Laracha constrúe unha nova pista polideportiva xunto ao IES Agra de Leborís

Arrincaron as obras de construción da nova pista deportiva xunto ao IES Agra de Leborís. O proxecto, valorado en 98.000 euros, forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do Instituto, creando neste espazo un novo punto de referencia para a práctica libre de actividades deportivas na capital municipal especialmente pensando para o público infantil e xuvenil dadas as características das infraestruturas que se están a ser construídas.

A pista, descuberta, terá unhas dimensións de 42x25 metros máis dous metros de seguridade. Marcarase lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala de medidas regulamentarias e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto.

Xunto a esta pista que se está a crear xa está operativa outra pista multideportiva. Ambos equipamentos municipais serán complementarios entre si ao presentar unhas características distintas e estar equipados para adaptar o seu uso aos diferentes grupos de idade.
Neste ámbito a carón do IES Agra de Leborís o Concello tamén ten prevista a creación dun parque de patinaxe, proxecto que se sacará a licitación en próximas datas.