Martes. 23.04.2024
El tiempo
Viki Rivadulla
20:48
05/04/15

A Barca e a resaca da festa do congro

A Barca e a resaca da festa do congro
Antes e despois no santuario da Virxe da Barca

Tras a festa do congro, a resaca volvéuseme agridoce. Onte visitei o Santuario da Barca. Antes non quixera ir velo porque sabía o que ía sentir. Ao entrar no Santuario, o primeiro sentimento chegou coma un mazazo, foi o de lembrar aos antergos, ás persoas que escribiron e investigaron sobre este lugar deixando moitas horas no traballo- como o meu pai, Rivadulla Porta e o párroco Manuel Canosa- e tamén benefactores da vila, coma Romualdo Bentín, e veciños e veciñas que cos seus cartos costearon arranxos no Santuario. E pensei nos muxiáns na emigración, enviando cartos para a romaría e para a igrexa, e en Ramón Caamaño gastando horas e horas para difundir a historia do noso Santuario ao seu pé. E no poeta, Gonzalo López Abente. Todas esas voces chegáronme de súpeto, provocándome un sentimento de respecto e de tristeza.

Non me vou deter en pormenores técnicos. Calquera persoa con dous dedos de fronte pode visitar o Santuario e ter unha opinión. Na restauración da Barca campan ás súas anchas a desvergonza e a impunidade dos poderes de toda a vida, e a patente de corso da Igrexa. Isto non é moi diferente do dereito de pernada. “Mexan por nós e temos que dicir que chove”, viría acaída a viñeta de Castelao.

A igrexa leva séculos recadando cartos a moreas do Santuario da Barca. Nos arquivos do propio santuario hai listados de doazóns do pobo para o seu mantemento. E os romeiros e romeiras levan séculos deixando xoias e dádivas de todo tipo e grande valor. E esta restauración fíxose de costas e sen respecto ningún a esta realidade.

Teño que confesar que este é o artigo que eu non querería escribir. Propúxenme non facelo. Pero a resignación non cabe no meu corpo. Non quería dicir nada porque non me gusta que se utilice ás persoas, nin que se xogue cos sentimentos máis profundos, e coas súas crencias. Os veciños e veciñas de Muxía non terían que ter chegado a verse obrigados a alzar a voz. E eu non tería que escribir isto. As cousas fixéronse mal, é evidente. Non teríamos que ter chegado a este punto. Pero aquí estamos. A veciñanza foi convocada e alzou a voz.

Veciños e veciñas que foron criticados duramente e tachados de ignorantes por algunhas persoas en comentarios descualificadores nas redes sociais, como “vergonza de país, isto é polo que se move a xente?”. Pero antes de xulgar, hai que analizar as cousas. Con eses comentarios negámoslle ao noso propio pobo a intelixencia suficiente para saber que estamos sendo enganados. Unha vez máis.

Pero a xente non é tonta. E o tema do Santuario é a punta dun iceberg terrible. Porque non estamos a falar dun problema de criterio estético, ni técnico- que tamén-. O tema da restauración do santuario non é un asunto de fegresía, nin de beatería. Hai moito máis. Estamos a falar de dignidade. E estamos a falar dun sinal identitario dun pobo, dun lugar de culto, si, pero tamén dun lugar de peregrinacións históricas, de lendas, dun elemento de valor patrimonial cultural- material e inmaterial- para toda a comarca e para toda Galicia; dun foco de atracción turística e dunha fonte de ingresos para unha vila á que pouco máis lle queda por perder.

Nos últimos anos o municipio muxián vive unha sangría poboacional cun índice dun 13 %- segundo os últimos datos-. A perda de servizos é palpable e nunha vila que vive da pesca o desmantelamento da flota é brutal, cunha merma da mesma espectacular nos últimos anos, unha lonxa que non funciona, unha ría sen explotar, investimentos e plans de emprego inexistentes ou plans turísticos ineficaces, un patrimonio deturpado- como Moraime, o maior patrimonio cultural da comarca, esmorecendo entre os pastos das ovellas- e unha mocidade que xa dende os 16 anos, se quere seguir estudando, ten que facelo en concellos veciños ou lonxanos (mozos e mozas que dificilmente voltarán a fixar residencia aquí por falta de futuro). Reinventarnos? Cara onde?

Muxía é un paraíso para os turistas durante os dous meses de verán. Tranquilidade total, praias, festas, actividades… mesmo facemos unha festa do mar na que nos disfrazamos de nós mesmos, nunha especie de catarse colectiva na que disfrutamos a tope celebrando a identidade mariñeira que se nos escapa.
Logo vén o inverno, longo, quitamos o disfraz e quedamos sós. Meses de ramadán para prepararnos de novo a recibir a Mr. Marshall durante os escasos dous meses de verán. Pero o inverno é longo, e as rúas cada vez máis desertas.

Agora os veciños e veciñas expulsaron a rabia acumulada porque xa non cremos nas promesas. Nos últimos tempos os políticos estanse acostumando a que a cidadanía teña que reclamar directamente o que é seu. Pero é unha táctica perigosa, e inxusta. Temos gobernos locais, parlamentos, institucións… que teñen que facer o seu traballo. Cal é agora o camiño? Que facer? Ten que manifestarse o pobo, recoller firmas? Que?

Como mínimo, o pleno municipal debería pronunciarse e pedir explicacións polo atropelo da Barca. Porque para iso están, para que os veciños non teñan que berrar no santuario e pedir contas a voz en grito, e por riba ser xulgados. Non é algo desexábel.

Cando houbo catástrofes en Muxía, a min sempre me deron máis medo as promesas e reformas que viñeron despois que as propias catástrofes. Cando o Prestrige, chegounos despois un paseo marítimo que paradoxalmente oculta o mar e borrou definitivamente calquera vestixio que nos quedara da fisionomía dunha vila mariñeira; e un parador-panacea de tódolos males que desfixo a paisaxe dunha das praias máis fermosas da zona, o areal de Lourido. Agora, co incendio do santuario, o que foi destruído polo lume é irrecuperábel, pero aquelo que o lume non conseguiu destruír é deturpado por una restauración pouco sensible.

Levamos anos reclamando un plan de protección para todo o contorno da Barca, non solo o Santuario. Urxe un plan de protección para este lugar emblemático- e para outros da Costa da Morte, sen dúbida (como Moraime ou o Cabo Fisterra, por exemplo). Pero en lugar de ser protexida, a Barca xa leva anos vivindo un expolio que a vai minando pouco a pouco. Antes que esta restauración foi xa a substitución dos bloques de pedra do adro por un enlousado que nada ten que ver co contorno, e os aparcamentos sobre as pedras da Barca, e o pavimento do campo , e a Ferida nun lugar non axeitado, e a desfiguración do Camiño da Pel, e o abandono e esquecemento da Fonte da Pel…

Vivimos nun país no que se tes unha casa cun elemento patrimonial nela, ou preto, é difícil que che deixen facer nada. Pero eses mesmos técnicos de Patrimonio permiten esta restauración. País!


Estamos en tempo de eleccións. Compre reflexionar e prantexar realidades, porque as promesas xa non enchen. Chegados a este punto as promesas xa non conseguen ilusionarnos. Fai falla un compromiso real, xa. E traballo real. A posibilidade de ver algo de luz, de empezar a crer que os nosos fillos e fillas van poder vivir e traballar aquí. Seguimos agardando que se invista realmente en futuro, nun plan de desenvolvemento que poida devolvernos algo de esperanza.

Coas catástrofes, os desembarcos de políticos vivímolos xa moitas veces. E nunca trouxeron cousa moi boa. Feijoo chegou cando o incendio da Barca con promesas baixo o brazo e abrazou ao alcalde muxián a pé de santuario. Agora debería volver e xunto aos responsables do arcebispado mirarnos á cara para dicirnos con sinceridade se considera que nunha época de crise e recortes como a que vivimos é de recibo que se gasten tantos miles de euros para facer o que fixeron co Santuario da Barca. Non sei o que pensarán nos seus adentros. A min paréceme una burla ao pobo galego, e especialmente ao de Muxía.

Novas relacionadas

Máis información

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

Comentarios