Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Asoballados por un inimigo invisible

Asoballados por un inimigo invisible

A través dos cristais da porta fechada do local de Mar de Fábula contemplo, a uns poucos centos de metros, o perfil crebado do noso Monte Pindo particular, a Serra de Pena Forcada caendo cara ao mar, e veñen ao meu pensamento os versos dun poeta moi querido meu, montañeiro:

...“a montaña está morta e vacía, fría e triste se non hai unha man que na súa carne palpite, un corazón humano que faga retumbar co seu feble latexo as súas paredes, uns ollos e unha mente que as adore para así enchelas de luz e darlles algún sentido”…

Eu quixera achegar as miñas mans a esta montaña pero non podo, quixera pisar a praia de Camelle pero non podo, non podemos saír fora por mor dun virus, un inimigo invisible que ameaza as nosas vidas.

Cumpre gardar as instrucións das autoridades sanitarias, non hai outra, nesta situación irreal. O prioritario agora é saír vivos desta pandemia para ter a oportunidade de corrixir os erros que temos cometido destruindo o planeta.

Xa no 1918, o filosofo e humanista austriaco Rudolf Steiner, aseguraba que “os virus son só excrecións de células que teñen sido envelenadas, son pezas de ADN ou ARN con outras proteínas que son expulsadas das células atacadas. Non son a causa de nada”.

Tal aserto confirma o que unha e outra vez veño lendo nas publicacións científicas sobre os efectos da contaminación do lixo plástico no mar cando, no seu proceso de degradación, chegan ao tamaño de nanoplásticos (outro inimigo invisble) e actúan como vector dos contaminantes orgánicos persistentes, sustancias químicas moi tóxicas que envelenan o plancton dos océanos, base da cadea trófica que sustenta a vida no planeta.

Hai uns dous anos toda a prensa facíase eco da noticia de que en Alemaña, debido á contaminaciuón do aire, nos últimos 25 anos tiña desparecido o 75% das poboacións de insectos voadores. O mesmo ocorriría no resto dos países europeos indutrializados. A pesares dunha información tan arrepiante, non houbo reación algunha, todos seguimos de festa, comprando e consumindo os recursos do planeta, deixando unha pegada ecolóxica imposible de soster.

Hai agora 50 anos, enrolado como segundo oficial nun vello mercante de bandeira de conveniencia, navegando dende Europa rumbo aos Grandes Lagos, pasamos polo Mar dos Argazos, no medio do Océano Atlántico. Dende a cuberta do barco puiden ver bolsas de plástico aboiando no mar. Naquel momento non lle din importancia. Coa perspectiva de hoxe, asumo a realidade de que levamos decenas de anos envelenando o mar con millóns de toneladas de residuos plásticos.

Eu quixera que os hábitos de limpeza e desinfección que estamos a asumir agora, á forza, permaneceran no tempo porque a sobreexplotación dos recursos naturais, a destrución de habitats, a perda de biodiversidade, a degradación e suciedade son o caldo de cultivo ideal para que medren os virus de toda caste.

Cando remate a pandemia, volveremos a pisar as praias novamente, para limpar o mar e chorar polos ausentes.

 

Artigos de opinión sobre o coronavirus

Artigos de Xosé Manuel Barros

Comentarios