Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Especial Domingo Antonio de Andrade (I): Un ceense universal

  • Domingo Antonio de Andrade, un ceense universal (1639-1712).
Especial Domingo Antonio de Andrade (I): Un ceense universal

Monumento a Domingo Antonio de Andrade na vila de Cee- Foto-Victor Castineira
Monumento a Domingo Antonio de Andrade na vila de Cee- Foto-Victor Castiñeira

O vindeiro 12 de novembro cumpriranse 300 anos do pasamento dunha das figuras máis importantes do barroco en Galicia, Domingo Antonio de Andrade. A el dedicoulle o profesor D. Francisco Mayán algúnhas das súas primeiras investigacións sendo éstas os primeiros intentos por aproximarse ó artista e a súa vinculación coa súa vila natal. Os seus esforzos culminarían coa obra Domingo Antonio de Andrade, hijo ilustre de Cee, publicada no ano 1990 coincidindo coa inauguración do monumento erixido ó lado da Casa do Concello e coa denominación da rúa que leva o seu nome, dentro dunha serie de actos que se organizaron en Cee nese ano para reivindicar e dar a coñecer na súa vila natal a obra dun dos máis grandes arquitectos que naceu na nosa terra.

A finais desa década Miguel Taín defendía na Universidade de Santiago a súa tese de doutoramento titulada Domingo de Andrade, que serviría de base para a publicación Domingo de Andrade, maestro de obras de la catedral de Santiago (1639-1712), que vería a luz no ano 1998 e que é o traballo de investigación máis completo sobre o artista. Finalmente, no ano 2004, unha nova tese, neste caso de Leopoldo Fernández Gasalla, La arquitectura en tiempos de Domingo de Andrade, viña a ampliar aínda máis o coñecemento da súa obra, agora en relación co traballo doutros arquitectos coetáneos. Ata a aparición destas teses, para o análise da obra de Andrade, o estudio de referencia era a publicado no ano 1966 polo profesor Bonet Correa, quen, no seu traballo sobre a arquitectura en Galicia no século XVII, adícalle un capítulo acompañado dun excelente análisis gráfico e documental.

A Concellería de Cultura, Educación e Deportes do Concello de Cee preparou para este tricentenario unha serie de actividades que pretenden homenaxear e ó mesmo tempo divulgar entre os nosos veciños a súa obra, entre a que podemos salientar, por ser as máis coñecidas, a torre do reloxo da catedral de Santiago ou as escaleiras de caracol de San Domingos de Bonaval. Pero a obra de Andrade é moito máis e con razón está considerado como o principal promotor da escola barroca en Galicia, na que se inscriben os seus discípulos Simón Rodríguez e Fernando de Casas e Novoa.

Ademais do ciclo de conferencias que abarcarán a figura de Andrade desde os campos da historia, arte e arquitectura, salientamos a exposición Domingo Antonio de Andrade (1639-1712): De Cee a Compostela. Vida e obra dun xenio, que con carácter didáctico pretende achegar a obra de Andrade ós escolares de primaria e secundaria da Costa da Morte. Como remate deste serie de actos preparamos un roteiro guiado pola cidade de Santiago para contemplar in situ algunhas das grandes xoias arquitectónicas que nos legou este ceense universal.

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

Comentarios