Amplo seguimento en Carballo na primeira xornada de folga nas residencias privadas en demanda dun convenio digno
A primeira xornada de folga nas residencias privadas de maiores e centros de día está rexistrando un amplo seguimento a pesar dos "abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta", segundo denuncia a CIG. "Ante a imposibilidade de efectivizar o seu dereito á folga, as traballadoras aproveitaron os tempos de descanso para amosar o seu apoio ao paro e reivindicar un convenio digno con pequenas concentracións ás portas das residencias".
Estas protestas espontáneas súmanse ás concentracións e manifestacións convocadas pola CIG nas sete cidades e vilas como Noia, Ribadumia, Ribeira, Vilaboa ou Carballo para visibilizar a loita por unhas condicións laborais e salariais dignas, unha atención de calidade para as persoas usuarias e para reclamar tamén a mediación da Consellaría de Política Social.
Abandono da Xunta
Sobre o papel da Xunta neste conflito, o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, denunciaba" o abandono absoluto do sector por parte de Política Social, evidenciado no propio feito de que até a véspera da folga non chamou o sindicato a negociar os servizos mínimos"
A respecto da negociación do convenio, explica que "a mesa leva sen reunirse dende o mes de outubro, despois de que as asembleas de traballadoras rexeitaran por amplísima maioría a última proposta patronal, xa que supuña manter os soldos por debaixo do SMI até 2027 e non contemplaba ningún avance na redución da xornada anual, nin melloras na compensación dos festivos ou na cobertura das baixas".
“Non pode ser que nun servizo esencial como as residencias de persoas maiores e centros de día, as táboas salariais estean por debaixo do SMI. Na práctica, para estas traballadoras as subas do Salario Mínimo Interprofesional significan que se lles están absorbendo outros conceptos retributivos e complementos como a antigüidade, o pago de festivos, etc. “Toda a experiencia profesional acumulada, que se debería reflectir no cobro da antigüidade, na realidade é absorbida e dá o mesmo que leves un mes traballando que 20 anos”, rexeitou.
Sobrecarga de traballo
"Ás precarias condicións do convenio colectivo súmase a excesiva carga de traballo que ten que realizar o persoal a causa dunhas ratios obsoletas que están sen actualizar dende 199"6. A este respecto, son reiteradas as denuncias das traballadoras pola falta de tempo suficiente para ofrecer coidados de calidade ás persoas usuarias. “Temos o tempo taxado para erguer, vestir, asear, dar de comer, etc. Traballamos con persoas, pero parece que estamos nunha cadea de montaxe”, alertaron.
As traballadoras manterán a folga con novos paróns os días 22 de abril e 7 e 21 de maio. Ademais, o sábado 26 de abril, está convocada unha gran manifestación en Compostela, con saída ás 11:00h da Alameda.