Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A oposición da Xunta aos parques naturais

A oposición da Xunta aos parques naturais

O 14 de xaneiro do 2009 publicábase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración de Paisaxe protexida para os Penedos de Pasarela e Traba. Era a segunda declaración deste tipo da Consellería de Medio Ambiente que dirixía Pachi Vázquez, conselleiro do goberno bipartito PSOE-BNG. A Xunta actual nunca o faría.

En virtude daquela declaración, a Xunta quedaba obrigada a desenvolver, nun prazo de dous anos, un Plan de Conservación da Paisaxe Protexida dos Penedos, que viña supoñer medidas para a protección, xestión e ordenación desta singular paisaxe: limpeza, recuperación, rexeneración e posta en valor do recinto, sinalizando as rutas e as formacións xeolóxicas máis sobranceiras. Todo parecía indicar que iamos estar a nivel europeo gozando dun parque temático natural capaz de atraer visitantes de toda Europa, pois as singulares formas da chamada acrópole da Terra de Soneira, non tiñan nada que envexarlle á cidade encantada de Cuenca ou á mesmísima Calzada do Xigante de Irlanda.

Pero o noso gozo nun pozo, pois chegou o goberno Feijoo «y mandó a parar». Chegaron os do non e de nada serviu que unha delegación da Asociación de Veciños de Pasarela mantivese no 2011 unha entrevista con altos cargos da consellería do ramo. A calada por resposta. En suma, que pasaron catro anos da declaración do DOG e nin Medio Rural nin Medio Ambiente moveron un dedo por limpar e acondicionar a área dos míticos Penedos que engaiolaran a Pondal e a Otero Pedrayo. A superficie pola que se estende volve estar inzada de toxos altos e todo tipo de maleza, excelente combustible para arder en calquera momento.

Hai poucos días, 50 persoas da Costa da Morte, nunha viaxe á República de Irlanda, desprazámonos adrede desde Dublín aos confíns de Irlanda do Norte (uns 500 quilómetros ida e volta) unicamente para ver a Calzada do Xigante, senlleira formación xeolóxica de columnas de basalto. A entrada individual custa 8 euros e recoméndase reservar con tempo. Estaba cheo de xente e todos pensamos nos cartos que perdemos en Galicia por non explotar o noso rico patrimonio natural: daba envexa ver os ingresos que a este país lle proporciona este lugar e a cantidade de xente que ten un traballo grazas a estas pedras, que para eles son «more than a pile of stones» («máis ca unha morea de pedras»). Ou moi listos son os norirlandeses ou moi parvos somos nós. ¡Pensar que o noso Goberno presume do contrario: de «aforrar» salarios eliminando postos de traballo!

A Asociación Monte Pindo leva anos reclamando da Xunta a declaración de Parque Natural, o que traería consigo a súa protección e coidado. Que eu saiba, de momento o Goberno galego fixo oídos xordos a esta reclamación. Declarado o incendio, o monte do mítico macizo do Pindo ardeu na súa totalidade, sen que valesen para nada os medios empregados na extinción do lume. Millóns de euros (tamén) queimados. E un pregúntase se o Pindo ardería igual se se tivese declarado Parque Natural como se pedía e se se tivese iniciado un plan para limpalo e acondicionalo. Non estarían mellor empregados na prevención todos eses cartos que agora se dilapidaron inutilmente? A política que se repite cada verán é un completo fracaso, pero para nada se abandona. Gástase ben máis apagando lumes co que vale o monte. Hoxe foi o Pedregal carnotán o que ardeu; mañá serán os Penedos de Pasarela ou outro lugar calquera da nosa xeografía. E a Xunta a velas vir; seguirá co seu non sistemático a toda proposta: non a cumprir coas súas obrigas na limpeza e posta en valor do recinto dos Penedos, non á declaración do Pindo como parque natural. Despois virán os lamentos e as consabidas acusacións contra os incendiarios que asasinan «aos (sic) nosos montes».

Máis información

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

  • Artigo publicado en La Voz de Galicia.

Comentarios