O estudo terá un custe de 10.406 euros e realizarase nos distintos inmobles públicos do municipio
O concello de Carballo vén de poñer en marcha un programa de medición da concentración de radon en aire nun total de 46 inmobles públicos (edificios administrativos, colexios, centros sociais...), xa que desde o punto de vista xeolóxico, unha parte importante da superficie do concello carballés está emprazada en granito, e, en xeral, o substrato granítico do subsolo presenta unha maior taxa de radon ca outros materiais. O novo Código Técnico da Edificación (CT E) inclúe unha serie de medidas que deben adoptar as novas edificacións para limitar a exposición dos seus habitantes ao gas radon, que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é a segunda causa de cancro de pulmón.
Nesta primeira fase da campaña de medicións está a realizarse unha medición en todos os edificios con detectores denominados pasivos. No caso de que se detecte unha concentración elevada en algún inmoble realizaríase unha segunda medición con detectores activos. O obxectivo é coñecer os niveis de concentración de radon para poder adoptar as medidas correctoras precisas se é o caso. O custe do estudo é de 10.406 euros.
Que é o radon?
O radon é un elemento químico gasoso e inestable no tempo, procedente da cadea de desintegración do uranio, que nese proceso emite partículas radioactivas de gran enerxía e altamente ionizantes, e ademais é indetectable agás con equipos específicos de medición. O radon está presente en toda Galicia debido á proliferación de solos graníticos. Aínda así, Carballo non se atopa entre os 25 con maior risco. A nivel particular, os expertos recomendan adoptar as medidas precisas no momento da edificación, que co novo CTE xa serán de obrigado cumprimento, e unha serie de prácticas cotiás como ventilar a vivenda polo menos dúas horas ao día ou aspirar en vez de varrer.
Fonte