O presidente da Deputacion realizou unha visita institucional a Carballo
Impulsar a creación de emprego e dinamizar o Fórum Carballo son dúas das iniciativas que vén de apoiar a Deputación da Coruña. Así o manifestou o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, quen recoñeceu que o fará a través das liñas de actuación coas que conta a Deputación neste eido, aínda que Formoso tamén subliña que "o índice de desemprego en Carballo está moi por debaixo do nivel galego" sen chegar ao "dez por cento da poboación". En todo caso, asegura que o desemprego segue a ser "unha prioridade" polo que é necesario seguir traballando e contando con que todo o mundo achegue "o seu gran de area".
Así o explicou na mañá de onte durante a súa primeira visita institucional a Carballo na que, ademais de reunirse co alcalde - Evencio Ferrero - e con outros membros da corporación, e de visitar a Casa do Concello, tamén percorreu as instalacións do Fórum Carballo e do grupo Calvo. Precisamente o presidente provincial manifestou estar "impresionado" coas instalacións do Fórum, un complexo "a disposición de todas as administracións"; e tamén cos medios técnicos cos que conta este centro de formación "cun simulador para o alumnado que non existe en todo o norte da península". Sinalou que o obxectivo da visita foi o de que a Deputación puidese "aprender e botar unha man" e que marcha "coas pilas cargadas".
Creación de infraestructuras
Pola súa banda, o alcalde, Evencio Ferrero, agradeceulle á Deputación "os novos criterios de reparto" do organismo provincial que permiten a posta en marcha de "melloras moi demandadas polos veciños e veciñas". O rexedor espera que concello e Deputación sigan a traballar con "lealdade institucional" no futuro e que sexa posible "seguir asumindo a creación de infraestruturas e melloras". Para rematar, Ferrero aproveitou para demandarlle á Xunta de Galicia que a estrada provincial DP-1914 a Santiago de Compostela pase a ser de titularidade autonómica, xa que considera que Carballo non debe comunicarse coa capital de Galicia a través dunha vía provincial.
Ante as verbas do alcalde, González Formoso subliñou o "compromiso" da Deputación co concello de Carballo, lembrando melloras como a substitución do céspede do complexo deportivo As Eiroas; a mellora da accesibilidade en puntos da capital municipal como o barrio das Flores, a rúa Xúpiter ou o Pazo da Cultura; melloras emprendidas a través do PAI nas rúas Ponte ou Desiderio Varela; ou os investimentos do POS que permitirán mellorar as vías nas parroquias do municipio. Todas elas grazas á achega de fondos provinciais que permiten a mellora dos equipamentos e infraestruturas do municipio e sempre, resalta o Presidente provincial, "co apoio unánime de todos os grupos políticos".
Fonte