Carballo renova as tubaxes de fibrocemento

Nos últimos tres anos, o concello substituíu 33 quilómetros de rede de fibrocemento no casco urbano de Carballo Co fin de paliar os problemas que acarrean as tubaxes de fibrocemento, o concello de Carballo vén de anunciar que acometerá ao longo deste ano varias obras co fin de substituir esta tubaxes no casco urbano. Esta é a liña de traballo dos últimos anos, incorporando en todas as obras que se executan na rede viaria novas canalizacións para modernizar todos os servizos soterrados, entre eles o de auga. En só tres anos reducíronse de 35 a 33 os quilómetros de rede de fibrocemento existente no casco urbano, polo que nestes momentos representa só un 19% dos 171,3 quilómetros totais da traída de auga. Malia ser minoría, o feito de que as vellas tubaxes de fibrocemento estean presentes en todos os barrios provoca que as roturas afecten, como está a ocorrer estes días, a distintos puntos: rúas Cervantes, Vázquez de Parga ou Rosas, por exemplo. Nesta última rúa, unha das máis afectadas, o servizo quedou restablecido ás 10:30 horas de venres, pero o problema trasladouse uns metros máis arriba, á avenida das Flores, onde a avaría quedará resolta durante a tarde do venres. Tamén se traballa na rúa Barcelona, outra das afectadas, mentres que en Camelias e Gardenias, onde se produciron roturas na madrugada do venres, a empresa concesionaria do servizo, Gestagua, rematou xa pola mañá. Segundo os técnicos de Gestagua, as últimas roturas poderían ser consecuencia dunha bolsa de aire que cos novos sistemas non se producirían. Por iso, desde o goberno municipal estase a traballar para ir, progresivamente, e na medida das posibilidades orzamentarias e legais, substituíndo toda a rede antiga do casco urbano. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo