As cantareiras e pandeireteiras, tamén protagonistas do Programa das Letras de Carballo
O Concello de Carballo une forzas co seu fértil tecido asociativo para afrontar un Día das Letras Galegas moi especial, xa que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o 17 de maio á poesía popular oral, personificándoa en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Por ese motivo, o título do Programa das Letras de Carballo é “Canta miña compañeira”, recollendo un verso dunha cantiga que fai referencia aos lazos de miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración. Grazas a mulleres coma elas, chegaron a nós coplas, ritmos, bailes, contos, xogos, remedios e costumes.
O programa
O programa inclúe diversas propostas teatrais, musicais, exposicións, proxeccións audiovisuais, encontros ou actividades formativas coa arela de ofrecer unha visión global.
Dentro do programa, unha das citas máis salientables é o Concerto das Letras Galegas 2025 titulado As cantareiras e a poesía popular oral. Cada ano o Consello da Cultura Galega únese á celebración do Día das Letras con esta cita que xunta música e palabra e que ten lugar cada ano en distintas vilas e cidades de Galicia. Neste ano 2025, no que se homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral, a entidade propuxo que o concerto tivera lugar en Carballo como recoñecemento á riqueza deste patrimonio inmaterial no noso municipio e comarca. Once artistas procedentes da música tradicional, da música popular e da música moderna conforman un espectáculo creado expresamente para esta cita, coa fin de render a súa particular homenaxe a través dun repertorio musical que comeza e remata na Costa da Morte.
Con Mens e as súas pandeireteiras como lugar de partida, o percorrido lévanos por toda a xeografía galega: das terras do sur de Ourense cos canteiros de Faramontaos ao canto de Nadal de Adolfina e Rosa na comarca de Cerceda; das mulleres de Gharghamala en Mondariz aos cantos de Cervantes, na montaña luguesa, con parada no Soutomaior de Maruxa das Cortellas antes de regresar a Camariñas. Unha viaxe a través do tempo e dos sons que configuran a banda sonora da nosa vida cotiá, cunha envoltura contemporánea a través da sonoridade do jazz. O Concerto das Letras Galegas 2025 terá lugar o venres 16 de maio ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. Está organizado polo Consello da Cultura Galega e conta coa colaboración do Concello de Carballo.
As cantareiras de Carballo non podían deixar de ter un protagonismo especial no programa. Por iso o Concello, co afán de darlle o seu espazo ás asociacións municipais, estivo mantendo desde principios de ano xuntanzas con elas para que participasen tamén na organización do programa, o que dou froito coa organización de distintas actividades. Así, o sábado 3 de maio terán lugar as xornadas Vivan as do meu lugar (de 11.00 a 19.30 horas), un encontro para poñer en valor o papel das asociacións e agrupacións de música tradicional de Carballo e de Bergantiños no seu papel como conservadoras do patrimonio tradicional musical e oral. A cita contará con encontros con artistas como Mercedes Peón, Alana, Su Garrido Pombo ou De Ninghures, coa presentación dos libros Somos pandeireteiras e a colección Chave Mestra de aCentral Folque, cun faladoiro sobre a importancia das asociacións locais na preservación do repertorio tradicional de Carballo e a comarca ou con outro sobre novos xeitos de compilar e difundir a música de tradición oral.
Así mesmo, ese mesmo día terá lugar o concerto Canta, miña compañeira, titulado coma o verso que lle da nome a todo o programa. Nel poderemos desfrutar do bo facer das Cantareiras de Arume de Verdillo, das Cantareiras de Nemeth, das Cantareiras de San Campio de Cances, das Cantareiras do Candil e de As Tocadoras do Alprende. A cita é ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.
Exposición Letras Cantadas
Ademais, as letras de 2025 teñen espazo para unha exposición titulada Letras Cantadas, que poderá visitarse nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. A mostra réndelle homenaxe a varias das cantareiras máis emblemáticas do municipio, referentes dunha xeración de mulleres que fixeron da voz un vehículo de memoria, identidade e resistencia.
O acto de inauguración será o venres 16 de maio ás 18.00 horas e a mostra poderá visitarse até o 1 de xullo en horario de 10.00 a 13.00 horas. O Día das Letras Galegas abrirá de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas. A cita está organizada polas Concellarías de Mocidade, Normalización Lingüística e Cultura coa colaboración das seguintes entidades: AC San Campio de Cances, AC Nemeth, AC Escola do Alprende, AC Arume de Verdillo e ADCR Baldaio.
Xabier Díaz e Cantometrics
O Programa das Letras arrinca o xoves 30 de abril coa presentación do libro Cancioneiro Serodio (1989-2012) de Xabier Díaz. Un dos nomes propios da música de raíz galega recolle a transcrición dos textos líricos das case cincocentas entrevistas que foi realizando ao longo de trinta anos de camiño, adornándoos de anécdotas, sorpresas e fantásticas historias das propias informantes, protagonistas tamén das fotos, e dunha morea de audios orixinais das compilacións, que redimensionan o concepto de cancioneiro. A presentación é ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.
Esta cita chega a Carballo grazas á Deputación da Coruña, ao igual que Efémeras de Cantometrics, que estará no Pazo da Cultura o venres 9 de maio. Trátase dun concerto de música tradicional inspirado nas obras fotográficas de Ruth Matilda Anderson.
Teatro e documental
A música chega este ano ao Programa das Letras en todas as súas formas, por ese motivo tamén inclúe unha cita audiovisual coa proxección do documental Lévame a idea, tamén o venres 2 de maio. Esta obra é un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega, auténticas protagonistas na súa creación, recuperación e difusión. A cita contará coa presenza das directoras Vanesa Siso, Laura Varela e Iria Villares, coas que haberá un coloquio ao rematar.
O teatro tampouco podía faltar no programa, desta volta cunha nova visita a Carballo de Grupo Chévere que presentan As fillas bravas de Momán 2025. As Fillas Bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta, porque son fillas do vento, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
Elas veñen a reafirmar modelos apoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan cantos de rebeldía insospeitados, creando e transmitindo un tremendo repertorio de creatividade colectiva arredor da música, o baile e o canto. Esta divertida proposta escénica é unha festa colectiva creada por unha das compañías de teatro galegas máis importantes, protagonizada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. A cita é o xoves 15 de maio ás 20.30 horas no Pazo da Cultura e conta con adaptación á lingua de signos.
A tradición oral nos centros de ensino
Este ano o Programa das Letras tamén conta cunha especial vontade didáctica, xa que está previsto levar tamén as letras cantadas aos centros de ensino do municipio. Do 5 ao 7 de maio nos centros de Primaria con María Faltri e a proposta Coa pandeireta na man. A través deste espectáculo musical, lúdico e participativo que rende homenaxe ás cantareiras, o alumnado terá a oportunidade de achegarse á riqueza da música tradicional galega e á importancia da tradición oral.
Os centros de Secundaria tamén contarán cunha cita musical, neste caso o luns 19 de maio e o xoves 22, a cargo de As Tocadoras do Alprende e Cantareiras de Nemeth. Unha cita en horario escolar para achegar a nosa tradición oral musical. Ademais, os centros de maiores tamén poderán desfrutar da súa cita, neste caso o venres 2 de maio co Coro Aires de Bergantiños. Visitarán a Residencia Domus VI (Pedra Furada) e a Residencia de Maiores de Carballo (Praza de Vigo). Será ás 17.00 e 18.00 horas, respectivamente.
Outras citas
As entidades de Carballo sempre teñen un lugar especial nos programas culturais do municipio, e no programa das Letras, ademais de contar este ano coa colaboración especial das cantareiras, atopamos outras citas coordinadas polas asociacións culturais e veciñais do municipio:
- O sábado 10 de maio a AC e AX Arume de Verdillo organizan Somos porque foron... ruada das Cereixas.
- O 17 de maio, o mesmo día das letras, a Asociación Cultural Lumieira organiza o Concurso Infantil de Debuxo e Pintura Luís Calvo que xa cumpre 43 anos de vida.
- O Local Social de Cances acolle o 18 de maio a presentación do libro Cantareiras de Xosé M. Varela e Icía Varela.
- E o programa remata o 30 de maio co Encontro Bergantiñán, unha homenaxe dos centros educativos ás cantareiras a través da música e do baile que está organizada polos IES Monte Neme, Parga Pondal e Alfredo Brañas de Carballo e polo IES Eduardo Pondal de Ponteceso. A cita será na Praza do Concello.
ENTRADAS
A maioría das citas do programa son de entrada libre ata completar o aforo. Aínda que hai dúas propostas que requiren compra de entrada e outras dúas nas que se require convite.
- É preciso comprar entrada na billeteira do Concello en www.carballo.gal para:
- O concerto de CANTOMETRICS “Efémeras” do venres 9 de maio no Pazo da Cultura. O prezo é de 5€/3€ con desconto.
- A función de teatro de Grupo Chévere As fillas bravas de Momán 2025, tamén no Pazo da Cultura o xoves 15 de maio. O prezo é de 5€/3€ con desconto.
- É necesaria reserva previa para:
- As Xornadas Vivan as do meu lugar do sábado 3 de maio no Pazo da Cultura. Inscrición no correo electrónico <vivanasdomeulugar@gmail.com>.
- Reserva previa de convite na billeteira do Concello en www.carballo.gal para o concerto do CONSELLO DA CULTURA GALEGA do venres 16 de maio, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura.
PROGRAMA