Debullando os Orzamentos 2022 do Concello da Laracha

Un dos primeiros concellos en falar do Orzamento de 2022 é o da Laracha. Xa dende novembro ten enriba da mesa o Concello a proposta de 8.618.000 euros, o que supón un incremento de 313.000 euros (3,77 %) con respecto ao exercicio anterior.

Coma en todos os orzamentos, o capítulo máis amplo é o relativo a gastos en bens correntes e servizos, que se sitúa próximo aos cinco millóns de euros e supón máis do 57 %.

Social

Como dato significativo, máis do 20 % dos orzamentos (1.775.000 euros) terán por destino a protección social, con partidas para a escola infantil, o centro de día e fogar residencial e os centros sociais da terceira idade, así como para o servizo de axuda no fogar e outros programas de atención a dependentes e colectivos con necesidades especiais.
Concretamente hai 450.000 reservados para as bolsas de estudos, adquisición de equipamentos informáticos para o alumnado, fondo de emerxencia social, Plan de Transporte Metropolitano e tamén as subvencións para o tecido asociativo municipal,

Mellora da rede viaria

834.300 euros irían destinados á mellora da rede viaria municipal, con intervencións xa concretadas nas trece parroquias. En concreto, as vías afectadas son as seguintes:

  • Erboedo: núcleos de Paredes, O Igrexario e San Paio.
  • Coiro: núcleos de Novás e A Ferrulleira e estrada entre O Coto e As Meneiroas.
  • Soutullo: núcleos de O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira e estrada entre Groba e O Vilar do Boi.
  • Golmar: núcleos de O Igrexario e As Talladas.
  • Lendo: núcleos de O Canle, O Cruceiro Novo (inclúe mellora da rede de pluviais) e Samiráns.
  • Lestón: núcleo de Os Currais e estrada desde A Rabadeira ata O Igrexario.
  • Vilaño: núcleos de Os Meáns e O Formigueiro e estrada desde A Botica ata O Pino.
  • Torás: núcleos de A Portela e A Barreira, estrada entre a Avenida de Caión e O Campo e estrada entre Riotorto e a vía provincial DP 0513.
  • Montemaior: núcleos de O Raño, O Penedo, Adrán e a Carballa Redonda e estrada entre A Baiuca e A Pena.
  • Cabovilaño: núcleos de A Braña e O Cancelo.
  • Soandres: núcleos de Borreiros e Curros.
  • Lemaio: núcleos de A Fontaíña e Proame.
  • Caión: núcleo de Cima de Vila.

Hai tamén dous proxectos importantes: a construción da nova estación de tratamento de auga potable e o depósito de cabeceira para reforzar o servizo de abastecemento que se realizarán en colaboración con Augas de Galicia (investimento total de 1.850.000 euros) e a humanización de rúas no entorno do recinto feiral de Paiosaco (investimento total de 132.000 euros) que se levará a cabo en cooperación coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.