Venres. 29.03.2024
El tiempo

A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa (II)

A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa (II)

Dicía aquel anuncio que protagonizaba Arsenio (o de Arteixo, que outro Arsenio podería ser?) que non todo ía ser fútbol. Pois ben, eu agora doulle unha reviravolta á frase e digo que neste blog www.costadosolpor.blogspot.com, aínda que xurdiu principalmente para iso, non todo vai ser falar da novela e dar as novas dela.
Agora, precisamente agora, imos relaxarnos e falar de fútbol.

O CD Baio en 1973. Lema Suárez de pé, 3º pola dereita

Na presentación da Coruña de "Costa do Solpor", Xurxo Souto levaba consigo un exemplar da "Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa", que quen subscribe publicara en 1989. Xurxo gardaba o exemplar desde aquela, coma ouro en pano (e fixo ben, pois xa non quedan), amosóullelo ós asistentes e lembrou que, pola súa intermediación -pois traballaba de asesor na TVG-, fora eu chamado para participar na Nosa Televisión, nun programa deportivo fin de temporada que ía presentar X.R. Gaioso. Os máximos protagonistas eran tres grandes do fútbol galego (Celta, Compostela e Deportivo), que daquela estaban na Primeira División, pois había festas rachadas en Vigo, Santiago e A Coruña, dado que os tres equipos remataran a temporada brillantemente (o adestrador do Compostela era Fernando Vázquez).

O farol vermello campando na insignia do CD Baio con moita fachenda

Xurxo, coñecedor do meu libro, ocorréuselle que, para contrarrestar a euforia dos clubs enriquecidos (era a época das vacas gordas, cos cartos de todas as empresas televisivas), me metera no programa para unha entrevista con miras a falar de cousas máis terrenais, coma a realidade do fútbol modesto, a outra cara da moeda, e, para máis inri, para falar da historia do único club do mundo que tiña na súa insignia -o seu escudo de armas deportivo- un farol vermello, símbolo do fracaso competitivo. Algo que se saía do habitual das tertulias deportivas.

Pois ben, uns días antes da emisión do programa déixanme na casa un aviso telefónico de que xa non era necesaria a miña presenza nin a do presidente do Baio -que tamén fora convocado-, pois o programa ía ser dedicado integramente ós tres grandes do fútbol galego. ¡Como iamos falar de paxaradas, a dar mala imaxe falando dos pobres, habendo tanta fartura con tanto galáctico como había daquela no fútbol ¿galego? da Primeira División! ¡Ilusos! Polo que nos contou agora Xurxo na Coruña, a decisión fora cousa de Arturo Maneiro, que era xefe de programas da TVG ou algo polo estilo.

A miña pequena vinganza foi enviar un artigo a O Correo Galego ("A gran gala do fútbol galego", 27-5-1996) contando este desplante e laiándome de que non houbese un recuncho para o fútbol modesto nesa gran gala que se ía celebrar. No artigo fixen tamén un resumo da curiosa historia do farol vermello, que ó mellor tiña máis substancia que escoitar o que se levaba escoitando durante toda a temporada dos xogadores, adestradores ou directivos dos equipos de Primeira División. Ó día seguinte recibín unha chamada de Gaioso -que seica non tivera culpa no asunto- desculpándose e convidándome a asistir ó programa, pero de espectador.

"A Historia do C.D. Baio" fora quizais a primeira publicación da historia dun club de fútbol que se facía en galego, pois un pouco despois publicaríanse (en castelán, por suposto) as historias do Deportivo e do Celta. Pero o exemplo da historia do Baio non caería en saco roto, pois anos despois clubs modestos (SCD Malpica, S.D. Esteirana, equipos do Valdeorras...) e non tan modestos (Bergantiños, C.D. As Pontes...) publicaban en galego as súas respectivas historias. Mesmo os xornalistas Xesús Fraga e Xosé Mejuto publicarían en Xerais e en galego a Historia do Deportivo. A nova fronteira (1993). En tempos máis achegados a nós, J.M. Deza publicou en 2008 a Historia da Selección Galega de Fútbol, Xan Fraga un libro sobre Luís Suárez (2010) e aínda houbo outros títulos que non teño agora a man, entre eles os que xa cito no artigo de La Voz de hoxe día 5 de xuño de 2013.

Xunto con Xosé Mª Rei Lema estou preparando outro libro que englobará os 50 anos de vida oficial do C.D. Baio, pois foi un dos oito equipos fundadores da xa mítica Liga da Costa. O cincuentenario cumprirase exactamente o 12 de abril de 2014, pois o primeiro partido oficial desta liga fora o 12 de abril de 1964. Xa choveu. Por certo, o primeiro gol desta liga marcárao en Laxe un xogador do Baio, Agosto I, nada máis sacar de centro; infortunadamente o maior dos tres Agostos baieses non estará para celebrar o cincuentenario, pois finou hai uns anos, como faleceu tamén, pero neste 2013, Manolo Veloso, o xogador que figura na portada do noso libro de 1989.

Os organizadores dos actos do 50 aniversario do C.D. Baio xa lanzaron á venda bufandas co logotipo dos 50 anos -deseñado por rapaces/zas do IES Maximino Romero Lema- e co lema "Decano da Liga da Costa". Non é gratuíta esta divisa, pois o C.D. Baio é o único club desta liga que pode cumprir ó completo os 50 anos como federado, pois non deixou de participar en ningunha temporada, malia as penurias económicas. Outros clubs de vilas máis importantes colleron un respido e retiráronse da competición -unha tempada ou mesmo dez ou doce- para colleren folgos e volveren logo con máis ánimo.

O C.D. Baio quedou ó remate da tempada actual na 2ª posición do seu grupo da chamada 2ª Rexional -detrás da Esteirana- e nestes momentos está disputando a promoción de ascenso á Primeira Rexional, co Agolada e co Sálvora de Ribeira. Tanto ten se logramos o ascenso ou non: o importante é facer o camiño, como dicía o poeta, Konstantinos Kaváfis.

Máis información

Novas relacionadas

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

Comentarios