Un programa integrado de emprego atenderá a 85 mulleres en Camariñas, Muxía e Vimianzo

A direción xeral de Orientación e Promoción Laboral, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, ven de comunicar a concesión dunha subvención por importe de 191.951,00 euros para para a posta en marcha dun Programa Integrado de Emprego (PIE) dirixido exclusivamente a mulleres de Camariñas, Muxía e Vimianzo. Este programa vaise desenvolver ata o 30 de novembro do próximo ano e está destinado a mulleres desempregadas usuarias deste programa, que serán seleccionadas de entre as que remita a Oficina de Emprego de Cee para tal efecto, sendo os colectivos destinatarios os referidos a mulleres con discapacidade,  menores de 30 anos con baixa cualificación, mulleres menores de 30 anos, maiores de 45 anos ou mulleres perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou a RAI.
O obxectivo de inserción é do 35% das usuarias. Así, 30 mulleres deberán atopar emprego nun prazo de 12 meses contados desde o inicio do programa, sexan contratadas por conta allea por una duración non inferior a tres meses ou inicien una actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, durante o programa ou nos tres meses seguintes á súa finalización. As accións do proxecto enfocaranse a sectores que demandan recursos humanos na zona e a nichos de emprego emerxentes, coma por exemplo o dos Servizos a persoas; Ocupacións relacionadas coa vida diaria , coa dependencia e coa conciliación da vida laboral e familiar. Ocupacións relacionadas coa industria alimentaria e a outras. Ocupacións relacionadas co comercio. Ocupacións vinculadas á diversificación e a suma de valor do sector primario e a cobertura de necesidades das explotacións gandeiras. Traballos relacionados co turismo e a hostalería e ocupacións relacionadas co marco da vida diaria das persoas, e dicir,  limpezas nos fogares, mantementos de xardíns, etc. As usuarias serán beneficiarias de diferentes accións encamiñadas á súa inserción laboral, coma por exemplo a información, orientación e asesoramento, a formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas, as técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, as habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, o fomento da capacidade emprendedora, as prácticas profesionais non laborais en empresas e con obrardoiros de mobilidade laboral.