44 alumnos e alumnas do CEIP Canosa-Rus coñecen a Casa do Concello de Carballo

O alumnado visitou as distintas instalacións municipais de Carballo A Casa do Concello de Carballo recibiu onte unha visita moi especial. Nin máis nin menos que 44 nenos e nenas de 2º e 3º de primaria do CEIP Canosa-Rus visitaron as instalacións municipais onde tiveron a oportunidade de entrevistar ao alcalde carballés - Evencio Ferrero - e ao concelleiro de Obras e Servizos - Luis Lamas - aos que someteron a un auténtico terceiro grao sobre todo tipo de cuestións, desde as máis persoais ata reivindicacións como un parque cuberto. O alcalde aproveitou a ocasión para explicarlles que o proxecto para cubrir o parque do Anllóns está en marcha e que agarda que poidan gozar del a finais de curso. Ainda que o CEIP Canosa-Rus está ubicado no veciño concello de Coristanco, unha boa parte do alumnado pertence ao municipio carballés. Os nenos e nenas interesáronse tanto por algunhas cuestións xerais do concello como por algunhas particulares da súa parroquia - preguntaron polo asfaltado de pistas, a reforma dos centros sociais, o alumeado... - e do casco urbano, e sorprenderon a Evencio Ferrero con preguntas tan inesperadas como esta: “Como se fai para ter Carballo tan bonito?”, que deixou case sen palabras ao alcalde.
Os alumnos e alumnas entrevistaron ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e ao concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas Despois de máis de media hora de “interrogatorio” os/as alumnos/as dividíronse en dous grupos para participar nunha visita guiada polas dependencias municipais e tamén pola oficina do DNI da Policía Nacional. A posibilidade de ver como se fai un carné de identidade ou de entrar nos calabozos da Policía Local chamaron poderosamente a atención dos rapaces e rapazas, que tamén se amosaron moi interesados polo traballo que se desenvolve na Oficina Técnica Municipal, onde se detiveron especialmente a ver e analizar ao detalle os planos que hai no despacho da concelleira Milagros Lantes. A visita de onte incluía ademais unha ruta guiada polos murais dos proxectos de arte pública do Concello de Carballo, pero foi suspendida por mor da choiva. Iso si, os nenos e nenas levaron os cadernos para colorear de Derrubando Muros. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo