Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Viki Rivadulla
12:23
16/08/13

Pazos de Merexo

Pazos de Merexo
Pazos de Merexo na presentación de Pedra dos Corvos

Hoxe, venres 16 de agosto, ás 20:00h da tarde no Rincón da Baiuca teremos a oportunidade de escoitar a Pazos de Merexo, tocando xunto a Xurxo Souto e ao seu neto, o pequeno Pazos, o meu amigo Manuel, todo un artista.

Coñecín ao sr. Pazos cando o chamamos para tocar na presentación da desaparecida Asociación Pedra dos Corvos, xa hai uns cantos anos. A súa filla María Xosé, díxerame daquela que estaba moi contento de vir tocar, xa que o chamaban pouco- ou nada- para tocar en Muxía. Pazos compartiu escenario cos mellores entre os mellores, el mesmo é considerado coma un grande do acordeón, toda unha figura do acordeón diatónico. Mesmo hai grandes músicos que pasan pola súa casa para perfeccionar técnica.

Pero Muxía ten as súas luces e as súas sombras. Moitas luces, -é un lugar que adoro-, pero taménnegras sombras que son as que non permiten que este insigne muxián teña dunha vez por todas a homenaxe que se merece.

Xurxo Souto e Pazos de Merexo na presentacion de Pedra dos Corvos

Mañá Xurxo Souto vén ata Muxía para decirnos a todos que temos entre nós a un tesouro vivo. O sr. Pazos de Merexo. Un traballador da terra e un virtuoso da música, un home pequeno, coa mirada viva, e moi grande na música do noso País.

Merexo é un lugar fermosísimo na ría de Muxía, un lugar que Pazos leva como bandeira no seu nome ¨Pazos de Merexo". E con ese nome fai grande a toda Muxía. A arte do Sr. Pazos engrandece Merexo e engrandece Muxía.

Eu coma muxiá síntome en débeda con el. Porque leva con orgullo o nome do lugar de onde é, porque fixo feliz a moita xente coa súa música, porque é unha persoa humilde que me lembra como é a xente traballadora da miña terra, xente que non busca louvanzas nen entrar nos circuitos da vanidade, senón ser feliz facendo o que a un lle gusta.

As mans do Sr. Pazos contan a historia de Muxía, falan das palilladas, das que tamén falaba miña avoa , de como se facían festas para alegrar o duro inverno. De como un neno labrego que ten maxia nas mans atopa no agasallo do pai na emigración o instrumento perfecto para que a maxia estoupe, para encher de música a vida e espantar a negra sombra coa alegría, dando ledicia a tódolos veciños.

O pobo galego, sobre todo a xente traballadora, sempre tivo un virtuosismo especial para a música, quizais porque a xente traballadora sabe mimar o que fai, saben facer un traballo artesán coa terra, cos animais, co aparello no mar, e tamén saben sacar a mellor música dun instrumento, para traer a tan necesitada festa. Así facía tamén Eva Castiñeira, de Agranzón, que comezou canda nena tocando a pandeireta para alegrar aos veciños. Hoxe moitas pezas tradicionais que chegaron ata nós foron recuperadas por Eva, como nos contan as mozas de Leilía no seu traballo ConSentimento.

Igual que o foi Eva, Pazos é un orgullo para tódolos muxiáns, e eu cando o escoito tocar síntome conmovida, remóvese por dentro todo o sentimento que teño pola miña terra, porque Pazos ten en si toda a esencia da Costa da Morte, fermosa, humilde, rabuda, viva, cunha forza que non deixa indiferente a ninguén. Nas súas mans fala o pasado, o traballo de quen nos trouxo ata aquí, de quen construiu o mundo que quedou para nós, e na medida en que saibamos apreciar este pasado e aprender del, teremos futuro. Por iso nas mans de Pazos tamén está o futuro noso. E se non somos quen de aprecialo estaremos perdidos.

De todo iso fala o seu acordeón, ou polo menos iso é o que eu escoito, e prodúceme un profundo respecto. A súa música trae ata min as voces de moita xente que construiu este país, coma el , coma Pazos, humildemente, coa grandeza e humildade dos xenios. Escoitadeo e sentide esta forza do noso País, esta forza de Pazos de Merexo, bravo e fermoso coma o mar da nosa Costa.

Hoxe irei a escoitalo , a emocionarme e a sentirme orgullosa deste home noso, deste home de Merexo e por suposto orgullosísisma do pequeno Pazos, o seu neto, Manuel, un neno moi intelixente porque sabe ben o importante que é escoitar aos avós que teñen tanto que ensinarnos. Sobre todo se tes como avó a un tesouro vivo como é o sr. Pazos de Merexo.

Pazos e Manuel. Galiza ten futuro.

Novas relacionadas

Máis información

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

Comentarios