A vermicompostaxe ponse en marcha en Carballo

As lombrigas de terra serán as protagonistas deste pioneiro programa de compostaxe doméstica 22 familias de Carballo xa teñen nas súas casas uns novos inquilinos que lles axudarán a tratar de forma correcta a materia orgánica que desboten. Así, o pasado sábado membros do concello e de Sogama entregaron o material necesario para poñer en marcha o programa de vermicompostaxe; unha iniciativa pioneira na comunidade. O obxectivo desta iniciativa, do mesmo xeito que no caso da compostaxe doméstica, é poñer en valor a materia orgánica e darlle un tratamento ecolóxico que permita aproveitala in situ e transformala nun abono natural con excelentes propiedades para o chan. A fin de instruír aos veciños e veciñas participantes nesta nova técnica, persoal da empresa Ecocelta, con sede en Ponteareas (Pontevedra) e especializada na fabricación de abonos ecolóxicos, impartiu un curso de formación presencial no que explicaron a operativa a seguir nun proceso protagonizado por lombrigas de terra, que inxiren a materia orgánica e excrétana en forma de humus, un excelente fertilizante que, segundo criterio dos expertos, pode chegar a superar incluso as bondades do compost doméstico. De feito, presenta unha gran bioestabilidade, sendo rico en encimas, acedos húmicos e fúlvicos, microorganismos e fitohormonas, características todas elas que lle outorgan un gran poder agronómico, favorecendo o crecemento vexetal, mellorando a estrutura do chan e propiciando unha maior resistencia dos cultivos fronte a pragas e enfermidades. Operativa
As 22 familias participantes no programa recibiron formación sobre a operativa a seguir Durante a actividade formativa explicaronse os pormenores da dinámica a seguir: desde a localización do vermicompostador, conformado por tres caixóns independentes, dispostos en vertical, pero conectados entre si, materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, temperatura ideal para preservar a vida das lombrigas e o control de parámetros tales como pH, salinidade e humidade, así como temperatura e relación Carbono/Nitróxeno, entre outros. O vermicompostador tipo que se entregará a cada un dos usuarios dispón dunha poboación aproximada de 200 lombrigas adultas eisenia andrei que consomen diariamente 450 gramos de materia orgánica. Recoméndase remover a mestura periodicamente para manter a súa osixenación, evitar a exposición directa das lombrigas ao sol, xa que son fotofóbicas, manter a humidade en aproximadamente o 70% e a temperatura entre os 15 e os 25º C. Finalmente, aconséllase que o produto final (vermicompost) sexa colocado sobre unha superficie plana para propiciar o seu secado e maduración, así como illalo do chan, a humidade e a choiva, resultando aconsellable almacenalo en sacos de rafia que permitan a transpiración. Estas e outras cuestións recóllense igualmente nun manual didáctico que tamén será entregado ás familias participantes. Carballo, xunto coas Pontes de García Rodríguez, son os dous únicos concellos que, actualmente, e da man de Sogama, están a levar a cabo un dobre programa de compostaxe (compostaxe doméstica e vermicompostaxe) co que pretenden contribuír a unha maior sustentabilidade e facilitar o tránsito desde unha economía lineal, caracterizada polas malas prácticas de extraer-fabricar- usar-tirar a unha circular na redúzase a produción de residuos e limítese o consumo dos xa escasos recursos naturais. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo