Venres. 19.04.2024
El tiempo
Viki Rivadulla
09:44
14/10/13

O Bruar da Bughina a soar na Sala Antón Mouzo

O Bruar da Bughina a soar na Sala Antón Mouzo
A Cabeza de Muller de Viki RIvadulla

O vindeiro venres, 18 de outubro, inauguro mostra de pintura e escultura en Vimianzo, na Sala Antón Mouzo. Unha sala con fonda significación para min, pois Manolo Antelo, alcalde de Vimianzo e amigo, tivo a ben convidarme a participar na inauguración da mesma. Naquela ocasión falei da arte na Costa da Morte e especialmente da obra de Antón Mouzo e do significado da mesma para o noso territorio. Antón Mouzo é un tesouro para os habitantes desta costa, un artista internacional, pero noso. O rapaz soneirán que fixo falar á alma das botas do pai, que pintou un bazar dende a tenrura da historia familiar e que dotou de vida á mica inerte para convertela en árbores vizosas da nosa costa…Un alquimista e artesán da pintura, das formas e as texturas.

 

Naquel momento xa quixen, algún día, expoñer a miña obra na Sala que leva o nome de Antón. É un luxo sentirse arroupada pola súa figura inmensa.

Viki Rivadulla na inauguracion da Sala de Exposicions Anton Mouzo

Pero é que ademais esta sala significa moitas cousas máis. Esta sala significa a posta en valor do traballo que Antón Mouzo deixou para as xeracións futuras- a pesares de que aínda queda camiño por andar, sei que se está traballando para que a obra de Antón poida disfrutarse ao longo de todo o ano nalgún lugar axeitado-.
Esta sala significa tamén a ilusión e a loita de moitas persoas por facer xustiza a un artista inmenso como foi Antón. E tamén significa a ilusión e o traballo incansábel dunha persoa que dende a humildade loitou sempre por un Vimianzo e por unha Galiza mellor: o tamén artista Roberto Mouzo, irmán de Antón. O traballo de Roberto adquiriu a dimensión daquila obra que se pon ao servizo da colectividade .

Moita forza e moita ilusión e loita reunidas nun espazo, emblemático xa como é esta sala. Un referente para toda a comarca.
A sala é un acto de xustiza para Antón, para a súa familia e para toda a Costa da Morte.

Tamén a aparición desta sala marcou un antes e un despois na vida de Vimianzo. Marcou o espertar cultural, e marcou a diferencia entre un municipio que so invista en facer estradas, ou un Concello que ademais de facer estradas se preocupe de que os nenos e nenas soneiráns coñezan a obra dos seus veciños internacionais, como Antón Mouzo, Antonio Nodar e moitos outros que xa pasaron pola sala.

Como subtítulo a Sala leva o lema “Orgullosos do noso”. Esta é unha filosofía que comparto totalmente. Neste espazo respírase orgullo por Antón Mouzo, orgullo por tódolos artistas soneiráns que pasaron por el,- e hai que ver que nivel o dos artistas soneiráns, un luxo disfrutalos aquí, pertiño da casa- e orgullo pola Costa da Morte.

A esta sala quero levar a miña obra. Porque nela estará coma na casa. Porque a miña obra tamén fala de xentes “orgullosas do noso”.

A partir do venres a sala poboarase de esculturas e cadros dende os que falan homes e mulleres que tamén están orgullosos de seren quen son: os habitantes da Costa da Morte, da estirpe do pobo mariñeiro que resiste os temporais e os malos tempos, que sabe aproveitar o nordés para facelo un aliado secando o peixe ao vento e garda con orgullo o seu oficio de xentes do mar.

A mostra titúlase “O bruar da bughina”. E que é este bruar? Que hai tras o bruar da bughina?. Este son da bughina tivo varios usos, sempre ligados ao mundo do mar. Por exemplo eu lembro, hai anos, canda nena, como as mulleres que se poñían na praza a vender peixe avisaban tocando a bughina. Este bruar anunciaba que había peixe na praza.

Por iso este bruar é o son da vida.Tras el está o traballo no mar, o traballo nas pedras apañando percebe, as peixeiras cargadas de vida nas súas cestas… este bruar é o aviso de que hai pesca, e se hai pesca hai vida,e a tribo segue adiante… Este son fermoso e profundo da bughina é o berro identitario da nosa cultura mariñeira.

E ao escoitalo fai estremecer o noso interior porque nos leva xunto aos nosos antepasados, os e as que aguantaron da tribo mariñeira que hoxe loita por seguir sendo ,e este son esperta o noso máis profundo orgullo do noso.

Na inauguración da mostra ,neste espazo de fonda significación, poderemos disfrutar do son da bughina saindo do peito dun poeta mariñeiro , auténtico como é Xosé Iglesias, escoitaremos o son profundo e mareiro da voz poética e sabia de Isidro Novo e as Pandereteiras de Muxía cantaran ao mar do que elas mesmas forman parte. Todos e todas orgullosos do noso.

Exposicion O Bruar da Bughina de Viki Rivadulla na Sala Anton Mouzo de Vimianzo

Novas relacionadas

Máis información

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

.

Comentarios