A mellora da rede viaria convértese na principal demanda dos Consellos Parroquiais de Carballo

O programa de xuntanzas bautizado como Consellos Parroquiais púxose en marcha como unhas xuntanzas abertas a toda a cidadanía Despois do seu primeiro ano de funcionamento, o concello de Carballo fai balance dos Consellos Parroquiais; un programa de xuntanzas abertas a toda a cidadanía que "permitiron detectar as principais necesidades e demandas da poboación das 17 parroquias rurais e articular as medidas para darlles solución". De feito, segundo sinalan dendo o goberno carballés, este segundo ano de actividade "comeza con moitos proxectos en marcha". A mellora da rede viaria, foi a demanda máis repetida ao longo do ano pasado, que o concello xestionou a través do plan integral de asfaltado de todas as vías secundarias municipais, que se completará nos vindeiros meses, e neste ano 2018 darás un novo paso con outros dous plans que permitirán ir cubrindo as necesidades do territorio en canto a accesos a vivendas, que se acondicionarán na súa totalidade cun orzamento de 450.000 euros; aglomerado de vías estruturantes, que comezará por Aldemunde e Lema, Noicela e Rebordelos, xa en contratación, e continuará coas estradas de Mirón-DC1902, Bolón-A Gándara (Sofán), A Ponte de Bértoa-O Moucho de Berdillo e A Vixía-Lema, con consignación orzamentaria para este ano, e pavimentación con cemento de núcleos singulares, como a que imos facer no Rodo (Oza). Do mesmo xeito, con cargo aos orzamentos deste ano o concello indica que se acometerán outras moitas propostas emanadas dos Consellos Parroquiais, como a reposición de puntos de luz, a eliminación do tendido eléctrico na contorna da igrexa de Rus, a mellora do espazo do lavadoiro de Entrecruces, o acondicionamento do centro social de Lema ou a construción dun novo centro social en Bértoa, entre outras. Próximas citas Hoxe, ás 20.30 horas, está convocado de novo o Consello Parroquial de Ardaña, e mañá venres reunirase o de Cances. Serán os primeiros dos 17 que se celebrarán de aquí a maio, nalgúns casos supeditados ao estado de execución das obras de reforma que se están a facer, precisamente, en varios locais sociais. Os Consellos Parroquiais funcionan nas 17 parroquias rurais de Carballo, presídeos o alcalde ou a persoa en quen delegue e están integrados por representantes de todos os grupos políticos da corporación municipal e do tecido asociativo de cada parroquia, ademais das persoas a título individual que queiran sumarse. De feito, os Consellos Parroquiais son entes vivos e abertos permanentemente á participación tanto de entidades coma de cidadás e cidadáns a título individual. Unha das características destes órganos de participación veciñal é o seu funcionamento de estilo asembleario, sen cargos. Unicamente se conta cun/ha secretario/a voluntario/a para levantar acta das sesións, pero sen máis atribucións. Arredor de 300 persoas están participando a través dos Consellos Parroquiais na xestión municipal. Porque do que se trata, en definitiva, é de que a cidadanía teña voz á hora de propoñer directamente as actuacións que considera máis necesarias na súa parroquia, e de que o Concello de Carballo teña en conta esas proposta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos. O fin último sería a elaboración de orzamentos participativos, o cal será posible na medida en que o proceso de participación veciñal, aínda en cueiros, vaia madurando. As persoas interesadas teñen á súa disposición o enderezo electrónico consellosparroquiaiscarballo@gmail.com para calquera tipo de información.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo