Nova semana de obras na Laracha

Mellora rúa da Torre de Caión
Nova semana de actividade no Concello da Laracha, con obras na piscina, por Caión, e por Paisaco.

Nunha semana na que as bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión reabrirán ao público, coas limitacións establecidas no protocolo de actuación fronte á Covid-19. Soamente se ofrecerá o servizo de préstamo de libros, que unha vez devoltos estarán catorce días en corentena.
A Biblioteca municipal da Laracha abre de 12 a 14 h pola mañá e de 17 a 19 h pola tarde, e as Bibliotecas municipais de Paiosaco e Caión abren de 17 a 20 h.

Obras en Caión

O Concello da Laracha promove e financia integramente con fondos municipais tres actuacións que se están a desenvolver de xeito simultáneo en Caión cos propósitos de mellorar a rede viaria e os espazos verdes en pleno centro da vila.
Por unha parte estanse acometendo traballos de renovación do adoquinado, dos bordillos e da rede de recollida de augas pluviais na rúa da Torre e no Rueiro das Figueiras. As obras implican o peche temporal á circulación rodada na primeira das vías citadas.

Renovación do pavimento do vestiario da piscina

Aproveitando o peche temporal do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, o Concello está a desenvolver o proxecto de renovación do pavimento no vestiario masculino desa instalación. A actuación consiste na substitución en toda a sala (vestiarios e duchas) do pavimento de vinilo anterior, acometendo a nivelación do solo existente, realizando a impermeabilización e colocando o novo acabado de plaqueta cerámica antideslizante. O proxecto supón un investimento superior aos 15.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.

Obras entre Paiosaco e Lestón

As obras de mellora da rede viaria na parroquia de Lestón promovidas polo Concello da Laracha xa están moi avanzadas. A actuación consiste na renovación do pavimento entre o núcleo urbano de Paiosaco, desde a rúa Feal, ata o lugar de Lestón. Estase a dotar á estrada, duns novecentos metros de lonxitude, cunha nova capa de aglomerado e sumando á plataforma os sobreanchos existentes. Tamén se contempla a mellora da drenaxe das augas pluviais. Os traballos completaranse co pintado das marcas viarias das marxes da calzada para aumentar a seguridade.
O proxecto está valorado en 92.000 euros.