cumplan con esta obrigación de acceso que de non cumprirse pode acarrear sancións de tipoloxía leve con multa de 300 a 6000 €. Esta obriga de permitir a visita non é ningunha novidade porque xa estaba establecido na anterior lexislación aínda que sen éxito no noso caso.

É unha mágoa que a comarca, orfa historicamente de inversións do estado, deixara perder un patrimonio que é de todos pois no seu momento estas baterías defensivas foron construídas polo estado e financiadas en boa parte coas cargas tributarias que gravaban o comercio e o consumo. Esperamos que agora ó abeiro da nova Lei e tamén da mobilización tanto social, con esta Plataforma, como a nivel político desde a propia administración competente, se poida avanzar neste campo e todos, ceenses e visitantes poidamos disfrutar destas  instalacións.

decreto-de-22-de-abril-de-1949-sobre-proteccion-de-los-castillos-espanoles 2
  • Víctor Castiñeira, Historiador e Técnico de Cultura do Concello de Cee.
 

Castelo do Príncipe

Máis información

 

Novas relacionadas

Fonte
comentarios