A veciñanza de Rus reclama a mellora da súa rede viaria

O pasado mércores representantes municipais e a veciñanza de Rus mantiveron un encontro dentro dos Consellos Parroquiais O acondicionamento da rede viaria foi a principal necesidade que se tratou no consello parroquial de Rus do pasado mércores.  Á parte das obras de reforma integral das pistas secundarias - que xa comezou coa limpeza de cunetas na parte alta da parroquia -  a veciñanza reclama a actuación inmediata do concello para solucionar problemas puntuais de fochancas e, sobre todo, unha mellora da seguridade viaria. Nese sentido, presentáronse varias iniciativas. Con respecto á reivindicación dunha sinalización máis efectiva no cruce da Canosa, que xa se pedira na reunión anterior, o consello parroquial de Rus considera insuficientes as marcas viarias que vén de pintar a Deputación da Coruña, titular da vía. Os veciños e as veciñas queren un pintado semellante ao que se realizou na travesía de Oza, e este mércores pediron, a maiores, a colocación de bolardos no cruce para evitar que aparquen os coches, xa que impiden a visibilidade. Outra demanda xa coñecida é a construción de beirarrúas na estrada provincial que vai desde A Canosa ata o local social, e a este respecto acordouse intentar xestionar os terreos precisos na beira esquerda (cara abaixo) coa intención de cederllos á Deputación e que acometa as obras. Demandas pendentes O consello parroquial de Rus fixo un repaso ás demandas pendentes. Con respecto á mellora viaria deuse conta do inicio dos traballos; sobre a eliminación do cableado da igrexa de Santa María, o alcalde anunciou que o proxecto xa está feito e que se incluirá nos orzamentos do 2018 con máis de 40.000 euros; en canto á reforma dos locais sociais de Ramil e Outón, as obras están adxudicadas e empezarán a partir da semana que vén, e sobre o saneamento dixo Evencio Ferrero que están en proceso de contratación. A veciñanza expresou a súa preocupación pola escaseza de auga, un problema xeneralizado no noso concello e en toda Galicia; insistiu na reposición de puntos de luz, demandou a limpeza de varios treitos e da reposición de sinais da ruta das Férvedas e ademais interesouse pola posible participación do concello de Carballo nun proxecto de microtoponimia que está a desenvolver a Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo