Venres. 29.03.2024
El tiempo
Viki Rivadulla
22:53
13/01/13

Que é a Sala do Perello?

Que é a Sala do Perello?

Para empezar o ano dóuseme por escribir sobre o nome que leva esta sección de opinión. A verdade é que tamén apetece comezar o ano con algo fermoso, e gustaríame compartir con vós a miña Sala do Perello.

A-Sala-do-Perello-nunha-fotografia-de-Viki-Berre

Que é a Sala do Perello? Sala do Perello é o nome que puxen ao meu obradoiro de arte, o estudio onde traballo. Tamén é o nome que poño á miña atalaia persoal, aquela dende a que vexo o mundo, aquela na que quero habitar. De aí o nome desta columna.

Pero, en realidade a Sala do Perello é un lugar que existe en Muxía dende tempo inmemorial.

O nome tomeino deste lugar que está na costa de Muxía, moi perto do Santuario da Barca. É un lugar precioso e reúne unha serie de características que o fan un lugar especial e que ten moito que ver coa miña obra. Por una banda é un lugar de lendas, tamén é un lugar que está xunto ao mar aberto e dende o que se ven as postas de sol máis fermosas de toda a costa. Sentarse xunto a Sala do Perello no solpor é una experiencia única.

É, ademais, un lugar importante no Camiño, pois está no Camiño da Pel, o Camiño antigo polo que entraban os peregrinos ata o lugar sagrado da Barca. Entraban pola parte traseira da vila, baixando pola Camposa, O Coído e A Pedriña e, indo polo Camiño da Pel, polo Monte Corpiño, chegaban á Barca.

Fonte da Pel -Foto- Viki Rivadulla

No camiño da Pel, xunto á Sala do Perello hai unha fonte - máis ben un baño- onde se lavaban os peregrinos e enfermos antes de entrar no lugar sagrado, é a Fonte da Pel (o nome dí todo). Foi mandada clausurar polo alcalde da vila no s.XIX, por medo aos contaxios. Pero una vaga de mar destapouna e deixouna como está na actualidade.

A Sala do Perello ten un atractivo especial para quen nos gusta o máxico e o prohibido, pois foi un lugar prohibido, polas connotacións malignas (un perello é un demo ou un trasno); pode que o nome quixera alonxar aos veciños dun lugar frecuentado polos peregrinos e os enfermos, e tamén dun lugar que se prestaba a prácticas sexuais, pois en realidade a Sala do Perello é unha mole granítica en cuxo interior se forma una habitación ben agachada das miradas… Hai que ir ata a mesma entrada para decatarse de que alí hai un lugar onde se pode entrar na pedra. A lenda di que alí vivía un xastre.

A entrada á Sala do Perello Viki Rivadulla camino da Sala do Perello co seu avo Manuel do Casino

O lugar era prohibido aos nenos de Muxía, pero a miña familia era moi especial e cando eu era nena, non só non me prohibían ir senón que meus avós e meus pais levábannos alí de excursión, e o meu pai contábame as historias da Sala do Perello. Canto me ensinou meu pai a querer esta costa e estas pedras! Non se pode deixar mellor herdanza.

A forza da paisaxe neste lugar lugar é brutal. Pode sentirse a forza da Terra e do Mar. A forza das Pedras… o espectáculo é impresionante. Lendas, mar, un lugar prohibido, unha habitación dentro da pedra, a costa,…é un lugar perfecto. Podo imaxinar o que experimentaban os peregrinos cando chegaban a este lugar e se lavaban na Fonte da Pel, renovando o seu corpo e a súa alma fronte ao mar, fronte á morte diaria do Sol, preparándose para achegarse á Barca, buscando esperanza…

A Sala do Perello é, ademais, un lugar moi descoñecido, sobre todo nas xeracións mozas, hai persoas de Muxía que nunca se achegaron ata alí. Parece imposible que un lugar que está na mesma vila sexa tan descoñecido. Esa é parte da súa maxia. Un lugar que conserva toda a súa esencia, alí moi perto das casas da vila. Convídovos a visitar este lugar cando vos acheguedes por Muxía.

Canto me gustaría que o meu obradoiro puidera estar dentro desa pedra! Na verdadeira Sala do Perello. Levantarme pola mañá, mirar o mar bravo de Muxía e poñerme a traballar.

Pero, como non pode ser así, púxenlle o nome ao meu pequeniño obradoiro onde podo soñar con todo o que queira e crear o mundo que imaxino, o mundo de persoas libres a carón do mar, habitando nun lugar fermoso e único como a Sala do Perello.


Máis información

Outros artigos de Viki Rivadulla

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios