Venres. 29.03.2024
El tiempo

Especial Domingo Antonio de Andrade (XI): Obras na Catedral de Santiago

Especial Domingo Antonio de Andrade (XI): Obras na Catedral de Santiago

Catedral de Santiago de Compostela

No ano 1672, coa marcha de Vega e Verdugo a Granada, é nomeado Aparellador Maior da Catedral coa obriga de visitar os bens do Cabildo e redactar o correspondente informe así como trazar e diseñar cada ano unha montaxe diferente para o castelo de fogos do día do Apóstolo.

En 1676, tralo falecemento de Peña de Toro, pasa a ser Mestre de Obras da Catedral, tanto de carpintería como de cantería, obrigándose a proxectar, dirixir e controlar todas as obras da catedral e propiedades capitulares, supervisar o traballo do aparellador, oficiais e aprendices asalariados, organizar o aparato das festas e tasar os materiais necesarios para as obras.

Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela
Torre do reloxo

A súa primeira obra en pedra acabaría por consagralo: a Torre do Reloxo (1676-1680). Sobre un corpo medieval no que abriu unha elegante xanela, alzou tres máis ata unha altura de 72 metros. O primeiro corpo de forma cúbica ten catro templetes nos ángulos e unha balaustrada. O segundo é octogonal con arcos de medio punto e tamén balaustrada. O terceiro colócase sobre un tambor circular e está ornamentado con oito volutas. No cume loce unha lanterna circular e remata nun pináculo rematado nunha bóla que sostenta unha cruz. A monumentalidade e a solidez en plena harmonía co conxunto catedralicio fan desta realización unha obra barroca de prestixio internacional, que pronto sería imitada polos mestres de todo o Reino.

Na súa decoración, segue a Vega e Verdugo (follas, flores e froitas) á que agora lle imprime un carácter máis realista ademáis de engadirlle motivos militares (lanzas, cascos, espadas, escudos, estandartes, corazas…) e xacobeos (conchas, estrelas, cruces, arcas…).

Portico Real da Catedral de Santiago de Compostela
Pórtico Real da Catedral de Santiago de Compostela

Poucos anos despois, (1685-86), acometeu a ampliación do Arquivo e Pasadizo ó Tesouro. Nesta obra consigue outro virtuosismo arquitectónico sen precedente en Galicia na cuncha de vieira que sirve de soporte para a estrutura do Pasadizo.

Á verticalidade da Torre do Reloxo sírvelle de contrapunto, na Praza da Quintana, a maxestuosa horizontalidade do Pórtico Real, remodelación na que traballou Andrade entre 1696 e 1700, que, co emprego das ordes xigantes e a configuración a modo de pazo do muro, rinde un último tributo a Miguel Anxo, como xa ten sinalado o historiador da arte Bonet Correa.

Sobresae a orde de pilastras e columnas xigantes abarcando dous pisos de ventás, unha balaustrada de grandes pináculos e unha edícula para servir de peana a unha estatua ecuestre de Santiago. Conxunto realmente monumental e casi clásico, de non ser polo abultado galbo das columnas e a prominente decoración executada a base de sartas de frutas e trofeos militares a gran escala.

Nova sacristia da Catedral de Santiago de Compostela
Nova Sacristía

Tamén se deben a Andrade as reformas da antiga capela do Espirítu Santo (na actualidade adicada á Soedade) e a realización da nova sacristía (agora capela do Pilar). As obras desta última iniciánse en 1696 estando case que rematadas en 1710 (só quedaría pendente parte da decoración do seu interior). Nela empregaronse mármores e xaspes de diversas cores e procedencias que Andrade buscou en Galicia (Sobrado dos Monxes) e Asturias. O edificio pronto mereceu as máximas alabanzas sendo comparando coas mellores capelas italianas. Na opinión de Taín Guzmán, esta obra é o “culmen do curriculo artístico de Andrade”.

 

Especial Domingo Antonio de Andrade

Novas relacionadas

Outras novas

As terras fisterráns na época de Fernando Blanco: do Antigo Réxime ós tempos contemporáneos

A gran crise europea

Especial Guerra da Independencia

As terras fisterrás no século XVIII

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Fonte

Comentarios