75 traballadores de Ferroatlántica arrincaron a marcha reivindicativa a pé cara Compostela

[fbvideo link="https://www.facebook.com/concellocee/videos/1523259131082274/" width="800" height="500" onlyvideo="1"] Alí saíron este mércores 5 de xullo, xa ás 8:00h da mañá, camiño de Compostela. Unhas 75 persoas, case todos traballadores das fábricas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría (uns tirando de horas sindicais e outros que aproveitan así as súas vacacións ou días libres), arrincaban esta camiñata reivindicativa contra a segregación das actividades e a venda das centrais hidroeléctricas de Cee e Dumbría. Facíano dende Concello ceense acompañados do alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e a voceira nacional do BNG, Ana Pontón. Farán o Camiño de Santiago ao revés en 4 etapas baixo o lema “As nosas centrais non se venden. Evitemos o espolio dos nosos recursos naturais”. Esta primeira etapa concluíu coa recepción oficial Concello de Mazaricos, que estaba prevista para as 16:00h, pero dada a boa marcha foi adiantada ás 13:30h. Algún quedará a durmir na Picota e outros voltarán a casa. A mobilización, convocada polo comité de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e CCHH, é, segundo afirmaba á saída o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “unha marcha pola dignidade, contra a colonización e en defensa do emprego”. Dende o Comité valoran moi positivamente a cifra de participantes, tendo en conta que pola semana moita xente traballa e non pode facer unha ruta coma esta. “Para a última etapa, a do sábado de Bertamiráns a Santiago, si que esperamos que veña xente acompañarnos, para entrar e Compostela con máis forza”, uníndose así ás 12:00h na Alameda ao comezo da gran manifestación polas rúas da capital do país. Actitude do PP No decurso desta primeira etapa, Paulo Carril - secretario xeral da CIG - denunciou que “estamos, con esta mobilización, denunciando tamén a actitude do goberno do PP, que abandona á súa sorte aos galegos e galegas, neste caso da Costa da Morte, por non ser claro e contundente, como levamos pedindo desde a CIG cos traballadores/as desde hai moitos meses, contra o intento de venda das centrais hidroeléctricas por parte de Villar Mir”. Para o secretario xeral da CIG este é un exemplo claro “do que é a espoliación dos nosos recursos naturais, do que é a colonización de Galiza, e para mellor gloria e fortuna, neste caso de Villar Mir, un exemplo de cómo se utilizan os nosos recursos naturais para enriquecer grandes fortunas españolas e para crear emprego fóra do noso país”. Por iso considerou que esta é “unha marcha de dignidade, contra a colonización e unha marcha pola defensa do emprego ao que emprazamos a todos os galegos e galegas, a todos os traballadores/as porque o que nos estamos a xogar é se os nosos recursos naturais reverten na creación de emprego e na industrialización da nosa nación ou serven para seguir constatando exemplos de espoliación e colonización dos nosos recursos”. “Cos postos de traballo non se xoga” Pola súa banda Afonso Mouzo, portavoz do comité, lembraba que xunto coa CIG, o persoal de Ferroatlántica leva sete meses continuados de loita e aseguraba que con esta mobilización agardan “facerlle ver ao presidente da Xunta que cos postos de traballo da comarca non se xoga”. Mouzo lembrou tamén que Núñez Feijóo se comprometera a pronunciarse no mes de xuño pero “estamos a 5 de xullo e aínda estamos esperando a que se pronuncie”. Considerou que esta actitude da Xunta débese a que “ten coa empresa medios cambalaches” e asegurou que “non é de recibo que teña a 400 familias directamente afectadas” e manteña, aínda así, o silencio. Chamamento a todas as galegas e galegos O portavoz do comité fixo un chamamento a todos os galegos e galegas a mobilizarse diante deste “espolio” de recursos. “Fixéronse encoros nos ríos para abastecer as fábricas de ferroaleación cando son de todos os galegos e galegas, non de Villar Mir”, asegurou e concluíu afirmando que “non hai ninguha lei que lle permita a Villar Mir vender os ríos por 255 millóns de euros. Iso é un atraco a todos os galegos/as”. [fbvideo link="https://www.facebook.com/cigconfederacionintersindicalgalega/videos/819388028211818/" width="800" height="500" onlyvideo="1"]
Parada na fábrica de Dumbría para facer foto de familia dos traballadores de Ferroatlántica en marcha reivindicativa
Á 13:30 tiña lugar a chegada a Mazaricos da marcha a pe dos traballadores de Ferroatlantica [fbvideo link="https://www.facebook.com/concello.demazaricos/videos/1499265723463792/" width="800" height="480" onlyvideo="1"]

Autobuses a Compostela

Para a cita do sábado os Concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Zas, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía e Vimianzo están xestionando autobuses. Poden anotarse antes do 6 no 649 09 87 81.  

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

  Fonte Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).